DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O catedrático Carlos Lago reúne nun libro unha serie de consellos para técnicos de alto nivel

40 estratexias para ser mellor adestrador de fútbol, dentro e fóra do campo

Aborda tanto aspectos deportivos como de xestión de grupos

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Divulgación
  • Publicacións
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 20/12/2019

“Un bo adestrador non nace, faise”, sostén o catedrático da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Carlos Lago, que no seu novo libro, Miréme a los ojitos, reúne unha serie de orientacións e ferramentas dirixidas a axudar aos adestradores e adestradoras de fútbol a exercer mellor o seu labor. Orientado principalmente a técnicos profesionais, o volume presenta 40 recomendacións que abranguen desde o propio traballo de preparación de adestramentos e partidos á xestión de grupos. “Ao meu xuízo, os adestradores teñen éxito en boa parte porque dominan como relacionarse cos xogadores, cos medios e cos directivos, porque non importa só saber moito de fútbol, senón tamén saber trasladarllo aos demais, que é algo ao que se lle dedica moito menos tempo na formación”, sostén o investigador.

Trasladar unha “serie de pistas para facerse como adestrador”, a través dunha “linguaxe sinxela e dun xeito moi práctico” é o obxectivo principal deste libro, que forma parte da serie Cortita y al pie, coa que este investigador busca “transferir á vida real o coñecemento que se xera nas aulas e nos laboratorios”.  Nese senso, trátase dunha publicación na que “non hai opinión, senón recomendacións soportadas desde a investigación e o coñecemento”, sinala este docente, que destaca a positiva resposta que a serie está a recibir de técnicos e profesionais.

Como motivar, comunicar ou fichar

O libro, que toma o seu título dunha interpelación do adestrador Luis Aragonés ao dianteiro Romario, pon o foco en diferentes aspectos relacionados coa xestión dos grupos e das relacións persoais, aspectos nos que, sinala, “máis se pode incidir para mellorar a práctica dos adestradores”. De feito, o propio título fai énfase na importancia de “mirar aos ollos de alguén para captar a súa atención”, xa que neste deporte continúa sendo frecuente “ver a un adestrador darlle instrucións durante dous ou tres minutos a un xogador que vai saír o campo”, á vez que ambos observan o partido desde a banda, pese a que “cando un quere que unha mensaxe chegue moi clara ao seu interlocutor, ten que darlle moi pouca información”.

Do mesmo xeito, Lago subliña no libro a importancia de “estar no que toca, no presente”, no que adoita chamarse “ir partido a partido”, xa que “no deporte profesional non se pode pensar máis aló do que vén inmediatamente a continuación”. O manual detense así mesmo na xestión de conflitos, na necesidade de “aprender das experiencias” e de adaptarse ao nivel e idade do xogadores e xogadoras ou na relevancia de establecer con estes un programa de obxectivos concretos. “Se queres que alguén se comprometa con algo, tes que pactar que queres conseguir”, subliña Lago, que incide na importancia que neste deporte ten “conectar as necesidades do teu equipo cos intereses do teu xogador”. Nese mesmo eido, o volume achega tamén “pistas sobre que hai que buscar cando fichas a un xogador e como buscalo”, xa que, máis aló do talento, é necesario ter en conta o que implica “trasladar un xogador dun contexto determinado no equipo anterior a unha nova cultura deportiva e un novo reparto de roles”. 

A xestión da propia carreira profesional

Non facer un partido especial, chegar en forma ao inicio de liga e “non prometer algo que non depende dun mesmo”, como títulos ou ascensos, xa que “cando un eleva as expectativas está xerando unha enorme presión sobre os xogadores e sobre un mesmo”, son outros dos consellos reunidos no libro. Varios dos seus capítulos reúnen, por outra banda, recomendacións orientadas á propia traxectoria profesional dos técnicos, desde aprender a preparar as entrevistas de traballo, coidar a imaxe profesional en redes sociais ou “saír ben dos clubs” a saber como afrontar as roldas de prensa e ter “preparadas respostas fixas ante preguntas que non queres ou non podes contestar”.

Partindo de diferentes investigacións, Lago aborda outra serie de cuestións como que non pode asociarse “correr máis ou menos con gañar ou perder”, a importancia de adiantar os cambios cando se vai perdendo ou de ter en conta que a chegada dun novo adestrador a un equipo soe implicar máis lesións. “Os estudos sinalan que nas dúas primeiras semanas dun técnico a frecuencia das lesións multiplícase por 2,3”, explica este docente, que apunta como posibles motivos a introdución de cambios “nos ciclos de traballo muscular” e o feito de que “se incrementa moito a intensidade dos adestramentos, porque o que non xoga ve unha boa oportunidade de ser titular e o que o era ve que necesita redobrar os seus esforzos”.