DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Universidade convoca unha nova edición das axudas Inou

47.000 euros para proxectos de investigación que contribúan ao desenvolvemento de Ourense

A iniciativa pretende impulsar a colaboración entre grupos de diferentes áreas de coñecemento

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
DUVI Ourense 03/03/2022

A Universidade de Vigo ten aberta unha nova convocatoria das axudas a grupos de investigación do campus de Ourense Inou 2022. A iniciativa está destinada a apoiar investigacións interdisciplinares que contribúan ao desenvolvemento social e económico da provincia e ao coñecemento da súa realidade, así como á especialización do campus de Ourense como Campus Auga.

Estas axudas teñen unha dotación máxima de 47.000 euros froito do convenio de colaboración que se asina anualmente a Universidade de Vigo coa Deputación Provincial de Ourense para o desenvolvemento de actividades de difusión cultural, investigación, formación e deportes no campus de Ourense. O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o día 18 de marzo ás 23:59 horas.

A convocatoria ten por obxecto “o financiamento de proxectos de interese para a Universidade de Vigo e a Deputación de Ourense”. Concretamente, apoiará traballos “relacionados cos ámbitos socioeconómicos máis propios da provincia”, considerando como tales o turismo, a agricultura e a gandería, o comercio, a xestión integral e o aproveitamento de recursos hídricos (especialmente os relacionados coa especialización do Campus Auga) ou calquera outro relacionado coa provincia de Ourense.

Interdisciplinariedade

A iniciativa “pretende ser unha vía para que o persoal investigador a tempo completo máis novo e os que teñan máis dificultades para acudir a outras convocatorias, poidan poñer en marcha os seus proxectos”. Igualmente quere “impulsar a interacción entre grupos de investigación do campus de Ourense dos diferentes ámbitos de coñecemento”, como son as ciencias, as ciencias da saúde, a enxeñería e arquitectura, as ciencias sociais e xurídicas e a arte e humanidades. Estas axudas tamén queren contribuír a reducir o desequilibrio entre homes e mulleres dedicados á investigación no sistema universitario de Galicia, polo que nelas terase en consideración o peso relativo das mulleres nas propostas presentadas, de xeito que se potencie o seu número e a calidade do seu traballo.

A convocatoria está aberta á presentación de proxectos coordinados entre distintos ámbitos de coñecemento, tendo que estar cada proxecto constituído como mínimo por dous subproxectos de ámbitos de coñecemento diferentes, independentemente do número de subproxectos que o conformen. Coa finalidade de potenciar na medida do posible a colaboración entre grupos de investigación dos diferentes centros do campus de Ourense, tamén terá a consideración de ámbito diferente para a súa avaliación os proxectos coordinados entre distintas áreas de coñecemento do mesmo ámbito, sempre que os grupos solicitantes da axuda desenvolvan as súas tarefas investigadoras en diferentes centros e se xustifique axeitadamente. Os grupos de investigación deberán estar rexistrados no catálogo de grupos de investigación da Universidade de Vigo (SUXI), e cada grupo só poderán participar nun subproxecto.

A convocatoria do pasado ano financiou, cun orzamento similar ao desta edición, seis proxectos interdisciplinares centrados na valorización social e patrimonialización das experiencias represivas no franquismo; a mellora das propiedades antimicrobianas das augas termais para a aplicación dermatolóxica; a detección automática de momentos de risco alérxico; a evolución histórica do uso dos videoxogos e a súa relación nos hábitos e estilos de vida adolescente; o mercado de aloxamento turístico e os colexios rurais agrupados.