DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alemaña, Italia, Francia, Inglaterra, Portugal e Irlanda, serán os destinos

23 titulados realizarán prácticas profesionais en seis países co Programa Europeo de Becas Internacionais

O programa é unha iniciativa da Deputación de Ourense e da Vicerreitoría do campus

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Marta Casanova DUVI 18/04/2008
Alemaña, Italia, Irlanda, Inglaterra, Portugal e Francia serán os destinos nos que unha vintena de alumnos do campus realizarán prácticas profesionais grazas ao Programa Europeo de Becas Internacionais que a Deputación de Ourense, a través da Unidade de Promoción e Desenvolvemento, e en colaboración coa Vicerreitoría do campus, acaba de poñer en marcha. Estes 23 estudantes serán os primeiros dos cen beneficiarios que este ano recibirán as axudas, que cobren un curso de inmersión lingüística no idioma do país, unha dotación económica para aloxamento e manutención, o billete de ida e volta, os traslados, e un seguro de enfermidade e accidentes.
A piques de comezar a súa experiencia no estranxeiro, os xa titulados recibiron de mans do vicerreitor do campus, Juan Francisco Gálvez, do presidente da deputación, Jose Luis Baltar, e do director da UPD, Jose Juan Cerdeira, un diploma acreditativo da beca no que figuraba o seu destino definitivo e a empresa adaptada á súa formación académica onde van traballar nos vindeiros meses. Ao acto, que tivo lugar no Instituto Otero Pedraio, acudiron representantes das principais empresas ourensás, técnicos de emprego das distintas administracións, así como un nutrido grupo de profesores da Universidade de Vigo, entre os que se atopaban o decano da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, José Carlos Yáñez, o seu antecesor no posto e actual deputado, Jesús Vázquez, a decana de Dereito, Inés Iglesias, e o director da Escola Superior de Enxeñaría Informática, Enrique Barreiro.
O obxectivo deste programa, o único ofertado por unha deputación galega, e o máis ambicioso de España, é facilitar unha experiencia profesional internacional aos titulados da provincia, en diferentes sectores económicos, á vez que aumentan o seu nivel de coñecemento dunha lingua estranxeira. Nun momento no que se está a levar a cabo o proceso de adaptación ao EEES, e como destacaron a maior parte dos beneficiarios da bolsa, “é moi importante que iniciativas como esta favorezan a mobilidade e, ademais, nos dean a oportunidade de conseguir un primeiro emprego, cousa nada fácil hoxe en día” repetiron nos seus discursos.

Unha oportunidade para os titulados ourensáns

Juan Francisco Gálvez, agradeceu o activo papel da deputación na súa aposta “para que os nosos titulados teñan máis oportunidades de cara ao mercado laboral que os doutros campus.Un campus que é factor decisivo no desenvolvemento económico da provincia”, dixo. Ademais tamén tivo unhas palabras para os bolseiros, aos que pediu “que fagades un oco na maleta para a responsabilidade, tanto respecto á vosa formación como como representantes deste campus. Que vaiades tranquilos coa seguridade que vos dá a vosa magnífica formación, e que demostredes a base de traballo que merecedes este premio ao esforzo que tendes en forma de bolsa, aproveitando a oportunidade e sen deixarse levar pola morriña”.
Pola súa banda, Baltar recordou como “fai dous meses presentamos este proxecto na Universidade. A resposta acadada superou as nosas expectativas e varios centos de titulados se interesaron pola posibilidade de participar nel, tanto nesta convocatoria como nas posteriores. Felicítovos por haber sido seleccionados, e agardo que vos aporte o que todos esperamos” dixo. “A formación da nosa mocidade, a aprendizaxe de idiomas e a posibilidade de ofertar experiencias profesionais en Europa van ser as nosas prioridades institucionais, enmarcadas na mellora constante dos recursos humanos. O futuro da nosa provincia pasa por contar con xeracións cada vez máis preparadas, e nese senso o papel da Universidade é fundamental, polo que me sinto moi orgulloso de todos vós, os cidadáns do futuro, que queredes á vosa rexión e que a ides representar en toda Europa, e á que ides traer o progreso” finalizou.