DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Repartidos entre o ciclo intensivo e o integrado

415 estudantes sénior fórmanse este curso no Programa Universitario para Maiores

A profesora Carmen María Abreu estréase como coordinadora do PUM

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Académica
M. Del Río DUVI 30/09/2022

Despois de dous anos nos que a covid-19 condicionou significativamente a vida académica, especialmente para o alumando sénior, o Programa Universitario para Maiores arranca un novo curso coa ilusión e ledicia de recuperar a normalidade e poder retomar todas as actividades formativas e culturais. A sede de Torrecedeira da Escola de Enxeñería Industrial acolleu este xoves o acto de apertura do curso 2022/2023 do PUM, no que participaron o vicerreitor de Profesorado, Docencia e Titulacións, Alfonso Lago; a directora da Escola Aberta de Formación Permanente, María José Moure; a coordinadora do Programa Universitario para Maiores, Carmen María Abreu; a xefa territorial da Consellería de Política Social en Vigo, Mª José Pérez-Izaguirre e a profesora Marisa Castro, ex coordinadora do PUM.

En total, neste curso o PUM conta con 415 alumnos, dos cales 351 forman parte do ciclo intensivo universitario en Cultura e Sociedade, mentres que outros 64 xa superaron esta primeira etapa e cursan o ciclo integrado universitario superior sénior. Atendendo á distribución por campus, Vigo é o máis numeroso, con 232 estudantes sénior, seguido de Ourense con 94 e 89 en Pontevedra. 

Seis anos para completar a formación

O Programa para Maiores, que forma parte da oferta académica da Escola Aberta de Formación Permanente da Universidade de Vigo, está aberto a persoas de máis de 55 anos, conten ou non con estudos previos. O obxectivo é fomentar a formación ao longo da vida, de modo que a poboación sénior poida incorporarse á vida universitaria mediante programas de formación paralelos ás ensinanzas regradas e, mentres adquiren coñecementos, tamén se fomentan as relacións interxeracionais e se contribúe ao enriquecemento humano e cultural.

O programa completo comprende seis cursos divididos en dous ciclos: o intensivo, cunha carga docente de 60 créditos ECTS repartidos en catro cursos e o integrado, que consta doutros 36 créditos que se imparten ao longo de dous anos. No primeiro, a docencia está centrada na divulgación, análise e reflexión sobre aspectos de diferentes temas científico-culturais; a contorna natural, social, cultural e científica; a evolución e achegas da humanidade e a sociedade e a cultura actual e futura. Estes contidos teñen como obxectivo iniciar posibles orientacións temáticas con vistas á continuación de estudos no ciclo integrado e tamén se inclúen actividades complementarias que proporcionan formación práctica sobre aspectos concretos a través de obradoiros e que facilitan as relacións interpersoais, interxeracionais e interculturais. Neste ciclo están matriculados 74 estudantes no campus de Ourense, 72 en Pontevedra e 205 en Vigo. 

Na segunda etapa formativa o alumnado fórmase cóbado con cóbado co resto do estudantado dos graos, co que comparten aulas, docentes e contidos, mergullándose así nunha verdadeira experiencia interxeracional. Ao este segundo ciclo pódese acceder cursando o inicial ou ben contando con estudo universitarios previos e nel fórmanse durante este curso 20 estudantes no campus de Ourense, 17 en Pontevedra e 27 en Vigo.

Primeiro acto de Carmen María Abreu como coordinador do PUM

Para Carmen María Abreu este foi o seu primeiro institucional, despois de que se fixese cargo da coordinación do programa, en substitución de José Luis González Cespón, tras as eleccións á Reitoría celebradas na primavera. Profesora do Departamento de Enxeñaría dos Materiais, Mecánica Aplicada e Construción, Abreu leva unha década impartindo docencia tamén no Programa para Maiores, motivo polo cal, cando lle propuxeron facerse cargo do PUM, “non dubidei en aceptalo”. Recoñece que asume o cargo “con moita responsabilidade, ilusión e ganas” e lembra tras máis de tres décadas de docencia en titulacións de grao, mestrado e posgrao,  “debo confesar que impartir docencia no curso para maiores é o máis bonito e reconfortable que fixen”. 

Para esta nova etapa como coordinadora, Abreu márcase varios obxectivos, porque aínda que UVigo “ten unha vasta experiencia no PUM e o noso programa está entre os mellores do sistema universitario español, podemos e debemos seguir mellorando”. Neste sentido recalcou a importancia de aumentar a oferta de materias optativas, en función das necesidades e desexos do alumnado; modificar contidos da oferta existente para mellorala; aumentar o número de horas relacionado con actividades prácticas como visitas a empresas, museos, laboratorios, etc. e pensar “que facer cos alumnos xa graduados que queren seguir con nós”.