Co obxectivo de axudarlles tamén a eles a dar o salto ao mercado laboral
O 26 Foro Tecnolóxico de Emprego amplía o foco ao alumnado de Formación Profesional
O alcalde de Vigo comprometeu este martes todo o apoio do concello a esta iniciativa
Xa está todo practicamente listo para a celebración no campus os vindeiros 24 e 25 de febreiro dunha nova edición, e xa van 26, do Foro Tecnolóxico de Emprego, unha cita que este ano amplía o foco ao alumnado de ciclos formativos de Formación Profesional. Así o anunciaron este martes os responsables da iniciativa, estudantes de enxeñaría na UVigo, nunha xuntanza mantida co alcalde, Abel Caballero, no Concello de Vigo, un encontro que aproveitaron para convidar a todas as mozas e mozos da cidade, non só estudantes de enxeñaría, a achegarse nalgún deses días as tres escolas de enxeñaría do campus, convertidas nestas datas en punto de encontro entre o talento que está a piques de incorporarse ao mercado laboral e as empresas que están en pleno proceso de captación de novos profesionais.
Asistiron á xuntanza Juan Pontón, coordinador xeral desta edición, xunto con Antía Rodal, Andrea Vicente e Belén Puente, coordinadoras de Comunicación, Organización e de Marketing. “As empresas buscan todo tipo de perfís, non só enxeñarías, calquera persoa será benvida”, e iso é, tal e como recalcaron tras a xuntanza, o que lles gustaría ver: as tres escolas cheas de mozas e mozos buscando aquí a súa primeira oportunidade laboral.
“O foro dáche a oportunidade de falar cun montón de empresas”
“O foro dáche a oportunidade de falar cun montón de empresas, ver cousas que nin sequera sabías que existen, atopar o que che gusta... Son moitas as empresas que queren estar aí, que están buscando a persoas como nós”, subliñaro os estudantes, animando así a todo o alumnado, non só universitario, senón tamén dos ciclos técnicos de Formación Profesional a participar nas diferentes iniciativas, desde a visita ás postos das empresas ata os talleres formativos, algúns de carácter máis técnico e outros de carácter xeral sobre orientación laboral, onde aprender a facer un CV, como enfrontarse a unha entrevista de traballo...
“Que non se corten, que pregunten en cada un dos postos das empresas que opcións teñen para eles, que deixen os seus currículos”, explicou Pontón, ao tempo que foi explicando que xunto a estas actividades inclúense tamén mesas redondas con responsables de recursos humanos de distintas compañías, “onde contrastar as expectativas que teñen os estudantes á hora de entrar en contacto co mundo laboral e a realidade do mercado”, e actividades como o speed-crecruiting, “unha formato breve de entrevistas rápidas nas que os alumnos e alumnas poden entrevistarse en menos de media hora con moitas empresas”.
Fixose así mesmo fincapé en que o principal elemento que define o foro é ser unha iniciativa “organizada por estudantes para os estudantes”, polo que está perfectamente adaptada ás necesidades do alumnado, sobre todo pensando naqueles que están a piques de rematar a carreira, “falicitándolles a transición ao mundo laboral”.
Caballero pon en valor o “excepcional talento tecnolóxico” vigués
Pola súa banda, o alcalde agradeceulles todo o labor que, ano a ano, levan a cabo e comprometeu o apoio do concello non só a esta iniciativa, senón a todas aquelas que poidan xurdir de cara a conectar o talento tecnolóxico coa propia cidade. “Estamos xa na 26 edición do foro, o que significa que cando isto arrancou eu estaba activo na Universidade, eran os meus tempos de catedrático de Economía”, salientou Caballero, quen aproveitou a ocasión para resaltar o papel do foro como lugar de encontro “no que pór en contacto a excelencia formativa da Universidade cos principais axentes sociais, as empresas”.
En relación tamén ao “excepcional talento tecnolóxico” que reside en Vigo, puxo en valor a capacidade que se acumula nesta cidade de desenvolver tecnoloxía e saber levala adiante. Como exemplos deste saber facer botou man da fábrica de chips fotónicos da que apenas hai uns días se puxo a primeira pedra, “un proxecto que xurdiu precisamente na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación”, ou o caso da empresa Indra “que vai contratar de maneira inmediata a 200 enxeñeiras e enxeñeiros”.
