DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo un informe de diagnose no que participaron 1345 membros dos diferentes colectivos

O 30% das mulleres da Universidade de Vigo consideran que é bastante ou moi probable que sufran acoso sexual

A iniciativa pretende visibilizar esta problemática co obxectivo de loitar contra ela

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Democracia
  • Igualdade
  • Reitor
  • Investigación
DUVI Ourense 23/11/2018

Co gallo da celebración este 25 de novembro do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, a Universidade de Vigo presentou este venres no campus de Ourense o informe Diagnose do acoso sexual e por razón de sexo na Universidade de Vigo, elaborado por investigadoras do Grupo de Investigación en Sexualidade, Xénero e Saúde da Facultade de Ciencias da Educación. Nel faise unha radiografía, pioneira no contexto estatal, de como se vive a realidade do acoso de xénero na institución académica co obxectivo último de previr e erradicar estes comportamentos. Entre os datos obtidos está que o 30% das mulleres da comunidade universitaria consideran que é bastante ou moi probable que sufran acoso sexual.

Tolerancia cero

Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo; Águeda Gómez, directora da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, e María Lameiras, profesora autora do informe xunto a Yolanda Rodríguez e María Victoria Carrera, foron as encargadas de presentar a publicación, que contou coa colaboración do Consello Social e do Tribunal de Garantías da institución académica. Nas súas primeiras palabras, o reitor agradeceu tamén ao anterior equipo reitoral e á entón directora da Unidade de Igualdade Anabel G. Penín que puxeran en marcha esta  “iniciativa básica, porque o primeiro que hai que facer é coñecer a realidade” “sen mirar para o outro lado ou agochar os problemas”. O informe resultante, salientou Manuel Reigosa, “é un traballo serio que nos vai a permitir empezar a funcionar na toma de medidas”, anunciando como no Consello de Goberno previsto para xaneiro se proporán unha serie de medidas “reais e tanxibles” na loita pola igualdade. O reitor subliñou como “o paradigma co que vamos a funcionar é tolerancia cero” e como “situacións que son de seu intolerables hai que visibilizalas por unha banda e hai que tomar medidas para que non ocorran”. “Para este equipo e para toda a institución é moi importante todo o que ten que ver coa igualdade”, dixo Manuel Reigosa.

“O que hoxe celebramos é unha vitoria na batalla cultural contra o machismo”, destacou pola súa banda Águeda Gómez na presentación do informe. Facendo fincapé na importancia dunha “aposta ética e política” e unha universidade que axuden “a desaprender a desigualdade no contexto patriarcal actual”, a directora da Unidade de Igualdade salientou como este informe supón “un instrumento esencial para atallar a violencia institucional que supón a omisión e invisibilización desta dramática realidade” e recalcou como o estudo contribuirá polo seu carácter pioneiro “a converter á Universidade de Vigo nun referente de igualdade para toda a sociedade”.

Pola súa banda, María Lameiras salientou como “esta Universidade está hoxe facendo historia no senso de transmitir a mensaxe ben alta e ben clara de tolerancia cero coa violencia de xénero”. A profesora recalcou como “é unha valentía ser quen de desenvolver estas avaliacións para visibilizar a situación” e subliñou como “a nosa institución non é allea aos problemas que se desenvolven fóra das nosas paredes”. “Aquí se reproducen todas as problemáticas que se dan fóra pero esta institución ten unha responsabilidade engadida porque non só é un espazo de traballo, é un espazo educativo onde se forma a xuventude que serán os líderes do mañá e esta xuventude ten que ser educada en institucións libres de toda violencia e específicamente da violencia de xénero e sexual”, afirmou María Lameiras.

1345 enquisas a membros da comunidade universitaria

Este informe diagnose, explicaron as súas responsables, representa a primeira avaliación da situación do acoso sexual e por razón de sexo na Universidade de Vigo, abranguendo os campus de Vigo, Pontevedra e Ourense e incluíndo ao colectivo de alumnado, persoal docente e investigador (PDI) e persoal de administración e servizos (PAS). Para a súa elaboración, que se prolongou durante dous anos, empregouse un deseño multimétodo, combinando as metodoloxías cuantitativa (cun cuestionario que responderon un total de 1006 estudantes, 185 PDI e 154 PAS) e cualitativa (con 19 entrevistas a estudantes, catro profesoras e cinco PAS así como dez grupos de discusión con alumnado).

