DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nestes últimos días tiveron lugar os actos de benvida nos tres campus

312 estudantes de intercambio internacionalizan as aulas da UVigo no primeiro cuadrimestre

Italia, Polonia e Francia son os principais países de procedencia

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Estudantado
  • Internacional
  • Estudantes
DUVI 10/09/2024

O curso arranca esta semana na Universidade de Vigo para todo o alumnado, tamén para o de intercambio. Máis de 300 mozos e mozas de Europa, Asia e América que foron chegando nas últimas semanas a Galicia estanse incorporado ás aulas dos tres campus, achegando á institución un extra de internacionalización. En total, neste primeiro cuadrimestre son 312 alumnos e alumnas, dos cales 275 quedarán durante o primeiro cuadrimestre e 37 farano durante todo o curso. Esta cifra é superior á do 2023/2024, cando iniciaron o curso na UVigo 289 estudantes de intercambio. En todo caso, a esta cantidade haberá que sumar o alumando que chegará no segundo cuadrimestre e que no cómputo total o curso pasado ascendeu a 480.

Para a vicerreitora de Internacionalización, Maribel del Pozo, as cifras son “moi positivas”, porque ,“aínda que non recuperamos as cifras pre-pandemia, como lle sucede a todas as universidades europeas, si que incrementamos o número de alumnado internacional entrante en todas as modalidades respecto do curso pasado”. Por exemplo, detalla, “nos convenios bilaterais increméntase de 40 a 66 estudantes, no programa Erasmus K171, pasa de 1 estudante o curso pasado a 17 neste, igual que sucede co programa ISEP, que sube de 1 a 7. Atendendo a estas cifras podemos ver que estamos subindo e isto demostra que o estamos a facer ben na UVigo”.

Benvidas e benvidos á Universidade de Vigo

Todos estes mozos e mozas foron recibidos en cadanseu campus nos últimos días cunha serie de actos de acollida nos que puideron coñecer os servizos e áreas da Universidade que lles poden resultar de utilidade. A vicerreitora de Internacionalización deulles as grazas por ter escollido a UVigo, “unha Universidade nova pero en forte crecemento, como demostran as nosas posicións nos ránkings”. A todas e todos eles animounos a aproveitar a experiencia tanto dende o punto de vista académico como persoal e convidounos a coñecer a contorna, a cultura, a gastronomía e a gozar dunha experiencia “que cambiará as vosas vidas. Algúns descubriredes a vosa vocación, algúns namorarédesvos en Galicia, outros desnamorarédesvos...” pero en calquera caso será ”un momento crucial da vosa vida e é esencial que o desfrutedes”. Lembroulles tamén que durante a súa estadía terán dende a UVigo “todo o apoio" que precisen e avanzoulles que para que poidan desfrutar dunha experiencia participativa, a institución ten deseñado todo un programa de actividades e eventos paralelos para os próximos meses.

As mulleres, maioría

Dos 312 estudantes que acaban de chegar á Universidade de Vigo, 184 son mozas, fronte a 128 mozos, unha distribución que se vén repetindo dende hai anos. Tampouco hai cambios apenas no que se refire aos países de procedencia, con Italia como principal país de procedencia (60 estudantes), seguido de Polonia (43) e Francia (39). Baixa dun xeito importante a presenza de estudantes de Alemaña, país que no pasado curso era o segundo lugar de orixe máis numeroso, con 48 estudantes, pero que este ano se reduce a 27. Tamén é salientable a presenza mexicana, con 25 mozos e mozas que chegan a Galicia grazas a convenios bilaterais, e a turca, con 17 estudantes Erasmus. 

A Facultade de Filoloxía e Tradución, o centro máis internacional

O centro da Universidade de Vigo que cada ano recibe máis estudantes internacionais é a Facultade de Filoloxía e Tradución, desta volta acolle 81. O segundo centro máis internacionalizado é a Escola de Enxeñaría Industrial, con 47 estudantes, seguido da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, que acolle 45, que son tamén os centros máis grandes do campus de Vigo, un campus que en total recibe 242 mozos e mozas de intercambio. 

Pola súa banda, o campus de Ourense dá a benvida neste cuadrimestre a 38 mozos e mozas doutros países, coa Facultade de Educación e Traballo Social á cabeza, con 14 estudantes. No caso de Pontevedra, son 32 alumnos e alumnas estranxeiros, coa Facultade de Belas Artes á cabeza con 12.

Por programas, como vén sendo habitual, a maioría do alumando estranxeiro chega á Universidade de Vigo a través do programa Erasmus, 221 en total, aos que se suman 66 que se adhiren a convenios bilaterais coas súas universidades de orixe, 7 que forman parte do programa ISEP con países do continente americano e outros 17 do programa Erasmus+ KA 171 para países de fóra da UE.

Actividades programadas: Erasmus Days, Festa do Inverno...

Como avanzou a vicerreitora de Internacionalización no acto de benvida en Vigo, este ano a Vicerreitoría organizou un programa social para o alumnado estranxeiro. Entre os eventos programados están os Erasmus Days, unha iniciativa da Comisión Europea á que se adhire a UVigo a través dunha campaña informativa para o alumnado propio que contará coa participación do estudantado de intercambio. Trátase, explica a vicerreitora Maribel de Pozo, “de fomentar a integración do alumnado internacional, pero tamén de que o alumando español interesado en solicitar un intercambio poida coñecer de primeira man experiencias de mozos e mozas que gozan actualmente dunha experiencia de mobilidade”. Por outra banda, a finais deste mes de setembro ou a comezos de outubro tamén terá lugar a segunda edición da Xornada de Igualdade para alumnado estranxeiro, unha iniciativa “en positivo sobre respecto, dereitos e cuestións relacionadas co xénero”. Ademais, engade a vicerreitora, “tamén imos participar na Semana das Linguas, unha festa de multilingüismo que está a organizar a Facultade de Filoloxía e Tradución e xa en decembro, o día 12, terá lugar a Festa de Inverno”, coa que se pecharán as actividades programadas para este ano. Con todo, o alumnado tamén se pode adherir a cursos e programas sobre cultura e lingua tanto española como galega nos cales se poden achegar á historia, gastronomía, paisaxe, literatura e arte e tamén visitar lugares destacados de Galicia.

Informe completo do primeiro cuadrimestre