DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Empresas e Universidade de Vigo desenvolven o proxecto Infor-mar

33 meses e case 800.000 euros para desenvolver unha ferramenta que achegue unha predición oceano-meteorolóxica fiable

Destinado a persoas e empresas con actividades dependentes das condicións do mar

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Medio Ambiente
  • Universidade e empresa
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría DUVI 14/12/2018

Con preto de 6000 quilómetros de costa, España unicamente conta cunha vintena de boias que achegan unha información sobre o estado do mar, que os expertos e profesionais do sector consideran totalmente insuficiente. Pero non só en España existe unha manifesta carencia de información marítima, mesmo a Comisión Europea, xa no ano 2014, incidiu na necesidade de mellorar os sistemas de información para reducir os accidentes no transporte marítimo, protexer infraestruturas e ecosistemas e mellorar actividades produtivas como a acuicultura. “A necesidade de saber que tempo fai se produce tanto en terra como no mar, pero mentres en terra hai miles de estacións meteorolóxicas conectadas en rede, no mar non hai posibilidade de facer predicións fiables por falta de boias e por que estas deixan de funcionar ou pérdense polas condicións do mar”, explica Carlos Durán, director executivo de HCTECH, empresa conformada a partir da spin-off da Universidade de Vigo Hércules Control, que desenvolve solucións para oceanografía. Precisamente, e co obxectivo de deseñar un sistema que achegue unha predición oceano-meteorolóxica fiable, Carlos Durán, xunto ao enxeñeiro de telecomunicacións e docente xubilado da Universidade de Vigo Xulio Hermida, puxo en marcha o proxecto Infor-mar, Tecnoloxías para o despregue de información marítima de precisión, no que tamén participan o grupo de investigación CIMA da Universidade de Vigo, o centro tecnolóxico Gradiant e as empresas Strelia Electrotecnia e Quantum Innovative.

Cun orzamento total de 767.560,40€ e unha subvención da Axencia galega de Innovación (GAIN) a través do programa Conecta PEME de 383.780,20€, Infor-mar estrutúrase en dúas actividades principais: deseño e desenvolvemento de sistemas de monitorización marítima e xeración dun centro de control e explotación de información marítima. “O proxecto ten o obxectivo de desenvolver unha rede de sensórica de alta precisión e baixo custe, que permita aplicar matemática avanzada para unha disrupción no modelo de negocio na predición oceáno-meteorolóxica”, sinala Durán, que incide en que o custo e mantemento das boias actualmente utilizadas para a medición da ondada, fai imposible crear unha rede ampla de datos, que son precisos para poder alimentar modelizacións que permitan desenvolver unha predición fiable das condicións do mar.

Para persoas e empresas con actividades que dependen das condicións do mar

Profesionais da pesca e o marisqueo, da xestión de portos e tráfico marítimo, da navegación de recreo e en xeral de calquera actividade que depende das condicións do mar, serían as e os usuarios potenciais dos datos que nun futuro podería prover Infor-mar, que rematará en setembro do ano 2020. “Coa subvención recibida imos facer unha rede pequena de demostradores e calcular o custo que temos para ver e ese cambio de paradigma que queremos facer é posible. Trátase de probar que podemos colocar sensores que sexan estables e nos dean series temporais de datos largos para facer prognósticos meteorolóxicos, a través de modelos numéricos e de intelixencia artificial, e sacar uns prognósticos que sexan fiables”, detalla o director executivo de HCTECH.

Finalizada xa a primeira anualidade do proxecto na que se identificaron as especificidades que deben cumprir os sensores, tamén se comezou a traballar nos modelos virtuais para o estudo do impacto de diferentes tipos de boias sobre as medidas dos sensores. 

A achega do grupo de investigación CIMA 

Ao longo do proxecto e en diferentes etapas tomarán parte nel sete investigadoras e investigadores co grupo CIMA da Universidade de Vigo. “As tarefas que se realizarán son: estudos de condicións físicas e tarefas de desenvolvemento de encapsulado de sensores mediante técnicas de desenvolvemento CAD 3D e cálculo FEM, que permita a operatividade dos sensores nas condicións de traballo sen diminuír a capacidade de medición; estudos de resposta do sensor en tanque de ondas a escala; construción de modelos virtuais para o emprego de técnicas de simulación numérica para realizar predicións do comportamento hidrodinámico de diferentes estruturas ante diversas condicións ambientais e optmización de xeometrías de flotación e adecuación do sensor a outros equipos”, enumera Daniel Burgos, investigador do grupo CIMA.