DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na campaña de sensibilización “Como non se transmite o Sida”

3.000 preservativos e 2.500 folletos repartíronse no campus de Pontevedra

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Ana Terceiro DUVI 30/11/2007

Con motivo da conmemoración do Día Mundial de Loita contra o VIH/SIDA, no Campus de Pontevedra, distribuíronse, entre os membros da comunidade universitaria, 3.000 preservativos e 2.500 folletos con información sobre en que consiste o VIH/SIDA, vías de transmisión e recursos existentes sobre o mesmo. Entre outras actividades e, dentro da xornada de sensibilización Como non se transmite o SIDA, na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e na de Ciencias Sociais e da Comunicación, ubicáronse mesas informativas nas que se repartiu o material informativo e preventivo. Pola súa banda, a Biblioteca Central do campus colaborou moito con esta iniciativa, xa que ao longo de toda a xornada “repartiron información e preservativos co préstamo de libros, ademais de facer unha selección de vídeos, sobre temas relacionados co VIH/SIDA, que foron proxectados nunhas pantallas instaladas nas facultades de todo o campus”, explicou a técnica da Oficina de Voluntariado e Integración do campus de Pontevedra, Herminia Dios Poceiro.

Unha iniciativa dos voluntarios

Esta iniciativa, na que colaboran a Dirección Xeral de Saúde Pública, o Centro Quérote e o Consello da Xuventude Galega-Conxuga, foi organizada por membros do Grupo de Voluntarias VIH/SIDA, quenes según Herminia Dios, “levan traballando moito tempo neste proxecto e eles mesmos fixeron os carteis”.
A valoración das actividades foi moi positiva xa que o público destinatario resultou ser moi receptivo á recollida dos condóns e folletos. “O noso obxectivo é dar información sobre a enfermidade e a participación dos alumnos este ano foi moi boa”, comentou un dos rapaces colaboradores.
O grupo de voluntarios, sen os cales non sería posible levar a cabo estas xornadas, está formado por Alexandra Agis, Miriam Basanta, Andrea Jávega, Mabel Doporto, Beatriz Díaz, Alba Aira, Rebeca Santiago, Jose Angel Ruadas, Yoana González, Marlene Oyarzúm e Natalia Pena.

Pola súa banda, os alumnos de Belas Artes participaron nas actividades organizadas polo Comité Cidadán Antivih Arousán. Ademáis de repartir información tamén contaron coa actuación do grupo de capoeira Nagó para celebrar o día Mundial de Loita contra o Sida.