DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O edificio Politécnico acolle a exposición ‘Pareidolias’

24 fotografías para unha viaxe interpretativa pola arte microscópica

Está organizada polo Grupo de Innovación Docente en Bioloxía

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Cultura
  • Divulgación
  • Investigación
DUVI Ourense 16/11/2018

Pareidolias. Viaxe interpretativa pola arte microscópica. Con este título preséntase unha exposición que desde esta xoves convida aos membros da comunidade universitaria do campus de Ourense a que, no seu paso polo edificio Politécnico, se achegue á ciencia a través da beleza e da capacidade de evocación das súas imaxes máis artísticas. O obxectivo da iniciativa é achegar as distintas disciplinas incluídas na bioloxía ao conxunto da sociedade cunha visión artística e divertida, segundo explican as súas promotoras.

A mostra, que estará no campus ata o 15 de decembro, é unha iniciativa das profesoras da Facultade de Bioloxía do campus de Vigo e membros do Grupo de Innovación Docente en Bioloxía Rosa Álvarez, Encarna de Miguel e Mª Jesús Iglesias e conta con financiamento da Vicerreitoría de Ordenación Académica e Profesorado. O seu obxectivo, comentan as súas responsables, é “divulgar información científica de forma amena e divertida ao alumnado e ao público en xeral. Cremos, ademais, que é moi importante trasladar a marca da Universidade de Vigo a outros sectores da sociedade dentro dun contexto cultural máis accesible”, motivo polo cal a exposición ten percorrido xa diferentes colexios da provincia de Pontevedra ademais da propia Facultade de Bioloxía.

Que ves?

Para acadar o seu obxectivo divulgativo, detallan desde a súa organización, nesta exposición “eliximos o formato de fotos de microscopio que amosan a morfoloxía de diversas estruturas animais e vexetais utilizando diversas técnicas histolóxicas”. Concretamente, a exposición conta con 24 imaxes obtidas no estudo microscópico de mostras de tecidos de organismos animais e vexetais, como por exemplo o interior dunha folla de piñeiro ou camelia e a citoarquitectura do intestino humano ou do cerebro dun peixe. As fotos elixidas destacan pola beleza artística e pola súa capacidade de evocación.

As fotografías expostas, comentan as promotoras da iniciativa, convidan ao cada observador a responder ás preguntas: que ves? ou que che suxire esta imaxe?, xa que as imaxes xogan co concepto de “pareidolia”. “Ver formas familiares onde non as hai coñécese como pareidolia e é un fenómeno psicolóxico consistente no recoñecemento de patróns significativos en estímulos ambiguos e aleatorios”, comentan as profesoras. Dito doutra forma, aclaran, “o teu cerebro atópase nunha fase de aforrar tempo e o que fai é buscar formas coñecidas xa existentes na memoria, na súa base de datos, e fai predicións sobre algo que ve”. “Quen non viu animais, rostros ou outras formas recoñecibles nas nubes ou siluetas no pavimento, en árbores, rochas ou noutros obxectos cotiáns?”, pregúntanse as profesoras. Así, a mostra está pensada para que o público vexa a imaxe de orixe científico, a asocie con cousas que nada teñen que ver en realidade con ela e logo descubra nos carteis postos ao carón de cada imaxe realmente a que corresponde esa fotografía.