DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita terá lugar o xoves 13 de abril

500 estudantes preuniversitarios participarán na xornada ‘Coñece o campus de Ourense’

Procedentes de once institutos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Institucional
DUVI Ourense 30/03/2023

O xoves 13 de abril o campus de Ourense e as súas facultades e escolas abrirán as súas portas ao alumnado preuniversitario coa celebración da xornada Coñece o campus de Ourense. 500 estudantes de once institutos, principalmente da provincia ourensá, achegaranse a coñecer de primeira man os centros que hai e as titulacións que se imparten neste campus, campus que nun futuro próximo pode ser tamén o seu campus.  

A cita, que nace con vocación de continuidade os vindeiros cursos académicos, está organizada pola Vicerreitoría do Campus de Ourense co apoio dos centros deste campus. Desde a súa organización destacan e agradecen a boa acollida desta iniciativa tanto por parte das facultades e escolas universitarias como por parte dos propios institutos aos que se convidou a participar. A xornada, apuntan, será unha excelente oportunidade para que as e os escolares asistentes poidan coñecer as opcións que teñen no campus de Ourense para desenvolver a súa futura vida universitaria.  

Dous itinerarios

O programa da xornada, que se desenvolverá de 10.00 a 13.00 horas, arrancará no edificio Politécnico cunha benvida institucional e a presentación de cada escola e facultade do campus a cargo do seu responsable. De seguido, divididos en grupos, as e os rapazas percorrerán o campus para coñecer in situ cada un deses centros. O alumnado, segundo as preferencias manifestadas, participará nun itinerario centrado no ámbito xurídico-social, humanidades e artes ou nun itinerario centrado nas ciencias e enxeñarías.

O primeiro destes itinerarios levaraos ás facultades de Educación e Traballo Social, Historia, Ciencias Empresarias e Turismo, Dereito e Relacións Internacionais. O segundo permitirá ás e aos estudantes coñecer a Escola Superior de Enxeñaría Informática, a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e a Facultade de Ciencias. En cada un destes centros, ademais de ver as instalacións e recibir información sobre as súas titulacións, rapazas e rapaces terán a oportunidade de participar en diferentes actividades divulgativas relacionadas coa área de coñecemento da facultades ou escola en cuestión, como pode ser facer un experimento de laboratorio no caso da Facultade de Ciencias ou coñecer xogos populares no caso da Facultade de Educación e Traballo Social. Ente visita e visita a cada edificio, as e os escolares terán tamén a oportunidade de ver as diferentes instalacións e servizos comúns do campus, como a súa zona deportiva ou biblioteca.

Á xornada acudirán 500 estudantes, principalmente de primeiro e segundo curso de Bacharelato aínda que tamén algún de cuarto de Educación Secundaria Obrigatoria, de once centros, dez da provincia de Ourense e un da de Lugo. Concretamente participarán o IES A Pinguela (Monforte de Lemos), o IES Cidade de Antioquía (Xinzo de Limia), o IES Manuel Chamoso Lamas (O Carballiño), o IES de Quiroga (Quiroga), o IES Xesús Taboada Chivite (Verín), o CPR Plurilingüe Miraflores (Pereiro de Aguiar), o CPR Plurilingüe Santa Teresa de Jesús (Ourense), o CPR Plurilingüe María Auxiliadora (Ourense), o CPR Seminario Menor Diocesano A Inmaculada (Ourense), o CPR Pablo VI Fátima (A Rúa) e o IES San Mamede (Maceda).