DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O catedrático Carlos Lago afonda no libro ‘Cortita y al pie’ na faceta pedagóxica destes profesionai

40 consellos para mellorar as capacidades dos adestradores de fútbol

A publicación presenta unha serie de estratexias para trasladar coñecementos nas sesións preparatori

Etiquetas
  • Pontevedra
Eduardo Muñiz DUVI 10/01/2018

Máis aló dun coñecemento profundo da disciplina, no labor dun adestrador de fútbol, ao igual que doutros deportes colectivos, resulta clave saber como trasladar os seus coñecementos de forma axeitada aos e ás deportistas, como e cando corrixir determinados comportamentos ou como xestionar posibles conflitos no grupo. “Invístese moito tempo en analizar aspectos tácticos do xogo, no coñecemento do xogo, e moi pouco en saber como trasladar esa información aos xogadores”, sinala o catedrático da Área de Educación Física e Deportiva Carlos Lago, quen no seu novo libro Cortita y al pie reúne 40 consellos dirixidos a adestradores e adestradoras, tanto de categorías de formación como profesionais, poñendo o acento na parte máis pedagóxica do adestramento, no labor “de ensinante” dos corpos técnicos.

“No ensino dise que un profesor é tan bo como o é o seu alumnado, e eu anímome a dicir o mesmo no ámbito do deporte, que un adestrador é tan bo como consiga que os seus xogadores melloren”, sinala o docente da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, quen neste libro presenta “dunha forma sinxela e amena” unha serie de “receitas, de estratexias de intervención para mellorar a calidade dos adestramentos”, desde esa perspectiva formativa que fai que o adestrador “non sexa só un dispensador de tarefas ou instrucións técnicas”. Publicado tanto en soporte clásico como dixital, Cortita y al pie aborda aspectos que van máis aló do coñecemento do xogo, recollendo “moitas cuestións de pedagoxía ou de psicoloxía que poden axudar a saber que facer ante situacións concretas”; consellos, como sinala Lago, “baseados na experiencia e en moitos casos na evidencia científica”.

O problema do exceso de información

As investigacións centradas neste deporte, por exemplo, teñen amosado que en xogadores de formación “máis da metade da información que se lles dá nun adestramento non é asimilada”, explica Lago, que nese senso pon o acento nun dos “grandes erros dalgúns adestradores”, a cantidade de información que trasladan aos seus e as súas deportistas. “Unha das ideas que recollo no libro é a de dar unha mensaxe de cada vez, se queres que alguén recorde algo, dille poucas cousas nunha linguaxe próxima”, sinala este docente, quen incide na importancia de “focalizar a atención de quen te escoita nunha soa cousa”. De aí que unha das recomendacións que recolle neste volume é a de definir previamente o que se quere trasladar na sesión de adestramento, “para non dicir nada distinto do que deberías, porque o exceso de información provoca en quen escoita o efecto contrario do que se pretende”.

A técnica do sándwich

Ao igual que a cantidade de información, tamén resulta relevante o xeito no que esta se traslada e, nese senso, Lago achégase nesta publicación a métodos como a “técnica do sándwich”, consistente en trasladar unha mensaxe positiva antes de centrarse “na instrución técnica ou no comportamento que se quere corrixir”, para logo rematar cunhas verbas de ánimo. Mais tamén en cuestións a evitar, como tratar de corrixir un erro individual “rifándolle ao xogador diante de todo o grupo”, en lugar de trasladarllo en privado dunha forma adecuada, xa que deste xeito “acabas de xerar un conflito”. Do mesmo xeito, o volume pon tamén o acento en aspectos como a importancia de xogar e promover actividades que lles resulten agradables a xogadores e xogadoras nos adestramentos, “coas que se consegue que se comprometan máis”, así como en saber como reforzar esas tarefas ou o xeito e o momento no que detelas para trasladar algunha instrución.

Consellos para técnicos de formación e de elite

Dirixido tanto a técnicos que traballan con nenos e nenas como con xogadores de elite, Lago tamén incide no libro en como “dependendo do nivel hai uns procedementos de ensinanza que debes utilizar e outros que non”. Por exemplo, no relativo a amosar aos e ás deportistas como executar un lanzamento ou unha acción determinada, “que é moi importante en formación pero que non se debe utilizar nunca en alto nivel, cando os xogadores xa teñen o seu modelo de execución moi establecido”. Pola contra, o investigador tamén se detén en como facer chegar a deportistas de elite unha serie de pautas coas que “lograr unha resposta rápida para ter éxito”, ao tempo que incide en como trasladar a nenos e nenas en todo momento “a resposta do que teñen que facer”, só lles serve de axuda a curto prazo, xa que “estás eliminando a súa capacidade de entender que é o que tiñan que facer”.