Ao abeiro do convenio asinado entre a Xunta e as tres universidades do SUG
44 estudantes da UVigo recibirán acompañamento psicolóxico para enfrontar dificultades relacionadas coa súa experiencia académica
O alumnado de 2º e 3º curso de grao pode solicitar participar ata o 10 de novembro
16 estudantes de grao de 2º e 3º curso do campus de Vigo; 14 do de Ourense e outros tantos do de Pontevedra, recibirán acompañamento psicolóxico para facer fronte a dificultades relacionadas e derivadas da súa experiencia académica ao abeiro do proxecto piloto posto en marcha polas tres universidades do SUG e o Servizo Galego de Saúde. O alumnado interesado en recibir acompañamento psicolóxico, tanto no que se refire a problemáticas de convivencia na universidade, coma a outras relativas á consecución do éxito académico, ten de prazo ata o 10 de novembro para solicitar unha das 44 prazas dispoñibles para o estudantado da UVigo e recibir, en caso de ser seleccionado, tres sesións de apoio psicolóxico a cargo de profesionais da saúde mental, que se desenvolverán antes de mediados do mes de decembro.
“O obxectivo da convocatoria é axudar a aquel alumnado que ten problemas estritamente derivados da súa actividade académica como ansiedade pola presentación de traballos, realización de exames, mesmo problemas de relación, tanto co profesorado como co alumnado, pero só temáticas que se derivan directamente da súa experiencia nas aulas universitarias”, detalla Susana Reboreda, vicerreitora de Extensión Universitaria, que confirma que o servizo será prestado polo mesmo persoal dos gabinetes psicopedagóxicos que actualmente están a colaborar coa UVigo no Programa de Integración de Universitarios con Necesidades Especiais (Piune). “Pensamos que esta opción é acertada porque xa coñecen moitos aspectos da universidade polo traballo que fan de xeito habitual con nós”.
O Servizo Galego de Saúde será o responsable de facilitar o apoio técnico a través dos servizos de saúde mental da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria, así como de colaborar no financiamento do proxecto, que achegará unha contía máxima a cada institución académica de 20.000 euros.
Como participar no proxecto
As persoas que queiran acceder ao acompañamento psicolóxico deberán cumprir dous requisitos: ser estudantes de segundo ou terceiro ano dun grao da UVigo, con matrícula en curso, e precisar apoio psicolóxico por problemáticas derivadas directa e estritamente da súa actividade académica. As solicitudes tramitaranse por rigorosa orde de inscrición ata a finalización do prazo de presentación que remata o 10 de novembro.
O alumnado solicitante deberá cumprimentar o formulario de participación ao que se accede a través da Secretaría Virtual, “este formulario chegará ao Servizo de Extensión Universitaria e posteriormente ao Gabinete Psicopedagóxico, que determinará, en función das respostas, se é a persoa adecuada para recibir este servizo”, detalla Reboreda. A vicerreitora de Extensión Universitaria considera que nun contexto no que os problemas de saúde mental na mocidade van en aumento, “a contorna universitaria implica un momento de cambio de fogar, mesmo de cidade; de novas relacións, tamén adquiren outro tipo de responsabilidades, de tarefas e isto pode levar a desaxustes e producir angustia ou ansiedade”. Neste contexto, Reboreda incide na importancia que a saúde mental ten para a UVigo e considera que este proxecto completa o traballo que xa se está a realizar a través do Piune con alumnado que precisa de axuda complementaria para acadar as competencias que demanda unha titulación.
Precisamente as solicitudes realizadas para a inclusión no programa Piune quedarán excluídas desta convocatoria, ao contar cun procedemento e normativa propios.
Continuidade da iniciativa
Logo da posta en marcha deste proxecto piloto, a responsable de Extensión Universitaria da Uvigo agarda que “resulte exitoso, que vexamos que está a cubrir un oco na universidade e que teña continuidade, que a Xunta siga apoiando esta iniciativa que nos pareceu excelente desde o primeiro momento e poidamos incrementar o número de alumnos que participan nel”.
