DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizado desde CC Económicas e Empresariais, pero aberto a todo o alumnado

40 firmas e máis de medio millar de participantes na I edición virtual de Foro Empleo

As actividades arrancaron este mércores e prolongaranse ata o mediodía do venres

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Emprender
  • Estudantado
  • Universidade e empresa
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 24/03/2021

Tres intensas xornadas de actividades en liña coa participación de 39 empresas e institucións e 577 persoas inscritas. A terceira edición de Foro Empleo, evento organizado pola Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais pero aberto á participación de todo o alumnado, cambiou a presencialidade polo formato virtual obrigado pola pandemia, pero mantén intacto o espírito de facilitar o acceso ás alumnas e alumnos da Universidade de Vigo ao mercado laboral, “unha obriga aínda maior no noso caso, xa que impartimos dúas das titulacións máis demandadas polas empresas: Administración e Dirección de Empresas e Economía, ademais do dobre grao ADE-Dereito”, tal e como recalcou intres antes da inauguración o decano do centro, Jorge Falagán. 

O contacto coas empresas prodúcese nesta ocasión a través das pantallas no canto do contacto persoal polas diferentes estancias da facultade, como en edicións anteriores. Tan só tivo lugar de xeito presencial a intervención do decano na inauguración, a quen acompañaron, a través de cadanseu vídeo, o reitor, Manuel Reigosa, e o alcalde de Vigo, Abel Caballero, que, ademais de saudar aos asistentes, quixeron deixar patente o seu apoio a esta iniciativa que, pouco a pouco, se vai consolidando.

Empresas participantes: auditoras, consultorías, banca... e moito máis

Nesta ocasión participan 39 empresas e institucións de moi diferentes sectores, pero sobre todo, auditoría, consultaría de negocio, asesoramento legal, fiscal e financeiro, farmacéuticas, pesqueiras, conserveiras, distribuidoras, moda... Abanca, Adecco, Adolfo Domínguez, Agencia Estatal de la Administración Tributaria, Analistas Financieros Internacionales, Real Club Celta, Colegio de Economistas, Cuatrecasas, Deloitte, Enerxía Galega, Grupo Calvo, Gadisa, Bimba y Lola, Hijos de Rivera, Lonza Biologics, Uría y Menéndez, Zendal... Son só algúns exemplos das compañías que participan este ano neste encontro e que se encargarán de impartir as múltiples conferencias que están tendo lugar desde hoxe e ata o vindeiro venres a mediodía e que inclúen desde presentacións de marca, ata diferentes sesións de orientación laboral e de presentación de oportunidades de emprego e emprendemento.

“Buscamos un dobre obxectivo: achegar as empresas e despachos profesionais ao noso estudantado e ofrecer ás firmas que participan a posibilidade de que se dean a coñecer e de captar talento”, explicou o decano da facultade, quen aproveitou tamén para agradecer o apoio dos patrocinadores (Concello de Vigo, Consello Social, Colexio de Economistas de Pontevedra, Elemental Chefs, Enerxía Galega, Hijos de Rivera, Lonza Biologics e On Tax&Legal), da propia Universidade e do equipo de voluntarias e voluntarios que participan na organización do foro.

Búscanse todo tipo de perfís profesionais

Entre as empresas participantes búscanse todo tipo de graduados e graduadas: ADE, Bioloxía, Ciencia e tecnoloxía dos alimentos, Ciencias da saúde, Ciencias do Mar, Comercio, Comunicación Audiovisual, Dereito, Deseño de Moda, Economía, Física, Fisioterapia, Enxeñaría Forestal, Enxeñaría Informática, Enxeñaría Industrial (en todas as súas ramas), Enxeñaría de Telecomunicación, Márketing, Máster de Finanzas, Máster de Avogacía, Matemáticas, Xornalismo, Química, Relacións Laborais, Publicidade e Relacións Públicas...

“Continuando co enfoque da segunda edición, adquirimos a responsabilidade de contribuír á empregabilidade do resto das titulacións da nosa Universidade, xa que somos plenamente conscientes de que as empresas que participan no foro precisan, ademais de perfís de administración e dirección, outro tipo de persoal, adecuado á actividade que desenvolve cada unha de elas”, subliña o decano do centro, convidando así a todo o alumnado da Universidade, tanto de grao como de mestrado, a participar neste evento.

Charlas en liña de arredor de 20 minutos

Nesta ocasión as conferencias teñen unha duración de arredor de 20 minutos e retransmítense en directo a través da propia web do Foro Empleo. O programa arrancou ás 10.00 horas coa charla Inicia tu éxito profesional con nosotros, a cargo de persoal de Abanca, e continuouse con charlas de Banco Mediolanum, Deloitte, da auditora BDO, da empresa de avogados On Tax & Legal ou da farmaceútica Lonza Biologics.

Ademais das charlas das empresas o programa inclúe tamén a presentación da oferta de bolsas de investigación do goberno de Xapón e a oferta de mestrados da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais.