DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Realizando unha serie de investigacións a partires das propostas de profesorado universitario

340 estudantes e docentes participan nunha nova edición de Pontenciencia

Os resultados exporanse o 31 de maio e 1 de xuño na EE Forestal

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 30/01/2019

Dez centros educativos de Pontevedra e 340 estudantes e docentes participan neste 2019 na sexta edición de Pontenciencia, un proxecto educativo impulsado pola Concellaría de Educación e a Universidade de Vigo que levará aos e ás escolares a desenvolver nos próximos meses unha serie de investigacións baixo a dirección dun comité científico integrado por profesorado universitario. Os resultados destes proxectos de investigación escolar serán defendidos polos nenos e nenas na Minifeira da Ciencia, que se celebrará os días 31 de maio e 1 de xuño na Escola de Enxeñaría Forestal.

Comezan as sesións informativas

Segundo informou este mércores o Concello nun comunicado, a sexta edición de Pontenciencia arrinca nestes días co inicio dos cursos de formación sobre o método científico que se desenvolven nos centros de ensino participantes. Os CEIP San Martiño de Salcedo e San Benito de Lérez e o CEE Pontevedra foron, a pasada semana, as primeiras paradas nesta serie de coloquios informativos que este mércores se estenderon ao CEIP Ponte Sampaio e continúan nos colexios Froebel e Sagrado Corazón, nas xornadas de xoves e venres, respectivamente. O CPR San José, o CEIP Cabanas, e o CPR Sagrado Corazón de Praceres, onde estas sesións se desenvolverán ao longo do mes de febreiro, figuran tamén na relación de de centros participantes nun proxecto que levará aos nenos e nenas a desenvolver, ata o mes de maio, unha serie de investigacións en distintos ámbitos, coas que optarán aos premios que se entregarán na feira que, o 31 de maio e 1 de xuño, porá peche no campus á sexta edición desta iniciativa.

Ademais de centros escolares, Pontenciencia é tamén un evento aberto á participación das familias, que poden tamén propór os seus propios experimentos e estudos. Para aqueles e aquelas que queiran concorrer nesta segunda modalidade, desenvolveranse tamén unha serie de charlas informativas, o sábado 2, o venres 8 e o mércores 20 de febreiro, no espazo Arroelo (rúa Michelena 11).

A avaliación final, no campus

Patrocinada pola Fundación Española de Ciencia y Tecnología (Fecyt), Pontenciencia permite aos escolares, aos mestres e ás familias coñecer o desenvolvemento do método científico a través de experimentos que desenvolven durante o curso escolar, sinala a organización dun proxecto no que a exposición pública destes proxectos, diante dun comité integrado por profesorado universitario e investigadores e investigadoras, terá lugar na Minifeira da Ciencia. Neste evento, que cada ano acolle a EE Forestal, a defensa das investigacións verase complementada así mesmo por proxeccións audiovisuais relacionadas e outra serie de actividades dirixidas aos nenos e nenas participantes e relacionadas coa investigación e a ciencia.