DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na segunda xornada comarcal de orientación que hoxe se desenvolveu no Condado

250 estudantes descobren en Ponteareas todo o que a Universidade lles pode ofrecer 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Estudantes
DUVI 06/02/2019

Chegados de centros de Ponteareas, Salvaterra e Mondariz Balneario, 250 estudantes de 4º da ESO, 2º de Bacharelato e FP da comarca do Condado participaron hoxe na segunda das Xornadas Comarcais de Orientación, que a Universidade de Vigo está a desenvolver como proxecto piloto dentro do seu Plan Xeral de Captación. Ao igual que sucedeu hai unha semana en Verín, hoxe no auditorio Reveriano Soutullo de Ponteareas, o alumnado que participou na segunda xornada comarcal de orientación tivo ocasión de coñecer a oferta formativa que a Universidade de Vigo imparte nos seus tres campus, así como os diferentes servizos dos que se poden beneficiar. A directora da Área de Captación de Alumando, Susana Rodríguez, foi a encargada de impartir este relatorio, que seguiu ao do delegado da Universidade na CIUG, Iván Area, sobre as probas de acceso á universidade (ABAU). ”Estas xornadas funcionan moi ben e para o curso 2019/2020 esperamos duplicar o  número de comarcas e, sen dúbida, faremos unha oferta aos centros para que colaboren cos relatorios que consideren oportunos, sempre tendo en conta que en cada xornada só podemos ofrecer unha charla temática por cada ámbito e que o interesante será ir rotando ao profesorado para  que todos os centros poidan participar ao longo das diferentes edicións”, explica a directora da Área de Captación de Alumnado.

A concelleira de Cultura e Lecer, Normalización Lingüística e Turismo de Ponteareas, Hortensia Bautista, foi a encargada de dar a benvida ao alumnado, que tamén tivo ocasión de achegarse á Universidade de Vigo a través da visión da delegacións de alumnado de varios centros. A xornada completouse con charlas temáticas sobre os ámbitos de Ciencias, Ciencias da Saúde, Enxeñaría e Arquitectura, Arte e Humanidades e Ciencias Sociais e Xurídicas, impartidas polos docentes e investigadores Pedro Pablo Gallego, Iria Da Cuña, Ignacio Armesto, José Montero e Carmen Ruiz, respectivamente.