DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Celebraranse en Braga os días 20 e 21 deste mes

28 deportistas representarán á Universidade nos Xogos Galaico Durienses

Participan as seis institucións académicas de Galicia e o norte de Portugal

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Deportes
  • Internacional
  • Deportes
DUVI 14/11/2018

Os Xogos Galaico Durienses compren 25 anos reunindo os deportistas universitarios das tres universidades do norte de Portugal e das tres galegas. En total, nestes anos foron xa máis de 8600 os mozos e mozas que participaron nesta cita eurorrexional, que na edición de 2018 se celebrará en Braga. A competición desenvolverase os días 20 e 21 deste mes e a Universidade de Vigo estará representada por un equipo de 28 deportistas, que estarán acompañados por tres adestradores e dous técnicos da Área de Benestar, Saúde e Deporte. 

Nesta edición a organización apostou por tres modalidades deportivas: fútbol sala mixto, baloncesto 3x3 masculino e feminino e natación e en todas elas poden participar tanto alumnado como profesorado e persoal das seis universidades. O obxectivo deste evento multideportivo é crear un punto de encontro, contar cun exemplo de cooperación transfronteiriza e de creación de lazos e relacións institucionais entre as universidades de Vigo, Santiago de Compostela e A Coruña e Porto, Minho e Trás-Os-Montes e Alto Douro.

25 anos e 32 edicións

Os Xogos Galaico Durienses comezaron a incubarse no comezo da década de 1990 da man de dous profesores da Universidade de Vigo e da de Porto, Patricio Sánchez Bello e José Pedro Sarmento. A súa intención era xerar unha serie de encontros deportivos regulares entre as universidades lusas e galegas e, tras varios anos de traballo, a primeira edición tivo lugar en 1993. Esta iniciativa naceu para aumentar a oferta deportiva de eventos internacionais para as seis universidades implicadas e mellorar o coñecemento sobre a organización deportiva das institucións, intercambiando boas prácticas e experiencias. Paralelamente, este evento permite ao alumnado e persoal gozar dunha experiencia internacional dende o punto de vista deportivo, social e humano. 

Nestes 25 anos desenvolvéronse 31 edicións, xa que durante un período de tempo se celebraran dúas competicións cada ano. Tras varios anos modificando a duración e a periodicidade desta cita, entre 2011 e 2013 as seis universidades decidiron iniciar un novo ciclo, relanzando estes xogos nun local fora das súas sedes, nas cidades de Valença e Tui, Melgaço e Tomiño e Vila Nova de Cerveira, apostando a partir dese momento pola igualdade de xénero nas competicións.  As últimas edicións volveron aos campus, a Vila Real (2014), Ourense (2015), Braga (2016), Santiago de Compostela (2017), para dar paso neste 2018 á Universidade do Minho, que se encarga da organización do evento en Braga, cun programa inserido no programa oficial de Braga 2018 – Cidade Europea do Deporte.

Inscricións para a carreira Campus Terra

Por outra banda, o vindeiro 2 de decembro celebrarase no campus de Lugo a II Carreira Popular Campus Terra Leyma, que organiza o Servizo de Deportes da Universidade de Santiago de Compostela. As inscricións son de balde para as persoas pertencentes á Universidade de Vigo, incluíndo o desprazamento en bus dende os campus de Ourense, Pontevedra e Vigo ata Lugo. O prazo de matrícula estará aberto ata o día 26 deste mes de novembro.

Bádminton de balde 

Dentro do programa de actividades da Área de Benestar, Saúde e Deporte, no que desta deste ano 2018 a comunidade universitaria poderá achegarse ao bádminton no campus de Vigo de xeito gratuíto. Trátase dunha proposta que trata de fomentar a práctica deportiva ofrecendo a oportunidade de empregar de balde as instalacións do pavillón vigués todos os mércores dende o 21 de novembro ata o 19 de decembro de 12.00 a 13.00 h e de 16.00 h a 18.00 horas.