DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha nova edición das súas xornadas de portas abertas

250 estudantes preuniversitarios coñecen de primeira man a oferta académica do campus de Ourense

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • Visitas
  • Institucional
DUVI Ourense 24/03/2026

O campus de Ourense volveu este martes a abrir as súas portas ao alumnado preuniversitario. Arredor de 250 rapazas e rapaces de Bacharelato, procedentes de seis centros educativos das provincias de Ourense e Lugo tiveron a oportunidade de pasar unha mañá coñecendo de primeira man as diferentes escolas e facultades, as instalacións universitarias e as posibilidades de futuro que teñen neste campus se deciden estudar nel. 

A cita, organizada pola Vicerreitoría do Campus de Ourense co apoio da Vicerreitoría de Estudantado e Empregabilidade da Universidade de Vigo, levou por título Coñece o campus de Ourense. Os centros educativos que participaron foron o CPR Plurilingüe Santa María (Ourense); o IES Pazo da Mercé (As Neves); o IES San Mamede (Maceda); o CPR Plurilingüe María Auxiliadora (Ourense); o IES Val do Asma (Chantada) e o IES Manuel Chamoso Lamas (O Carballiño).

A programación arrancou cunha benvida conxunta na que as e os participantes foron recibidos por Mónica Villanueva, directora da Área de Coordinación do campus de Ourense, que agradeceu ao alumnado, profesorado e centros educativos asistentes a súa participación nesta xornada e puxo en valor as oportunidades que teñen estes futuros universitarios e universitarias nas facultades e escolas do campus. Seguindo o formato de edicións anteriores, a actividade continuou con visitas guiadas ás diferentes escolas e facultades do campus, tendo o alumnado que escoller entre realizar un itinerario polas titulacións do ámbito xurídico-social, humanidades e artes ou polas do eido de ciencias e enxeñaría, segundo a modalidade de Bacharelato que están cursando. 

16 títulos de grao

Na actualidade, nas nove escolas e facultades do campus de Ourense impártense 16 títulos de grao, seis programas conxuntos de dobres graos, 15 mestrados e sete programas de doutoramento, superando a cifra de 5000 estudantes. O itinerario do ámbito xurídico-social, humanidades e artes permitiulle ao alumnado coñecer as facultades de Educación e Traballo Social; Historia; Ciencias Empresariais e Turismo; Dereito e Relacións Internacionais. O itinerario de ciencias e enxeñaría levounos á Escola Superior de Enxeñaría Informática; á Facultade de Ciencias; á Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e á Escola Universitaria de Enfermaría. 

Nas visitas, rapazas e rapaces percorreron os edificios do campus, coñecendo desde as súas aulas e laboratorios ata museos que albergan, da man de membros dos equipos decanais e directivos, que foron explicándolles todo tipo de cuestións referidas ás súas titulacións, actividades e saídas profesionais. Igualmente, en diferentes laboratorios as e os estudantes achegáronse ao traballo investigador que se realiza nas facultades e escolas ourensás, especialmente no caso da Facultade de Ciencias pero tamén en eidos como o espacial, a arqueoloxía e a intelixencia artificial. No seu percorrido tamén tiveron a oportunidade de coñecer o Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado pola Xunta de Galicia, e instalacións universitarias comúns, como as deportivas, a biblioteca e as zonas verdes.