DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus acolle unha nova edición do curso de Estou

350 horas formándose para ser monitoras e monitores de tempo libre

Está homologado pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Asociacións de Estudantes
  • Congresos e xornadas
  • Académica
DUVI Ourense 15/03/2019

O Curso de monitores e monitoras de actividades de tempo libre, da Escola Universitaria de Tempo Libre do Campus de Ourense (Estou), está a celebrar unha nova edición na que 25 persoas teñen a oportunidade, durante as fins de semana de febreiro, marzo e abril, de aprender a dinamizar o ocio de todo tipo de colectivos, desde os máis novos ata os máis maiores.

Como xa é habitual nas súas convocatorias, as 25 prazas dispoñibles desta formación esgotáronse ao pouco tempo de abrir o prazo de inscrición, sendo o perfil do alumnado matriculado moi diverso aínda que principalmente procedente dos graos de Educación Social e Educación Infantil e Educación Primaria. A nova edición deste curso, explican desde Estou, escola vinculada á Asociación Universitaria de Ciencias da Educación Auce, consta de 350 horas, 200 delas teóricas e 150 prácticas, estando na actualidade desenvolvéndose a parte teórica. “Temos por diante 200 horas teóricas onde combinamos metodoloxía e ferramentas de ensino con xogos, cancións, actividades deportivas, obradoiros de refugallo, etc”, comentan desde a organización.

18 docentes

Cun enfoque principalmente práctico e orientado á empregabilidade das e dos participantes, os contidos que se abordan ao longo da formación abranguen todo tipo de actividades destinadas á animación sociocultural e do tempo libre, como xogos tradicionais, grandes xogos, veladas, rutas interpretativas, obradoiros de reciclaxe, actividades na natureza e deportivas, expresión musical e corporal, primeiros auxilios, educación para a saúde, animación á lectura, psicosocioloxía, educación en valores, lexislación e saúde ambiental, entre outras cuestións. Trala formación teórica, cada alumno e alumna terá que facer 150 horas prácticas en entidades vencelladas ao tempo libre.

Desde a Escola Universitaria de Tempo Libre do Campus de Ourense subliñan sobre o desenvolvemento da actividade como "estamos a impartir o curso 18 docentes, das cales a maioría son persoas formadas pola propia escola. A retroalimentación é fundamental para sumar motivación ao proxecto”.  Así, lembran desde a organización, o pago da cota do curso pode facerse a través de moeda social, é dicir, participando nas diferentes actividades organizadas pola Asociación Auce. "A escola é parte fundamental da asociación. Ambas funcionan totalmente engraxadas e baixo o paraugas da educación social”, comentan sobre a filosofía de traballo que teñen na entidade, que reivindica como “un dos ámbitos dentro da educación social é a educación en tempo libre".

Ao rematar a formación, as e os participantes que cumpran os requisitos obterán un título de monitores de tempo libre acreditado pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia e poderán ser monitores e monitoras de tempo libre de todo tipo de públicos.