Hoxe proclamáronse provisionalmente as candidaturas, que serán definitivas o 16 de abril
388 candidaturas a Claustro e tres a Reitoría ás que votar o 6 de maio
O máximo órgano de control da UVigo estará integrado por 251 membros
O calendario para a elección da vindeira reitora ou reitor, así como do novo Claustro da UVigo acadou hoxe un novo chanzo coa proclamación provisional de candidaturas, que serán definitivas o vindeiro 16 de abril, unha vez rematado o prazo de reclamacións que se prolongará entre o 6 e o 10 de abril.
Confirmadas que son tres as candidaturas que concorrerán á Reitoría da UVigo, as encabezadas por Carmen García Mateo (Nós Universidade), Jacobo Porteiro (ConSenso) e Belén Rubio (H2040), 388 son as candidaturas que aspiran a ter representación no Claustro, o máximo órgano de control da comunidade universitaria, que estará integrado por 251 membros: 128 representantes do profesorado doutor con vinculación permanente á universidade (51%), dos que se restarán os xa membros natos; 22 representantes do restante persoal docente e investigador (9%), dos que se restarán os/as xa membros natos; 63 representantes do estudantado (25%) e 38 representantes do persoal de administración e servizos (15%).
Aínda que finalmente son 388 as candidaturas provisionais admitidas a Claustro, presentáronse 397, o que supón un incremento substancial respecto ás convocatorias electorais de 2002, cando se presentaron 309, e de 2018, cando se rexistraron 265. En total, son 20.603 os membros da comunidade universitaria que poderán elixir ás e aos seus representantes no Claustro: 990 PDI-A; 16.392 estudantes de 1º e 2º ciclo e 1238 de 3º; 1217 PDI-B e 766 PTXAS.
Candidaturas a Claustro por sectores e circunscricións
Con 151 admitidas das 154 presentadas, é o sector do PDI-A, profesorado doutor con vinculación permanente á universidade, o que maior número de candidaturas provisionais rexistra para as eleccións do 6 de maio, nas que elixirán 128 representantes (51%), dos que se restarán os xa membros natos. Por circunscricións, a Escola de Enxeñaría Industrial con 15 é a que maior número de candidaturas admitidas rexistra, seguida da Facultade de Filoloxía e Tradución con 13 e a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación con 12.
O PTXAS con 90 é, despois do PDI-A, o sector que rexistrou o segundo maior número de candidaturas provisionais presentadas e admitidas. Cunha circunscrición única, o PTXAS elixirá nas eleccións do 6 de maio 38 representantes no Claustro.
Pola súa banda, o sector estudantes presentou 93 candidaturas provisionais, das que 87 foron finalmente admitidas e seis excluídas. Por circunscricións, a Escola de Enxeñaría Industrial rexistrou o maior número de candidaturas admitidas, 11; seguida da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte con nove e a Escola Superior de Enxeñaría Informática con oito. O estudantado elixirá 63 representantes (25%) no vindeiro Claustro.
No caso do PDI-B, 60 foron as candidaturas provisionais presentadas e admitidas, sendo a circunscrición B.6 que agrupa ás facultades de Filoloxía, Ciencias Económicas e Empresariais, Ciencias Xurídicas e do Traballo, Comercio, ECOBAS, Ecimat e o edificio Redeiras con 11 a que máis candidaturas rexistrou. 22 son os representantes do restante persoal docente e investigador (9%), que se elixirán o vindeiro 6 de maio.
88 candidaturas presentadas máis que en 2022
Respecto das candidaturas a Claustro presentadas nas eleccións de 2022 (309), rexístrase nesta convocatoria electoral un significativo incremento en todos os sectores ata acadar 88 candidaturas máis presentadas.
Especialmente significativo resulta o aumento no número de candidaturas presentadas polo sector PTXAS que se incrementa en 44, respecto da convocatoria electoral de 2022 cando se presentaron 46. O número de candidaturas no sector PDI-A sube en 17; o de estudantes incrementouse en 15; mentres que o PDI-B presentou 12 candidaturas máis que nas eleccións de 2022.
Próxima cita no calendario electoral: prazo de reclamación
Logo da proclamación provisional de candidaturas este venres, o luns 6 de abril abrirase o prazo de reclamacións, que se prolongará ata o día 10. O día 16 terá lugar a proclamación definitiva de candidaturas e o ao dia seguinte, o 17d e abril, presentaranse os equipos e liñas xerais dos programas das e dos candidatos á Reitoría.
Entre o 20 de abril e o 4 de maio terá lugar a campaña electoral e despois da xornada de reflexión do día 5, o mércores 6 de maio celebraranse as votación, nas que, caso de non acadar algún dos candidatos o apoio proporcional de máis da metade dos votos a candidaturas validamente emitidos, unha vez feitas e aplicadas as ponderacións correspondentes, e sen ter en conta os votos en branco, repetiríase a votación o día 15, nunha segunda volta.
