DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este xoves celebrou a súa graduación o alumnado de Traballo Social

42 novos egresados e egresadas para traballar por unha sociedade mellor

Trátase da sexta promoción deste grao

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Estudantes
DUVI Ourense 22/06/2018

Na xeira de actos de graduación que estas semanas se sucenden no campus de Ourense este xoves foi a quenda do alumnado de último curso do Grao en Traballo Social, da Facultade de Ciencias da Educación. A sexta promoción destes estudos, formada por 42 estudantes, celebrou acompañada de membros da comunidade universitaria e familiares o remate con éxito da súa formación superior e o inicio dunha nova etapa profesional e persoal. 

O acto contou coa participación entre outras autoridades académicas de Miguel Ángel Michinel, secretario xeral da Universidade de Vigo, e Mar García, decana da Facultade de Ciencias da Educación, sendo o padriño de promoción o profesor do centro Francisco Javier Aguiar. Para os novos egresados e egresadas da Universidade de Vigo, Mar García tivo palabras de recoñecemento e ánimo para o futuro. “Este acto simboliza o final dunha etapa pero tamén o inicio doutra que debe estar sempre envolta pola ética. Non deixedes de loitar por conseguir esa sociedade que todos e todas desexamos, na que predomine a tolerancia, a solidariedade, a cooperación e a igualdade de oportunidades”, recalcoulle a decana á nova promoción de Traballo Social.