DUVI

Diario da Universidade de Vigo

UVigo, fundacións Rosalía e Curros e Alvarellos Editora programan actividades conmemorativas

50 anos da publicación de ‘Con pólvora e magnolias’ ben valen unha celebración

Un simposio internacional, unha edición facsimilar e recitais sucederanse os próximos meses

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Lingua Galega
  • Publicacións
  • Cultura
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 24/02/2026

“Na miña xeración pensabamos que tiñamos que ser radicais e subversivos en política e tamén na arte e na poesía”. Isto dicía da súa obra Xosé Luis Méndez Ferrín en 2005, co gallo da publicación por parte da editorial Xerais dunha edición especial do poemario Con pólvora e magnolias. 21 anos despois e coincidindo, desta volta, co medio século da publicación da primeira edición da que se está considerada como a obra de referencia da lírica galega contemporánea, o Departamento de Filoloxía Galega da UVigo, xunto coas fundacións Rosalía Castro e Curros Enríquez e Alvarellos Editora, poñen un marcha un programa de actividades que permitirán afondar na relevancia e a pegada do poemario  ao que o docente e investigador da UVigo e presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, se refire como “un libro emblemático, de culto, que causou grande impacto cando se publicou e polo que non pasa o tempo”.  

Angueira, xunto a Antonio Puga, presidente da Fundación Curros Enríquez e alcalde de Celanova; Henrique Alvarellos, director de Alvarellos Editora e Alberte Valverde, docente, foi o encargado de presentar este mediodía o programa de actos de celebración do 50 aniversario da publicación de Con pólvora e magnolias, que se desenvolverán durante os próximos meses e que incluirán un simposio internacional, unha reprodución facsimilar da obra de Ferrín, recitais e unha edición multilingüe do poema Reclamo a libertade pró meu pobo.

Pola súa banda, Susana Reboreda, vicerreitora de Extensión Universitaria da UVigo felicitou aos organizadores da homenaxe ao volume e ao seu autor e gabou un conxunto de actividades que considera “ademais de ser significativas e entrañables, compleméntase perfectamente”.

Papel kraft, tinta lila e unha encrucillada histórica e literaria 

Con deseño de Luis Mariño e editado polo selo Rompente, Con pólvora e magnolias foi impreso en Gráficas Minerva de Santiago en 1976 en papel kraft e con tinta de color lila, sufragado polo propio Ferrín e sen consulta previa voluntaria, un trámite obrigatorio para todos os editores que non posuían numero de rexistro e todas as publicacións autoeditadas. 

22 poemas estruturados en tres partes conforman a obra de Méndez Ferrín: unha primeira con 16 composicións de características similares; a segunda, Triste Stephen, un poema longo, en cinco partes ou cinco poemas,  con carácter autobiográfico.; e o poema a modo de epílogo Reclamo a libertade pró meu pobo, integran Con pólvora e magnolias. unha obra que se considera, marcou un fito e un punto de inflexión e consagración da poesía galega dos últimos anos, e na que se entrelazan o paso do tempo, o amor e desamor, a paixón pola vida e un alegación nacionalista e proletaria. 

“Sitúase nunha encrucillada política, histórica e literaria”, asegurou hoxe Anxo Angueira, que puxo de relevo a apertura de horizontes que para a poesía galega supuxo a publicación de Con pólvora e magnolias. “A poesía galega está hoxe na vangarda da poesía española e mesmo europeo e iso empezou con esta obra”, asegurou o docente presidente da Fundación Rosalía de Castro.

Pola súa banda, Alberte Valverde puxo de manifesto os paralelismos que consideran existen entre o ano de publicación do poemario, 1976, “unha época de medo cunha sociedade en transformación”, e o presente, polo que “este libro está moi de actualidade”, considera.

Simposio internacional, edición facsimilar, recitais ….

Co obxectivo de render homenaxe á obra, pero tamén ao seu autor, Con pólvora e magnolias estará no epicentro das celebracións que se se desenvolverán ao longo dos vindeiros meses. Tal é o caso o simposio internacional, organizado por Alberte Valverde que asegurou “tiña que ser en Vigo polo vínculo de Ferrín coa cidade e tamén coa súa universidade da que é doutor honoris causa”. O encontro internacional, que se celebrará no primeiro cuadrimestre do vindeiro curso, permitirá, segundo Valverde “reflexionar sobre o significado da obra na literatura galega e na actual”.

“Nós somos a editora de recuperación de grandes libros da historia”, explicou Henrique Alvarellos, director de Alvarellos Editora que confirmou a publicación no mes de maio, dunha primeira edición de 500 exemplares, dunha edición facsimilar de Con pólvora e magnolias, con epílogo de Anxo Angueira. Mentres, Antonio Puga, director da Fundación Curros Enríquez e alcalde de Celanova, gabou a iniciativa de celebrar o 50 aniversario da publicación da obra, que tamén incluirá no seu programa recitais, tanto na fundación que dirixe, como na Rosalía de Castro.