DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Preto de 21.200 persoas poden participar na elección da primeira reitora da UVigo 

27 mesas, 47 urnas e miles de papeletas preparadas para votar este venres a Carmen García Mateo ou a Belén Rubio 

Proclamarase gañadora a candidata que obteña máis votos ponderados

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Democracia
  • Eleccións
  • Reitora
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 14/05/2026

Ás 10.00 horas deste venres 15 de maio comezará o proceso de elección da primeira reitora da Universidade de Vigo. A segunda volta das eleccións á Reitoría que se celebrarán mañá determinará, en función de que candidata obteña máis votos ponderados, se Carmen García Mateo ou Belén Rubio Armesto dirixirá a institución académica viguesa ata o ano 2032 nun único mandato de seis anos de duración.

Rematará así un proceso que comezou de xeito oficial o 22 de xaneiro, data na que o Consello de Goberno daba luz verde á convocatoria de eleccións de representantes do Claustro, aínda que meses antes xa se oficializaran as tres candidaturas que ían concorrer á Reitoría: H2040, Nós Universidade e ConSenso, que non acadou, o pasado 6 de maio, os votos suficientes para pasar á segunda volta das eleccións. Así que, con dúas candidatas entre as que elixir, 21.179  membros da comunidade universitaria volven estar convocados este venres 15 de maio a votar nalgunha das 47 urnas, localizadas nas 27 mesas distribuídas entre os campus de Vigo, Ourense e Pontevedra.

As facultades de Filoloxía e Tradución; Bioloxía; Ciencias do Mar; Química; Ciencias Económicas e Empresariais; Ciencias Xurídicas e do Traballo; as escolas de Enxeñaría Industrial, Enxeñaría de Telecomunicación e Enxeñaría de Minas e Enerxía; así como edificio Exeria; ademais da Escola de Enxeñería Industrial e a Facultade de Comercio, en Torrecedeira, son os lugares onde poderán exercer o seu dereito a voto os membros da comunidade universitaria do campus de Vigo. No de Ourense, os lugares de votación serán as facultades de Ciencias, Historia, Dereito, Ciencias Empresariais e Turismo, Educación e Traballo Social e Relacións Internacionais; e nas escolas de Enxeñaría Informática e Aeronáutica e do Espazo; mentres que no campus de Pontevedra as mesas electorais estarán dispostas nas facultades de Belas Artes, Ciencias da Educación e do Deporte, Comunicación, Fisioterapia, Deseño, Dirección e Xestión Pública e na Escola de Enxeñaría Forestal.

Ata as 18.00 horas poderán exercer o seu dereito a voto 2149 integrantes do persoal docente investigador, PDI-A e PDI-B; 18.273 estudantes de 1º, 2º e 3º ciclo; e 757 PTXAS, unhas 700  persoas máis que en 2022. O voto é ponderado, aplicando as mesmas porcentaxes da representación dos sectores no Claustro: 51% PDI-A; 25% alumnado; 15% PTXAS e 9% o PDI-B; e os resultados poderán coñecerse en tempo real a través dun enlace disposto con esta finalidade.

Carmen García Mateo e a súa candidatura

Carmen García Mateo, que exercerá este venres o seu dereito a voto ás 11.00 horas na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, foi con1763 sufraxios a candidata máis votada na primeira volta das eleccións, na que realizadas as ponderacións obtivo unha porcentaxe total de votos do 40,29% (1781 votos). 

Doutora e enxeñeira de Telecomunicación pola Universidade Politécnica de Madrid en 1993 e 1987 respectivamente, García Mateo desenvolve a súa traxectoria profesional na UVigo dende 1987, onde é profesora na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e investigadora responsable do Grupo de investigación en Tecnoloxías Multimedia (GTM) de atlanTTic. Traballa nos eidos de tecnoloxía da fala en galego e castelán, segmentación de audio e recoñecemento biométrico de persoas. En 2014 foi distinguida co premio Maria Josefa Wonenburger co que a Xunta de Galicia recoñece as carreiras profesionais de mulleres ligadas ao mundo científicos e tecnolóxico. É coautora de máis de 100 artigos en revistas e congresos internacionais e dirixiu 10 teses de doutoramento. Dende o punto de vista da xestión universitaria, exerceu como vicerreitora de Titulacións e Converxencia Europea da UVigo entre 2006 e 2010 con responsabilidade adaptación da oferta académica da institución ao Espazo Europeo de Educación Superior. 

