DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este venres tivo lugar de xeito virtual a primeira quenda de clasificacións

29 centros educativos compiten na IV Olimpíada Galega de Historia

Disputarán a fase final institutos de Vigo, Vilagarcía de Arousa, Lalín e A Coruña

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Divulgación
  • Institucional
DUVI Ourense 21/05/2021

Con moitas ganas e algo de nervios, 29 equipos formados por alumnado de 4º curso de Educación Secundaria Obrigatoria de centros das catro provincias arrancaron este venres a súa participación na IV Olimpíada Galega de Historia. Fai Historia con Nós. A cita, organizada pola Facultade de Historia, celebrou a súa primeira fase clasificatoria de xeito virtual, competindo cada equipo desde o seu centro educativo. Os catro equipos clasificados disputarán a fase final o día 28 de maio no campus de Ourense.

Na inauguración da olimpíada, que se desenvolveu a través do Campus Remoto da UVigo e foi emitida a través de UVigo TV, Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, deulle a benvida ao alumnado participante e aos seus titores e titoras agradecéndolle a súa implicación nesta iniciativa. Nas súas palabras, o reitor recalcou a importancia de traballar desde o eido educativo para que “a xente nova sexa consciente da historia da humanidade e do noso pobo”, subliñando como “unha sociedade máis xusta, máis próspera, máis humana, ten que coñecer a súa historia”. Nesta tarefa, Manuel Reigosa quixo dar os parabéns á Facultade de Historia ourensá por esta olimpíada que, indicou, é unha mostra máis de como este centro “está moi vivo e traballa arreo”.

Pola súa banda, Susana Reboreda, decana da Facultade de Historia, salientou a emoción de poder celebrar unha cuarta edición desta actividade e da boa acollida por parte de alumnado, profesorado e centros educativos. A responsable académica lembrou como esta olimpíada é “unha iniciativa única en Galicia e unha das escasas que se celebran en España no eido da historia”, apuntando como doutas materias "si hai moitas máis competicións deste tipo e que levan moitos anos celebrándose”. Na súa intervención, Susana Reboreda destacou desta cita como aínda que non todos os integrantes dos equipos participantes van a realizar estudos de Historia no futuro, todas e todos os participantes “estamos unidos polo amor ás humanidades”. Neste senso recalcou o seu agradecemento polo esforzo feito por alumnado e titores e titoras na preparación da súa participación nesta olimpíada que, indicou, cada ano vai adaptando o seu formato para mellorar a súa calidade atendendo ás necesidades de cada momento, como nas dúas últimas edicións as limitacións provocadas pola pandemia.

Sistema de pregunta-resposta

A Olimpíada Galega de Historia ten como obxectivo fomentar entre o alumnado preuniversitario a curiosidade e o interese por este ámbito de coñecemento e polos estudos nesta área e conta co apoio das vicerreitorías do Campus de Ourense e de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria e do Consello Social da UVigo, entre outras entidades. A cita desenvólvese en dúas fases. A primeira, a fase clasificatoria, tivo lugar este venres de xeito virtual. Desde os seus centros, os equipos, formados por un máximo de catro estudantes, foron competindo en sucesivas roldas de preguntas-respostas centradas nos contidos do currículo da materia de Xeografía e Historia de 4º de Educación Secundaria establecidos pola actual lei educativa (Lomce). A competición abriuse coa pregunta de cal foi o primeiro rei da dinastía dos Borbóns que comezou a reinar en España.  

A segunda fase, as semifinais e finais, será o 28 de maio e celebrarase na Facultade de Historia do campus de Ourense. Os equipos clasificados este venres para disputar esta fase final son: CPR Padres Escolapios, de A Coruña; IES Ramón María Aller Ulloa, de Lalín, IES Santa Irene, de Vigo, e o IES Castro Alobre, de Vilagarcía de Arousa. Entregaranse premios aos catro equipos mellor clasificados, tanto aos seus membros como ao docente encargado, e un trofeo e libros ao centro de pertenza. O agasallo varía en función do posto acadado pero consistirá no caso do alumnado en tabletas ou bonos para tendas de videoxogos de diferente contía e no caso do profesorado en bonos de fin de semana nun balneario ou entradas para termas.