DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Membros da comunidade universitaria gardaron un minuto de silencio

Un 25 N máis, o campus únese ao rexeitamento das violencias machistas

A asociación estudantil Auce tamén colocou materiais informativos co gallo deste día

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Igualdade
  • Institucional
DUVI Ourense 25/11/2021

Un 25 de novembro máis, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, a realidade das violencias machistas obriga á sociedade a manifestarse en prol da igualdade, en contra das agresións de xénero e en solidariedade coas vítimas desta lacra social. No campus de Ourense, membros da comunidade universitaria, convocados pola Facultade de Educación e Traballo Social, concentráronse entre os edificios Politécnico e de Ferro para gardar un minuto de silencio e amosar a súa repulsa á violencia contras as mulleres e nenas. Participaron no acto tanto alumnado como profesorado e persoal de administración e servizos.

Igualmente, o alumnado que forma parte da Asociación Universitaria de Ciencias da Educación (AUCE) levou a cabo esta semana un proxecto que tivo como obxectivo darlle visibilidade a esta problemática “e expor esa realidade da sociedade que non se quere ver”. A iniciativa consistiu na colocación de carteis en espazos comúns do Edificio de Ferro nos que se recolle información como cifras de mulleres asasinadas por violencia de xénero ou os números de teléfono aos que poden chamar as vítimas para solicitar axuda. Entre os datos visibilizados está o número de vitimas, de mulleres asasinada desde o ano 2003 por violencia machista, que ascende a 1118.