Carmen García Mateo concorre á fronte e Nós Universidade a estas eleccións á Reitoría da UVigo cun equipo con Xosé H. Vázquez, profesor da Área de Organización de Empresas e na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, para a Vicerreitoría de Estratexia, Gobernanza e Economía; Esther Pillado, catedrática de Dereito Procesual docente na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, que foi secretaria xeral da UVigo e Valedora Universitaria, como vicerreitora de Oferta Académica; e Manuel Martínez, catedrático do Departamento de Física Aplicada e coordinador do grupo de investigación FA2, como vicerreitor de Investigación.  

Polo que respecta á Vicerreitoría de Profesorado e Persoal Investigador, a persoa proposta é Rebeca P. Díaz, catedrática na Área de Enxeñaría Telemática e directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación. A Vicerreitoría de Transferencia, Innovación e Impacto Social, recaería en Rafael Comesaña, profesor da Área de Mecánica dos Medios Continuos e Teoría de Estruturas con docencia nas escolas de Enxeñaría Industrial e Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo. Completan o equipo Loli González, profesora titular na Facultade de Filoloxía e Tradución, que foi vicerreitora de Estudantes, para ocupar a Vicerreitoría de Estudantes e Vida Universitaria, e Xabier Martínez Rolán, profesor da Facultade de Comunicación, para ser vicerreitor de Docencia e Transformación Educativa; mentres que David Álvarez, profesor no Departamento de Enxeñaría dos Materiais, Mecánica Aplicada e Construción e docente da escolas de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e Enxeñaría Industrial, é a proposta para liderar a Vicerreitoría de Infraestruturas, Enerxía e Mobilidade. 

Neste equipo a proposta para a Vicerreitoría do Campus de Ourense é Montserrat Cruz, profesora da Área de Organización de Empresas e na Escola Superior de Enxeñaría Informática. Para a Vicerreitoría do Campus de Pontevedra, a persoa elixida é Marián Fernández, profesora da Área de Educación Física e Deportiva e docente da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte; mentres, Enma Rodríguez, profesora titular acreditada a catedrática de Dereito do Traballo e da Seguridade Social, ocuparía a Secretaría xeral da UVigo. 

Belén Rubio e o equipo que a acompaña

Belén Rubio Armesto, que votará este venres ás 10.30 horas na Facultade de Ciencias do Mar, sumou na primeira volta 1490 sufraxios, un resultado que feitas as ponderacións deixou unha porcentaxe total de votos do 33,91% (1499 votos) para H2040.

Licenciada en Bioloxía pola USC, Belén Rubio é catedrática de Estratigrafía do Departamento de Xeociencias Mariñas e Ordenación do Territorio da UVigo desde o ano 2009 é docente, desde 1991. Como investigadora pertence ao grupo de Xeología Mariña Ambiental, centrando o seu labor investigador no estudo da sedimentoloxía de ambientes costeiros e mariños profundos, con énfase na contaminación por metais, os cambios diaxenéticos e a evolución paleoambiental e paleoclimática. Con cinco sexenios de investigación e un máis de transferencia participou en máis de 30 proxectos de investigación. Publicou máis de 100 traballos científicos (artigos en revistas, capítulos de libros, etc), dos que máis de 57 son en revistas JCR (indice H= 23). Como xestora foi decana da Facultade de Ciencias do Mar; secretaria da Conferencia de Decanos de Ciencias del Mar; secretaria de departamento e vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, cargo que ocupa actualmente. 

