DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A inscrición para o vindeiro curso permanece aberta ata o vindeiro mércores 5 de abril

28 prazas de novo ingreso na Escola Infantil do campus, unha parte reservadas á comunidade universitaria

A lista provisional de admitidos publicarase o 5 de maio

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 29/03/2023

Ata o vindeiro mércores 5 de abril permanece aberto, segundo o calendario fixado pola Xunta de Galicia, o período de preinscrición na Escola Infantil do campus de Pontevedra, que contará o vindeiro curso con 28 prazas para alumnado de novo ingreso, das que se reserva unha porcentaxe para os fillos e fillas do persoal e alumnado da Universidade de Vigo. No próximo curso, o centro contará con catro aulas e un total de 58 prazas, de tal xeito que, no caso de formalizarse a renovación de todo o alumnado actual, contará con 7 vacantes no grupo de 0-1 anos, outras 6 no de 1-2 e 15 nas aulas de 2-3. 

Como explica a directora da escola, Ángeles Rodríguez, as inscricións "poden realizarse tanto de xeito virtual, a través da sede electrónica da Xunta, segundo o modelo BS404A, como de xeito presencial na escola”. De feito, no caso das e os integrantes da comunidade universitaria, destaca, “é preferible” que realicen esta inscrición de no propio centro, xa que a súa solicitude adscribiríase “á cota reservada á Universidade”. No caso de que algunha destas prazas quedase baleira, adxudicaríase “no baremo extraordinario de setembro”, engade. Por outra banda, no caso dos nenos e nenas nacidos unha vez rematado o prazo de preinscrición, será posible presentar estas solicitudes despois do 5 de abril e antes da publicación das listas definitivas de admitidos e excluídos.

Segundo o calendario fixado pola administración autonómica para as escolas infantís públicas, as listaxes provisionais de admitidos e admitidas publicaranse o 5 de maio e as definitivas o 31 dese mesmo mes, debendo formalizarse a matrícula entre o 1 e o 14 de xuño. De acordo coas medidas adoptadas polo Goberno galego, a atención educativa terá de novo carácter gratuíto e as e os proxenitores terán que aboar só o servizo de comedor, segundo os prezos establecidos pola Xunta en función das súas rendas.