DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Facultade de Ciencias volve a ser sede da fase galega desta competición

28 rapazas e rapaces disputan no campus a XIII Olimpíada de Xeoloxía

Participan estudantes do IES Río Cabe de Monforte e dos IES Otero Pedrayo e Ferro Couselo de Ourense

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Divulgación
  • Institucional
DUVI Ourense 16/02/2022

A Facultade de Ciencias do campus de Ourense volveu este mércores a ser unha das sedes da celebración das probas correspondentes á fase galega da XIII Olimpíada de Xeoloxía, unha actividade educativa coa que se pretende fomentar o interese polos contidos propios da Xeoloxía e do conxunto das Ciencias da Terra. O centro recibiu un grupo de 28 estudantes do IES Río Cabe de Monforte de Lemos, do IES Otero Pedrayo de Ourense e do IES Ferro Couselo tamén de Ourense.

A olimpíada, explican desde a súa organización, é unha actividade educativa organizada pola Asociación Española para a Ensinanza das Ciencias da Terra, a Sociedade Xeolóxica Española e o Colexio de Xeólogos que ten entre os seus obxectivos fomentar o interese polos contidos propios da Xeoloxía e do conxunto das Ciencias da Terra; animar ao alumnado participante a comezar estudos universitarios relacionados coa Xeoloxía e destacar a importancia da preservación do medio natural. Desde a organización da actividade destacan a boa acollida desta edición a pesar da incidencia da pandemia, que por exemplo no caso de Ourense fixo que a matrícula inicial de 38 rapazas e rapaces quedase finalmente en 28 estudantes.

Ao longo do día, rapazas e rapaces de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato enfrontaranse a probas individuais e en grupo, concretamente dúas probas teóricas e unha proba práctica, unha xincana xeolóxica celebrada no propio centro e a súa contorna. Ademais visitarán o Museo Olería en Niñodaguia acompañados do xeólogo Eduardo González Clavijo. Ás 18.00 horas terá lugar a clausura da actividade e a entrega de premios, coa asistencia de Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense. As e os gañadores en cada fase territorial poderán disputar o 26 de marzo en Almería a fase española da olimpíada, da que sairá a selección que competirá na fase internacional desta olimpíada a finais do verán.