En canto ao equipo de goberno proposto pola candidata de H2040, a candidata à Secretaría Xeral é a actual responsable deste órgano, a catedrática de Dereito Romano María José Bravo Bosch. A decana da Facultade de Comunicación, Emma Torres, asumiría a Vicerreitoría de Comunicación e Normalización Lingüística; e o catedrático de Comercialización e Investigación de Mercados e director adxunto de Ecobas, Pablo Cabanelas, é o candidato á Vicerreitoría de Economía, Estratexia e Emprendemento. Pola súa banda, a profesora de Fisioterapia e actual vicerreitora do campus de Pontevedra, Eva María Lantarón, sería a Vicerreitoria de Estudantado e Captación e a profesora da Escola Superior de Enxeñaría Informática, Alma Gómez é a proposta de H2040 para a Vicerreitoría de Extensión Universitaria; mentres que o actual vicerreitor de Planificación e Sostibilidade, o profesor do Departamento de Física Aplicada Félix Quintero é o candidato a vicerreitor de Planificación e Infraestruturas. 

A Vicerreitoría de Internacionalización e Cooperación ao Desenvolvemento sería asumida por Iago Pozo, profesor na área de Explotación de Minas e actual director da Área de Promoción da Internacionalización; mentres que o catedrático de Estatística e director adxunto de transferencia do CITMaga, Javier Roca é o candidato á Vicerreitoría de Investigación e Transferencia. A Vicerreitoría de Profesorado, Ordenación Académica e Titulacións sería asumida pola actual vicerreitora de Profesorado, a catedrática de Fisioloxía Vexetal Adela Sánchez Moreiras; e Luis Álvarez Sabucedo, profesor de Enxeñaría Telemática e subdirector de atlanTTic, encargaríase da Vicerreitoría de Transformación Dixital. Pola súa banda, o catedrático de Botánica e actual vicerreitor do campus de Ourense, Francisco Javier Rodríguez, opta a continuar neste cargo, e a profesora da área de Didáctica de Expresión Musical Sara Domínguez é a candidata á Vicerreitoría do campus de Pontevedra. 

O último en incorporarse ao equipo foi Juan Carlos Porrúa Pardal, funcionario do corpo superior da Xunta de Galicia con máis de 40 anos de experiencia na administración pública e en postos directivos de alta responsabilidade, candidato á Xerencia de H2040.

Os resultados dunha primeira volta con tres candidaturas

Na primeira volta das eleccións celebrada o pasado 6 de maio, os membros da comunidade universitaria emitiron 4421 votos válidos a candidaturas, que ascenden a 4530 se se suman os 109 brancos, Carmen García Mateo con 1763 foi a candidata máis votada entre o PDI-A, o PTXAS e o alumnado; seguida de Belén Rubio con 1490 sufraxios e que foi a candidata máis respaldada polo PDI-B; e Jacobo Porteiro que sumou 1168 votos. Realizadas as ponderacións, o resultado deixou unha porcentaxe total de votos do 40,29% (1781 votos) para a candidata de Nós Universidade; 33,91% (1499 votos) para H2040 e 25,81% (1141 votos) para ConSenso.

En relación coa participación por sectores na primeira volta, o PDI-A acadou un 86,26%; o PTXAS un 83,22%; o PDI-B un 58,95% e o alumnado un 13,14%. Carmen García Mateo, recibiu o apoio de 300 PDI-A, fronte aos 299 de H2040 e os 218 de ConSenso; mentres que o PDI-B respaldou con 269 votos a Rubio; con 225 a García Mateo e 173 a Porteiro. Pola súa banda, o PTXAS outorgou o seu respaldo maioritario á candidata de Nós Universidade con 358 votos; fronte aos 121 de H2040 e os 107 de ConSenso. No caso do alumnado, a candidatura de Carmen García Mateo tamén foi con 880 a máis votada, seguida da de Belén Rubio con 801 e a de Jacobo Porteiro con 107 sufraxios. En canto á participación por sectores, o PDI-A acadou nesta primeira volta un 86,26%; o PTXAS un 83,22%; o alumnado un 13,14%.

Por campus, dos 4421 votos válidos emitidos a candidaturas, 2546 rexistráronse no de Vigo; 1103 en Ourense e os 772 restantes en Pontevedra. Carmen García Mateo foi a candidata máis votada nos campus de Vigo e Pontevedra, onde acadou 1154 e 329 votos, respectivamente; mentres que Belén Rubio impúxose no de Ourense con 567 votos, fronte aos 280 da candidata de Nós Universidade e os 256 de ConSenso.