Seleccionadas entre 151 candidaturas, o 69% están lideradas por mulleres
48 novas iniciativas empresariais participarán no Pont-Up Store
Na edición que terá lugar en setembro destaca tamén a presenza de spin-off universitarias
Un total de 48 novas iniciativas empresariais darán a coñecer os seus produtos e servizos na décimo terceira edición do Pont-Up Store, o encontro do emprendemento promovido pola Universidade de Vigo e organizado pola Asociación para a Innovación e o Emprendemento Pont-Up Store, co Concello de Pontevedra como patrocinador principal e o apoio de Deputación de Pontevedra, Xunta de Galicia, Zona Franca, Abanca e outra serie de entidades. Centrados en ámbitos como a biotecnoloxía, a intelixencia artificial, a economía circular, a cultura ou a innovación agroalimentaria, estes proxectos foron seleccionados entre un total de 151 candidaturas para tomar parte nun evento que os días 11 e 12 de setembro converterá Pontevedra “nun escaparate do talento emprendedor galego”, como sinalan desde a organización.
Destas 48 iniciativas, 33 disporán dun stand no recinto do encontro na praza de España, sete desenvolverán actividades demostrativas e oito tomarán parte no Pont-Up Venture, onde presentarán os seu proxectos a profesionais do investimento e o venture capital. O 69% das propostas presentadas están lideradas por mulleres e o 47% proceden de pequenas vilas e concellos rurais, sinalan desde a organización, que destaca tamén o papel que terán nesta edición as spin-offs xurdidas nas universidades galegas, así como as empresas vinculadas coa intelixencia artificial.
Este espazo do emprendemento recibiu neste 2026 un número similar de candidaturas que nos últimos anos, a pesar dun “contexto marcado polo descenso na creación de empresas” en Galicia. “O que observamos non é tanto unha diminución do talento emprendedor como unha evolución cara proxectos máis maduros, máis innovadores e cunha maior base tecnolóxica”, salientou Pedro Figueroa, director do Pont-Up Store. “Cada vez chegan menos ideas improvisadas e máis empresas con capacidade real para medrar, interacionalizarse e transformar sectores estratéxicos da economía galega”, sinalou.
Proxectos tecnolóxicos nacidos nas universidades
Un aspectos destacados desta edición é o incremento dos proxectos de perfil tecnolóxico e, nomeadamente, das spin-off universitarias. No caso da UVigo, entre os seleccionados figuran iniciativas como edgeContinuum, especializada en infraestruturas cloud descentralizadas; e Enerxía Comunitaria, orientada a democratizar a transición enerxética.
Tamén gañan peso as iniciativas empresariais que integran a intelixencia artificial, como Sizit AI, que permite calcular a talla do calzado a partir dunha fotografía do pé; a adestradora persoal Numacoach; Workstamp, orientada á xestión intelixente de equipos; ou a plataforma loveIFC. Outra das grandes liñas son os proxectos que teñen na sustentabilidade o eixe central do seu modelo de negocio. Ese é o caso de Aurarte, que transforma residuos mariños en pezas artísticas; Plic (re)made, que fabrica mobiliario con plástico reciclado; Forest, que aposta por un modelo eléctrico renovable, DodoMadeira, centrado na recuperación de madeira procedente de árbores caídas; ou a spin-off BioAqua, que aplica biotecnoloxía á depuración e reemprego da auga
O encontro contribuirá tamén a facer visible o emprendemento nacido no rural ou nas pequenas vilas, como propostas como Treba Gourmet, Caldeira Cerámica, Floresta Flores, Fermentos da Meiga ou Labre Gando. Do mesmo xeito, terán unha presenza destacada as industrias culturais e creativas, da man de iniciativas como a cooperativa audiovisual A Furna, especializada en contidos accesibles; Enxame Drones, que promove espectáculo escénicos con drons; Círculo de Bordadoras, que recupera os oficios téxtiles desde unha perspectiva comunitaria, ou o artista Ismaelo.
Liderado feminino, mais non nas iniciativas de “maior impacto”
O 69% das iniciativas seleccionadas están lideradas por mulleres, “unha porcentaxe moi superior á media do ecosistema emprendedor e que consolida unha tendencia observada nas últimas edicións”, sinalan desde a organización. Mais, esta presenza maioritaria de emprendedoras, subliñan, “diminúe considerablemente cando se analizan os proxectos de maior intensidade tecnolóxica e escalabilidade, especialmente nas spin-off universitarias e nas startups que competirán no Pont-Up Venture, onde as mulleres forman parte dos equipos de investigación e desenvolvemento, pero seguen sendo minoría á fronte dos proxectos”. De aí que Figueroa subliñe que o “verdadeiro desafío” pasa por incrementar a súa presenza “nos proxectos científicos e tecnolóxicos de maior impacto”.
