DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A mostra celebrarase do 20 de abril ao 6 de maio

A 28ª Miteu traerá a Ourense 20 espectáculos de teatro universitario e profesional

Unha edición máis as aulas escénicas da UVigo terán un papel destacado na súa programación

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 31/03/2023

Do 20 de abril ao 6 de maio, a cidade de Ourense volverá acoller unha nova edición, a 28ª, da Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense (Miteu). Baixo o leva A mostra dunha cidade. O teatro dunha universidade, a cita contará con 20 espectáculos, principalmente de teatro universitario e profesional pero tamén de música, circo e danza ofrecidos por compañías estatais e foráneas. Entre elas, as aulas escénicas da Universidade de Vigo terán un papel destacado.

Un mostra veterana

A cita foi presentada este venres no Teatro Principal de Ourense por representantes das entidades que apoian a Miteu, estando Mónica Valderrama, vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais da UVigo; Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura da Xunta; Aurelio Gómez, asesor de Política Cultural da Deputación de Ourense; Olga Mojón, directora do Teatro Principal de Ourense; Beatriz González, de Cervexas Esmorga, e Fernando Dacosta, director da Miteu desde Sarabela Teatro. Na presentación, Mónica Valderrama salientou que para a institución académica é “unha honra e un privilexio formar parte deste proxecto”. “Cando algo leva funcionando tantos anos como a Miteu significa que é algo interesante, que está ben pratexado”, afirmou a vicerreitora. Do mesmo xeito, Anxo Lorenzo recalcou que esta mostra é “unha das citas culturais máis veteranas de Ourense e polo tanto de Galicia” e puxo de relevo “o diálogo, a conexión entre o teatro profesional e o non profesional” que se dá na súa programación. Pola súa banda, Olga Mojón desatcou a oportunidade que dá esta iniciativa de visibilizar e pór en valor o teatro universitario e Aurelio Gómez reafirmou o “compromiso” do órgano provincial con esta cita cultural de referencia anual en Ourense.   

A Miteu, explicou Fernando Dacosta, contará coa participación de compañías de Colombia (Andrea Ríos), de Portugal (Teatr'Ubi), e de Guinea (Ña Dingö) e sobre todo de diferentes puntos da xeografía estatal (Galicia, Madrid, Euskadi, Andalucía, Navarra e Castilla y León). Aínda que o protagonismo recaerá nas aulas universitarias, tamén haberá compañías profesionais como Yllana e música cun concerto do grupo galego The Tetas Van. A idea da Miteu, apuntou o seu director, é que “fronte á crispación: cultura, entender o diferente, entender a aquela persoa que é diferente para non ter medo, un medo que ao mellor nos leve a atacar”. Así, indicou, as obras desta edición proporán reflexións sobre temas como o racismo, a identidade sexual, o feminismo e a xustiza. Nun mundo que cada vez nos tira máis cara a distopía, apuntou Dacosta, a Miteu continúa apostando pola utopía, “que é o que nos fai avanzar”.

A participación das aulas da UVigo

Unha edición máis, nesta 28ª Miteu terán un protagonismo destacado as aulas de teatro universitario e de danza dos tres campus da Universidade de Vigo. Así, a súa programación, como xa é tradición, arrancará o día 20 de abril nas rúas do centro da cidade coa actuación En primicia, de Rosaura Aula Universitaria do Campus de Ourense. Seguiralle o día 28, no Teatro Principal, Cordelia Aula Universitaria do Campus de Ourense, que representará a súa obra O mundo como vontade. Ao día seguinte, terán lugar as 12ª Xornadas de Danza D-Outras, baixo a organización e coa participación da aula de danza do campus de Ourense. O xoves 4 de maio será a queda da Aula de Teatro de Pontevedra, que presentará Intermitencias no Teatro Principal, e da Aula de Teatro de Vigo, que no mesmo escenario representará Incendios. Por último, e tamén seguindo a dinámica de edicións anteriores, o peche da Miteu corresponderalle o día 6 de maio á Aula Universitaria do Campus de Ourense Rosaura, que representará As cidades agochadas.

A maior parte das representacións terán lugar ás 20.00 h no Teatro Principal de Ourense, aínda que a programación tamén se achegará ás rúas do centro da cidade, ao Café Cultural Auriense, ao Colexio Maristas e ao Liceo. Excepto o espectáculo de Yllana Passport, que custará entre 10 e 15 euros, as entradas para os diferentes espectáculos son libres ou cun prezo de tres euros (para compañías non profesionais) e cinco euros (para compañías profesionais).