DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O congreso celébrase no hotel Attica21 dende onte martes ata o sábado

A 45 edición da conferencia ICAME reúne en Vigo 200 lingüistas e científicos de datos que traballan con corpus de lingua inglesa

Con máis de 100 comunicacións e 29 paneis temáticos, congrega asistentes de 22 países

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
  • Investigación
M. Del Río DUVI 19/06/2024

Preto de 200 persoas participan ao longo desta semana en Vigo na 45 edición da conferencia da ICAME, a International Computer Archive of Modern and Medieval English, unha comunidade internacional de lingüistas que traballan no eido da lingüística de corpus e da lingüística computacional da lingua inglesa. O congreso, que arrancou onte martes e se estenderá ata o venres, celébrase no hotel Attica21 e está organizado por persoal docente e investigador do grupo de investigación Language Variation and Textual Categorisation (LVTC) coa profesora Nuria Yáñez como presidenta do comité organizador.  Como ela mesma explica, o ICAME naceu en Oslo en 1977, onde celebrou o seu primeiro congreso dous anos despois e, dende ese momento, cada ano foise organizando unha edición de xeito itinerante en diversas cidades, principalmente, de Europa. Esta á a primeira vez que se encarga da organización a Universidade de Vigo e o obxectivo do encontro é “proporcionar unha plataforma de traballo na que se pon en valor o estudo da lingua inglesa con metodoloxía de corpus e ferramentas computacionais, dende diversas perspectivas e tradicións de investigación e tanto en termos de sincronía como diacronía”. O congreso está dirixido a investigadoras e investigadores de nivel sénior e júnior e afiliados a universidades nacionais e internacionais. En total, participan na cita 171 persoas, ás que hai que sumar os 19 membros do comité organizador que son “académicas e académicos de recoñecido prestixio internacional procedentes de institucións e universidades estatais, europeas e doutros tres continentes”. As e os asistentes proceden de 22 países de todo o mundo, principalmente de Europa, aínda que tamén hai asistentes de Estados Unidos, Canadá, Xapón, Corea, China e Australia.

Cinco días de debates e relatorios

O tema desta edición do congreso é Interlocking Corpora and Register(s): Diversity and Innovation (Conectando corpus e rexistro(s): diversidade e innovación) e o programa académico esténdese ao longo de cinco días. Como explica Yáñez, “temos un total de 29 paneis temáticos, 111 comunicacións, dúas demostracións de software, 4 conferencias plenarias, e tres talleres con 21 comunicacións”. Precisamente estes obradoiros e comunicacións son os que centraron a primeira xornada, onte martes, un dedicado á variación sociopragmática en inglés moderno tardío, outro que versa sobre a diversidade e innovación na organización e interpretación de concordancias e un terceiro sobre a interconexión de corpus e rexistros multilingües.

A inauguración oficial do simposio tivo lugar hoxe mércores coa asistencia de Nuria Yáñez como presidenta do comité organizador; o concelleiro Jaime Aneiros e a actual directora del Departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá, Ana Bringas. O congreso comprende catro conferencias plenarias, a primeira delas foi a que abriu o programa deste mércores tras o acto de inauguración, da man da profesora de lingüística aplicada na Universidade de Northern Arizona, Tove Larsson, especializada en lingüística de corpus e métodos de investigación, centrándose especificamente na investigación de corpus do alumnado, a escritura L2 e a complexidade gramatical. A conferencia de mañá xoves correrá a cargo de Lieselotte Anderwald, catedrática de Lingüística Inglesa na Universidade de Kiel, especializada en gramática non-estándar, fundamentalmente no estudo da negación en variedades británicas e no estudo de formas de tempo pasado non-estándar en dialectos británicos. O venres o protagonista será Rob Drummond, catedrático de sociolingüística na Universidade Metropolitana de Manchester, que traballa na relación entre a lingua falada e a identidade e os prexuízos baseados na lingua. Recentemente dirixiu o proxecto Manchester Voices no que explorou os acentos, os dialectos e as identidades das e dos falantes de Greater Manchester, creando un conxunto de datos compartidos de reflexións gravadas sobre a lingua da rexión. Finalmente, o sábado intervirá para pechar o congreso Hendrik De Smet, catedrático de Lingüística Inglesa na KU Leuven. A súa investigación céntrase nos mecanismos do cambio lingüístico, en particular na cuestión de como os cambios gramaticais e semánticos poden atopar un punto de apoio nun sistema lingüístico e dentro dunha comunidade de fala.

Un organismo internacional 

O obxectivo de ICAME é compilar e distribuír información sobre material en inglés dispoñible para procesamento informático e realizar e divulgar información sobre investigacións lingüísticas baseadas neste material. Ademais, traballan para compilar un arquivo de corpus en idioma inglés en forma dixitalizada e para poñer material e os corpus a disposición das institucións de investigación. “O noso obxectivo”, explican dende o organismo, “é promover todas as ramas da lingüística de corpus inglesa, centrándonos especificamente na compilación e análise de corpus de inglés e a aplicación deses corpus á investigación lingüística”. Tamén son de grande interese os estudos baseados en corpus doutras linguas, onde o inglés é un elemento comparativo importante.