DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No XIII Congreso de Lingüística Xeral que se celebra na Facultade de Filoloxía e Tradución

430 especialistas debaten en Vigo sobre plurilingüismo e a aprendizaxe de segundas linguas

Inaugurado polo reitor no seu primeiro acto institucional no campus de Vigo

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PDI
  • Vigo
  • Investigación
DUVI 13/06/2018

Plurilingüismo, diversidade lingüística, aprendizaxe de segundas linguas, neofalantes, didáctica da prosodia, aprendizaxe da lingua de signos, xénero e sexo, ideoloxías lingüísticas... son moitos os aspectos relacionados coas linguas os que se abordarán dende hoxe mércores e ata o venres no XIII Congreso de Lingüística Xeral que se celebra na Facultade de Filoloxía e Tradución. O simposio reúne 430 especialistas procedentes de todo o mundo, como explicaba no acto de inauguración a profesora Maruxa Cabeza, membro do comité organizador, que agradecía “a boísima acollida e a enorme cantidade de contribucións que tivemos”, tanto de asistentes como de sesións e comunicacións. Ao longo des tres días desenvolveranse mesas redondas, debates, presentacións e comunicacións e sesións plenarias con representación de docentes e persoal investigador de EEUU, Chile, Arxentina, China, Portugal, Francia, Italia, Croacia, Polonia ou Bélxica, e unha gran presenza de expertos e expertas do Brasil. 

O acto de inauguración do congreso contou coa presenza do reitor da Universidade, Manuel Reigosa, no que foi o seu primeiro acto oficial no campus de Vigo dende a súa toma de posesión o pasado venres, polo que recibiu os parabéns das autoridades presentes. O reitor tamén quixo felicitar aos profesores do grupo Grades, Maruxa Cabeza, Fernando Ramallo e Jose Mª García-Miguel, responsables da organización e a todos os voluntarios e voluntarias “que fixeron posible este congreso”. En relación aos contidos deste simposio, Reigosa fixo referencia a novo escenario lingüístico que se pode abrir en Europa tralo Brexit, “que posiblemente abra espazos de oportunidades para o resto das linguas do vello continente teñan o seu papel”.

Vigo, foco de debate

A profesora Maruxa Cabeza explicou que o programa de traballo do congreso é intensión, con sesións de relatorios, ponencias e comunicacións arredor de 12 temas centrais “que van ser o máximo interese porque van representar encrucilladas, metodoloxías e perspectivas, todo cunha enorme riqueza para mostrar por onde vai hoxe en día a lingüística”. Luis Alonso Bacigalupe, decano da Facultade de Filoloxía e Tradución, deu a benvida aos asistentes e lembrou que se abordarán contidos relacionados coa lingua, a lingüística, as migracións, a aprendizaxe de linguas, o multilingüismo, a provisión de servizos para persoas con necesidades especiais, as minorías, ou mesmo cuestións de tradución”, temáticas todas elas especialmente relacionados coa facultade.

Pola súa banda, Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura, demandou que os temas de vertente académica que se van a abordar no congreso cheguen tamén ao debate público, social e político. “O relativo ás linguas forma parte do ámbito de discusión pública, da información e a desinformación, de ideoloxías diversas, etc. polo que é preciso que as persoas do eido da investigación e a academia transmitades as vosas reflexións para que cheguen ao debate social”. Finalmente, Jaime Aneiros, concelleiro de Facenda, tamén lle deu a benvida aos asistentes, en nome do alcalde de Vigo, que non puido acudir á cita ao atoparse coordinado, como presidente da FEMP, as tarefas de acollida das e dos refuxiados que están a bordo do buque Aquarius.

Translanguaging e plurilingüismo para abrir o congreso

A xornada comezou coa conferencia plenaria de Ofelia García, da City University of New York, titulada El translanguaging y el plurilingüismo: Convergencias y divergencias. Nesta ponencia repasou a evolución da sociolingüística e explicou as raíces dos conceptos de translanguaging e plurilingüismo, que “dinamizan as concepcións tradicionais da sociolingüística estruturalista”. Explicou que plurilingüismo xurdiu no seo da Comisión Europea co obxectivo formar unha identidade europea maioritaria a través do coñecemento das linguas dos seus estados membros. Mentres, o translanguaging naceu en Gales, da man dun educador bilingüe galés, coa finalidade de forxar unha identidade bilingüe nun contexto cunha lingua e cultura minorizadas. Porén, co tempo estes dous conceptos foron evolucionando, e segundo García, o plurilingüismo emprégase cada día máis “para describir tamén o multilingüismo noutras linguas máis aló das europeas, e sobre todo, para deseñar unha ensinanza multilingüe que se afinque no que se considera a lingua materna do estudante”. En cambio, o translanguaging enfócase non nas moitas linguas nomeadas que son produtos de construcións nacionais, senón á lingua falada polo falante multilingüe”, que consiste nun repertorio de trazos lingüísticos e semióticos elaborada a partir de múltiples transaccións con outros falantes multilingües. Respecto da ensinanza baseada no translanguaging, remarcou que non se trata simplemente dun xeito de estender o multilingüismo dos estudantes, “senón de liberar as súas voces minoritarias, de cambiar o lugar da enunciación, de educar con xustiza social”. 

A esta conferencia plenaria seguirán outras dúas mañá e pasado, da man de M. Antònia Martí, da Universitat de Barcelona, que falará sobre modelos de semántica distribucional e Juan Carlos Moreno-Cabrera, da Autónoma de Madrid, ofrecerá un relatorio sobre Lenguas de señas, historia de la lingüística y lingüística general.