Para a elaboración do informe considerouse acoso sexual “calquera comportamento, verbal ou físico, de natureza sexual que teña o propósito ou produza o efecto de atentar contra a dignidade dunha persoa, en particular, cando se crea unha contorna intimidatoria, degradante ou ofensiva”. Pola súa banda, o acoso por razón de sexo defínese como “calquera comportamento realizado en función do sexo dunha persoa" co propósito ou efecto de atentar contra a súa dignidade e de crear unha contorna intimidatoria, degradante ou ofensiva”, polo feito, por tanto, de ser muller ou pertencer a outros colectivos sexuais minoritarios. A consideración de acoso por razón de sexo implica que deben ser accións realizadas de forma continua e sistemática. O documento considera agresión sexual a todos os comportamentos que, mediante violencia ou intimidación na súa realización e sen que exista un consentimento previo da vítima, atentan contra a súa liberdade sexual.

A percepción do risco

Os resultados do estudo cuantitativo, recolle o documento, “poñen de manifesto que a percepción de risco das situacións de acoso sexual é maior por parte das mulleres dos tres colectivos (alumnas, PDI e PAS) que nos seus compañeiros, cunhas porcentaxes que se sitúan no 30% para elas e cun rango de entre o 13.5% e o 21.9% para eles”. Nos tres colectivos, especialmente no PAS, considérase que o grupo que é máis vulnerable a sufrir acoso sexual na Universidade é o colectivo LGTBI, seguido das mulleres. Datos similares atópanse en acoso por razón de sexo, sendo os homes (alumnos, PDI e PAS) os que presentan niveis máis baixos de percepción de risco, e identificándose nos tres colectivos ás persoas LGTBI como o grupo máis vulnerable a sufrilo, seguido das mulleres.

No caso das agresións sexuais a percepción de risco é moi baixa nos tres colectivos, especialmente para os homes. Non obstante, un 10.8% das alumnas, un 12.7% das profesoras-investigadoras e un 4.7% das traballadoras do PAS considera bastante ou moi probable que as mulleres sufran unha agresión sexual na contorna universitaria, porcentaxes que se incrementan para o colectivo LGTBI. Así, o alumnado considera que a poboación máis vulnerable é o colectivo LGTBI (37.6%), o PDI (63.3%) e o PAS (32%).

Sobre as actitudes cara o acoso sexual, en xeral, o informe indica que “son negativas” pero “os alumnos e os profesores-investigadores expresan unha maior tolerancia cara o acoso sexual que sofren as mulleres e móstranse máis en desacordo coas causas feministas das súas compañeiras. Diferencias que non se aprecian entre traballadoras e traballadores do PAS”.

Persoas que se identifican como vítimas

Nas enquisas identificáronse como vítimas de acoso sexual 35 (3.2%) estudantes (30 alumnas e 5 alumnos); 13 PDI (7.1%) (12 mulleres e un home) e 9 (5.8%) PAS (8 traballadoras e un traballador). Como vítimas de acoso por razón de sexo identificáronse 39 (3.6%) estudantes (37 alumnas e 2 alumnos); 17 (15.5%) profesoras-investigadoras e 4 (3.8%) traballadoras PAS; e como vítimas de agresión sexual 1 (0.1%) alumna, 2 (1.8%) profesoras-investigadoras e 1 (1%) PAS. “Polo que respecta á identificación do agresor/a, os resultados poñen de manifesto que, na súa maioría, os agresores son homes do seu colectivo”, comentan as investigadoras. Non obstante, destacan casos de alumnado que é acosado e agredido polo propio profesorado.

“En canto ao acoso relativo á non conformidade de xénero, compróbase que non reproducir a norma de xénero é castigado no ámbito universitario, fiel reflexo da sociedade heteropatriarcal na que se insire”, recolle o estudo. Así, indican as autoras do informe, no colectivo de alumnado son os alumnos os que máis sofren as consecuencias de transgredir as normas da masculinidade hexemónica, “sendo cuestionados na súa masculinidade e experimentando máis hostilidade heterosexista directa e ambiental”. Esta tendencia, detallan, modifícase no PDI, sendo, neste caso, as profesoras-investigadoras as que máis sinalan sufrir acoso por romper as normas da feminidade tradicional, así como máis hostilidade heterosexista directa e ambiental.

Por último, na análise cualitativa, o informe destaca como as e os participantes “perciben que o acoso sexual e por razón de sexo non recibe a atención necesaria por parte das autoridades universitarias” e identifícase “un gran descoñecemento” sobre o que é o acoso sexual e por razón de sexo nos tres colectivos, así como do protocolo de prevención e sanción do acoso sexual e por razón de sexo da Universidade de Vigo. Tamén se identificou un baixo nivel de tolerancia cara o acoso. No informe tamén se recollen relatos de situacións vividas e/ou coñecidas de acoso sexual, acoso por razón de sexo e agresión sexual.