DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A formación está organizada pola escola Estou

25 estudantes de Ciencias da Educación inician a súa formación para ser monitores de tempo libre

Ao remate obterán o título acreditado pola Xunta

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • Ourense
  • Académica
DUVI Ourense 01/06/2018

Este venres comezou o mes de xuño e como xa vén sendo tradición por esta data arrancou tamén unha nova edición do Curso de Monitor/a de Actividades de Tempo Libre. A iniciativa, organizada pola Escola de Tempo Libre Universitaria do campus de Ourense, coa colaboración da Asociación Universitaria de Ciencias da Educación AUCE, ofrece ás e aos participantes un intenso mes de formación tralo que obterán o título oficial para exercer como monitoras ou monitores de tempo libre con todo tipo de colectivos, desde nenos e nenas ata maiores. 

“Volvemos cunha nova edición deste curso, xa moi consolidado, aproveitando que xa non hai educación formal nas aulas da universidade e que o alumnado pode asistir a outras actividades de formación, neste caso nalgo que pode ser unha saída profesional para eles este verán”, comenta  Millán Brea, promotor da iniciativa. Como mostra da utilidade e tamén calidade desta formación, Brea sinala como as 25 prazas dispoñibles se esgotaron aos minutos de ter aberto o prazo de inscrición, habendo cola de agarda de estudantes desde unhas horas antes da apertura da matrícula. “A demanda para participar neste curso é en cada edición altísima, estamos moi satisfeitos nese aspecto”, apunta este educador social, destacando como alicientes tanto o formato intensivo da formación como as oportunidades laborais que abre a iniciativa. 

350 horas de formación nun mes

Seguindo a tendencia de anteriores edicións, a práctica totalidade das persoas que este venres comezaron o curso no Edificio de Ferro son estudantes da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense. Elas e eles asisten a unha formación que ten fundamentalmente un carácter pedagóxico e práctico. “Os contidos veñen marcados polo decreto correspondente de Xuventude e xiran arredor de temas como a animación, os xogos, o medio ambiente, etc. En todo caso, nós traballamos moito por transmitir estes contidos cunha metodoloxía pedagóxica. Cando facemos un xogo na aula non é para divertirnos nós, é para que o alumnado aprenda a facer ese xogo logo no seu traballo como monitor de tempo libre”, afirma Millán Brea.  

O curso, que se celebra do 1 ao 28 de xuño, consta de 350 horas, 200 delas teóricas e 150 prácticas, que se desenvolven de luns a venres en horario de mañá e tarde, cun total de dez horas diarias de formación en diferentes instalacións do campus de Ourense. Os docentes encargados de impartir as sesións de traballo son profesionais do mundo do tempo libre e persoas formadas en anteriores edicións do curso e que se implican habitualmente nas actividades das entidades organizadoras co obxectivo de dinamizar a participación. "Das 13 ou 14 persoas que impartiremos o curso, arredor do 80% é xente que se formou nas anteriores edicións deste curso e que volven a el xa como formadores. Aproveitámonos desa experiencia que van adquirindo e da súa enerxía”, comenta Millán Brea. 

Ao rematar o Curso de Monitor/a de Actividades de Tempo Libre, as e os participantes obterán un título de monitores de tempo libre acreditado pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Xunta de Galicia e poderán non só ser monitores de tempo libre para nenos e nenas, senón tamén para outro tipo de públicos, como persoas maiores ou con diversidade funcional.