DUVI

Diario da Universidade de Vigo

400 nenas e nenos danse cita no Torneo Infantil Vigo Rugby Club

O evento terá lugar mañá, sábado, ás 11.00 h no campus de Vigo

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Deportes
  • Deportes
DUVI 19/10/2018

400 cativos e cativas de entre 5 e 12 anos participan mañá, sábado, nunha xornada deportiva organizada polo Kaleido Universidade de Vigo na que se reúnen 11 clubs de rugby de Galicia e Portugal. Como cada ano dende o 2009, o torneo acolle participantes de diferentes puntos xeográficos e categorías, polo que se consolida coma un clásico internacional e tamén como “a gran festa do noso club”, explican dende a entidade.

Na elaboración e organización do evento cooperan a Universidade de Vigo, o Vigo Rugby Club e todos os colaboradores e patrocinadores que apoian a iniciativa e fan que sexa un éxito ano tras ano. Dende o equipo vigués afirman que “é a gran festa do noso club. Todos se involucran nesta cita deportiva, dende os nenos e nenas que participan, ata os delegados, adestradores, familias de xogadores, integrantes dos equipos feminino e masculino de todas as categorías... todos colaboran”.

A competición deportiva desenvólvese entre as 11.00 e as 15.00 h nas instalacións deportivas da Universidade de Vigo. No campo de rugby universitario daranse o CRAT (A Coruña), o Muralla (Lugo), o Ingleses (Vilagarcía de Arousa), o Pontevedra RC, o Valentes (Santiago de Compostela), o Ourense RC, o Coreti Lalín, o Sport Club Porto (Portugal), o CRAV (Arcos de Valdevez, Portugal), o Braga Rugby (Portugal) e os anfitrións do Kaleido Universidade de Vigo Rugby Club. Todos os equipos mencionados participan nas categorías sub-6, sub-8, sub-10 e sub-12.

O torneo non é clasificatorio, os equipos xogan contra todos os outros equipos e, ao rematar, cada participante terá cadansúa medalla e celebrarase o clásico terceiro tempo, cunha comida de balde na que nenos, familias e afeccionados poderán gozar do ambiente deportivo e familiar desta xornada.