DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Inclúe múltiples formacións, tanto para o profesorado como para o alumnado

33 materias e preto dun cento de docentes no plan piloto sobre IA das enxeñarías viguesas

Nuns meses publicarán un manual práctico cos resultados desta experiencia

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • TIC
  • Académica
D. Besadío DUVI 07/04/2026

Continúa nas tres escolas de enxeñaría do campus de Vigo -Industrial, Minas e Enerxía e Telecomunicación- o plan piloto para integrar o uso da Intelixencia Artificial Xenerativa, IAX, na docencia dos graos, unha iniciativa que arrancou o pasado verán e que implica xa a 33 materias e preto dun cento de docentes dos tres centros. A idea é poder elaborar un manual de boas prácticas baseado nesta experiencia, tanto para o alumnado como para docentes, de maneira que no arranque do vindeiro curso 2026/2027 poidan contar xa con toda unha serie de directrices que axuden a abordar a docencia con todas estas novas ferramentas.

Formación para os docentes...

Despois dunha primeira formación realizada o pasado verán, hai unhas semanas leváronse  a cabo dúas novas formacións, unha para docentes e outra para o alumnado. No curso para o profesorado afondouse nas múltiples potencialidades da IAX para a docencia e nas diferentes ferramentas que trae consigo; participaron 88 docentes dos tres centros e, a raíz da súa participación no curso, varios destes docentes decidiron incorporarse ao piloto de IAX neste segundo cuadrimestre.

... e concienciación para o alumnado dos riscos da IAX

No caso da formación para o alumnado, déuselles a escoller entre horario de mañá e tarde para facilitar a compatibilidade coas clases. “Aínda que nestas xornadas se lle ofrece unha visión global da ferramenta, o máis relevante para nós é resaltar os riscos en canto á privacidade cando se empregan ferramentas de IAX, así como facelos conscientes da importancia de contrastar e revisar os resultados obtidos para evitar problemas relacionados, por exemplo, coas alucinacións deste tipo de algoritmias”, explica Rebeca P. Díaz, directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, resaltando así a importancia de que alumnas e alumnos sexan sabedores da relevancia de revisar os resultados, de que a IAX non é infalible, senón que pode producir información falsa, inexacta, sen sentido ou inventada, presentándoa de maneira convincente.

Coa vista posta na publicación dun manual de boas prácticas

Ao abeiro destas formacións, celebrouse tamén unha xornada de posta en común para valorar a  experiencia piloto coas materias do primeiro cuadrimestre. Despois de recoller os informes elaborados polos equipos docentes, a xornada centrouse en recoller boas prácticas que puidesen ser de axuda para o piloto no 2º cuadrimestre, así como en analizar os seguintes pasos a medio prazo.

“O noso obxectivo fundamental é elaborar un manual de boas prácticas baseado na experiencia do piloto de maneira que teñamos unhas directrices das que poidamos botar man”, apunta a directora da ETT, ao que engade que, adicionalmente, se busca tamén “integrar na docencia a formación do estudantado nestas ferramentas para que poidan coñecelas e utilizalas, o que implicará un traballo máis amplo para agregar estes contidos e resultados de aprendizaxe nas titulacións”.

A finais deste cuadrimestre farase unha posta en común global para poder traballar cos resultados obtidos xa no seguinte curso académico.