DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita desenvólvese ata o xoves na Facultade de Ciencias

O 21st EuroBlight Workshop reúne en Ourense a 120 especialistas de 20 países para abordar os retos na loita contra as enfermidades da pataca

O obxectivo é avanzar no control sostible do mildio e da alternariose

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Internacional
  • Investigación
  • Investigación
DUVI Ourense 19/05/2026

120 especialistas procedentes de 20 países, dos cinco continentes e de 58 centros de investigación e empresas participan desde este martes e ata o xoves no 21st EuroBlight Workshop, que ten lugar na Facultade de Ciencias do campus de Ourense. A cita constitúe un dos encontros científicos internacionais máis relevantes no ámbito da sanidade vexetal e da produción sostible da pataca. O seu obxectivo é aunar coñecemento para avanzar no control sostible do mildio e da alternariose, as dúas principais problemáticas que afronta o cultivo da pataca. 

O encontro en Ourense está promovido polo Grupo de Investigación en Sistemas Agroambientais (GISA) da UVigo, sendo as súas responsables M. Carmen Seijo e Laura Meno, e enmárcase na liña de investigación deste grupo en patóxenos de cultivos como a pataca. Ademais, conta co apoio da Vicerreitoría do campus de Ourense e do Campus Auga, o proxecto de especialización do campus ourensán acreditado pola Xunta de Galicia, e a Deputación de Ourense-Inorde. 

Na súa apertura este martes Francisco Javier Rodríguez Rajo, vicerreitor do campus de Ourense, apuntou a pertinencia da celebración deste evento no campus, lembrando como grazas a el a Universidade de Vigo está situada no Global Ranking of Academic Subjects (GRAS) no posto 17 do mundo en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos e entre as 300 mellores (no tramo 201-300) en Ciencias Agrícolas. Agradecendo a elección de Ourense para acoller o 21st EuroBlight Workshop, o responsable académico indicou que supón “unha oportunidade única para continuar medrando” neste eido de investigación. Do mesmo xeito, Emma González, xerente do Inorde (Deputación de Ourense), destacou a gran relevancia económica e social do cultivo da pataca na provincia de Ourense, nomeadamente en Xinzo de Limia. Por parte de EuroBlight interveu na apertura Alison Lees, que explicou as características desta rede e do encontro.

Ameazas fitosanitarias cada vez máis complexas

A rede EuroBlight reúne periodicamente universidades, centros tecnolóxicos, empresas, administracións públicas, persoal investigador e profesionais do sector agrario para abordar un dos grandes desafíos da agricultura europea: o control do mildio e da alternariose da pataca (Phytophthora infestans e Alternaria), que cada ano ameazan a produtividade e a sostibilidade deste cultivo estratéxico. Neste contexto de traballo, entre os principais temas escollidos para abordar no encontro en Ourense están como xestionar o mildio con acceso limitado a funxicidas tradicionais; as estratexias para previr resistencias a funxicidas e uso de produtos alternativos; e a aplicación do coñecemento sobre a planta hospedadora, o patóxeno e as súas interaccións para mellorar estratexias de control e sistemas de axuda á decisión. Tamén se falará da integración de modelos locais de predición con información de hóspede e patóxeno a escala de paisaxe; a colaboración global para comprender, innovar e limitar a dispersión de enfermidades e a ciencia, innovación e cooperación europea. Entre as cuestións abordadas nas primeiras sesións celebradas este martes estiveron a busca de variedades de patacas menos susceptibles ao mildio e os métodos para detectar a presencia destes patóxenos en campo e a tempo real. 

Durante catro días, o evento en Ourense reúne especialistas de distintos países, entre eles todos os referentes na temática da cita, para compartir resultados científicos, ferramentas dixitais, estratexias de manexo integrado e novas liñas de colaboración. Alén de centros de investigación, desde a organización destacan tamén a participación das grandes empresas internacionais que contan con departamentos de investigación que traballan no desenvolvemento de funxicidas. O encontro poñe especial énfase no intercambio de datos, a ciencia colaborativa e a creación de infraestruturas comúns para responder a ameazas fitosanitarias cada vez máis complexas. A celebración na Universidade de Vigo deste 21st EuroBlight Workshop, comentan desde a organización, “sitúa o campus de Ourense no mapa europeo da investigación agraria e medio ambiental”. 

Segundo sinalan desde o comité organizador, a produción de pataca en Europa afronta actualmente novas dificultades derivadas da aparición de cepas máis agresivas dos patóxenos, algunhas con menor sensibilidade a funxicidas clave e outras capaces de superar resistencias xenéticas presentes en variedades comerciais. A isto súmanse os cambios lexislativos e ambientais que afectan ao uso de produtos fitosanitarios, así como maior demanda dos consumidores e consumidoras de alimentos máis sostibles e respectuosos. Neste contexto, a rede EuroBlight impulsa a cooperación científica internacional para deseñar, probar e avaliar solucións innovadoras que permitan un control máis sostible, eficaz e resiliente do mildio e da alternaria en toda Europa. “Non é especialmente o caso de Galicia, pero moitas zonas de Europa moi importantes na produción da pataca teñen na actualidade problemas moi severos de control da epidemia do mildio, que é unha enfermidade moi agresiva, que en poucos días pode acabar cunha colleita”, apunta por último Carmen Seijo.