DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Reitor, Alberto Gago, explicou as novidades do ano académico

21.500 alumnos inician o curso nos tres campus

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mªdel Carmen Echevarría DUVI 25/09/2007

Na presentación das novidades do curso 2007/2008, Alberto Gago, confirmou que a suma de alumnos dos tres campus que conforman a Universidade de Vigo, alcanzaba a 1 de setembro os 21.500, dos que 5.500 corresponden a Ourense, 4.000 a Pontevedra e 12.000 a Vigo.
Se ben nos campus de Ourense e Vigo rexistrouse un descenso de pouco máis de 100 alumnos respecto ao curso pasado, no campus de Pontevedra o número de estudantes mantense estable. Un feito que o Reitor destacou asegurando que “é un campus ben definido e cun forte tirón”.
Sobre a evolución do alumnado e tendo en conta a recente confirmación da Consellería de Educación que situou en 2.500 a redución de alumnos en ESO e Bacharelato, Alberto Gago, prevé que siga baixando lixeiramente, ata chegar, posiblemente aos 20.500 ou 20.000 matriculados. Sen embargo para o Reitor da Universidade de Vigo “para falar de reducir tarima, de ampliar grupos prácticos e titorías personalizadas é un escenario ideal”.
En calquera caso, Gago, puntualizou que ao tempo que se rexistra un descenso no número de alumnos de grao, prodúcese un incremento dos que cursan másters e doutoramentos.
Asemade o Reitor destacou que a Universidade de Vigo segue a ser líder en Galicia en mobilidade de alumnos que lembrou “é unha aposta estratéxica desta institución”.

Actuacións de I+D

A inauguración neste derradeiro trimestre de 2007 do CITI, o Centro de Investigación, Transferencia e Innovación de Galicia, de Ourense, foi unha das actuacións de I+D, destacadas polo Reitor na súa comparecencia.
A ela sumaranse, no transcurso do ano 2008, outras actuacións como o módulo tecnolóxico industrial onde están os laboratorios de enerxía renovables, que Gago afirmou, terá que estar en conexión o ser a sede do centro de eficiencia enerxética que a Xunta quere situar na universidade, xunto con todas as empresas do sector enerxético.
Pero 2008, afirmou o Reitor, será tamén o ano do GRADIANT, o Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia, e do CITEXVI, a Cidade Tecnolóxica de Vigo, ao tempo que a Universidade tamén espera que sexa o ano da súa participación no Centro Tecnolóxico da Carne de Ourense e na Cidade do Mar de Vigo.

Plan Estratéxico e Universiada

Pero 2008 será tamén, segundo dixo hoxe o Reitor, o da presentación do Plan Estratéxico da Universidade de Vigo, un documento que define as liñas básicas de actuación e apostas da institución académica para os próximos catro anos. Un documento no que se ven traballando no último ano coa participación tanto da comunidade universitaria, como de expertos externos, e que servirá, por exemplo, para definir cuestións como a incorporación de investigadores externos.
En relación coa celebración en Vigo da Universiada, o Reitor, avanzou que en breve estará rematado un informe no que traballan técnicos da Universidade que "está ao que lle pidan tanto a nivel persoal como presupuestario". Para Gago está claro que "si hai unha decisión favorable a Vigo, haberá que botar o resto".