DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este xoves tivo lugar o acto de benvida ás 29 persoas que se incorporan neste cuadrimestre

57 estudantes de 18 nacionalidades fórmanse este curso no campus de Pontevedra

Francia e México son os principais países de orixe

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Estudantado
  • Académica
DUVI Pontevedra 30/01/2025

Chegados á cidade ao abeiro do programa Erasmus+, de convenios bilaterais e doutras iniciativas de mobilidade, 57 estudantes procedentes de 18 países formaranse nas diferentes facultades e escolas do campus ao longo do presente curso. Despois de acoller 18 alumnos e alumnas internacionais no primeiro cuadrimestre, o campus recibe nestes días 29 mozos e mozas que inician unha etapa formativa e vital en Pontevedra e que se suman aos dez alumnos e alumnas que permanecen na cidade todo o curso. Co obxectivo de presentarlles os diferentes servizos e a actividades que a UVigo pon ao seu dispor, a Vicerreitoría de Internacionalización promove esta semana actos de benvida nos tres campus, como o que este xoves tivo lugar na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte.

Alí, representantes da Oficina de Relacións Internacionais (ORI) trasladaron ao alumnado de intercambio información xeral da Universidade e dos trámites que deben realizar no inicio da súa estadía no campus, á vez que lles presentaron os diferentes servizos da institución académica e as actividades culturais e deportivas da Universidade e puideron coñecer tamén as iniciativas da asociación Erasmus Student Network (ESN). A vicerreitora do campus, Eva María Lantarón, foi a encargada de darlles a benvida “a unha das mellores Universidades a nivel mundial, con moi bos recursos e moitas posibilidades que tedes que aproveitar”. Do mesmo xeito, animounas e animounos a que “non vos quededes só coa actividade académica”, senón que aproveiten tamén “todas as iniciativas que vai pór á vosa disposición" a Universidade e un campus, “que está nun proceso de especialización” centrado na creatividade, xa que, lembrou, esta estadía é tamén unha experiencia “moi importante para o voso desenvolvemento persoal”. 

Francia e México, principais países de orixe

Procedentes de 14 países de Europa, América e Asia, 29 estudantes incorpóranse neste segundo cuadrimestre as aulas das diferentes facultades e escolas, dentro dos que Facultade de Comunicación, con 14 alumnos e alumnas, é novamente o centro máis internacional. Chegada desde a Universidade Latina de América, a mexicana Natalia Pantoja acudía este xoves ás súas primeiras clases nesta facultade, onde agarda poder ampliar, “con outros puntos de vista”, a súa formación en Mercadotecnia. “Desde que empecei a carreira en México, quería vir de intercambio e nunca viñera a España”, sinala esta estudante, procedente da cidade de Morelia, que recoñece ter chegado a Pontevedra "coa mente moi aberta”, para cursar diferentes materias do Grao en Publicidade e Relacións Públicas. Nesta titulación formarase tamén a portuguesa Leticia Correa, procedente da Universidade das Azores. “Unha amiga estudou aquí o ano pasado e díxome que foi unha moi boa experiencia”, relata das motivacións que a trouxeron ata Galicia, onde ademais de gozar da súa estadía agarda tamén ampliar a súa formación “na parte máis práctica” dos seus estudos, xa que “na miña universidade non temos moitas prácticas, son clases máis teóricas”.

Sumando aqueles e aquelas que se formaron no primeiro cuadrimestre e os que permanecen todo o ano académico, a Facultade de Comunicación recibe este curso 22 estudantes internacionais, mentres outros 14 fórmanse ou formáronse en Belas Artes. Ciencias da Educación e do Deporte acolle sete estudantes foráneos ao longo do curso e tanto Fisioterapia como Dirección e Xestión Pública, cinco. A Facultade de Deseño, con tres estudantes neste segundo cuadrimestre, e a Escola Universitaria de Enfermaría completan a relación de centros do campus que con alumnado internacional.

Con respecto aos lugares de orixe, Francia, con 11 alumnos e alumnas, convértese neste curso no país con máis representantes no campus, seguido de México, con nove, e Arxentina e Italia, ambos con seis. 

Tras o encontro desta xornada e o celebrado este mércores en Ourense, a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais do campus de Vigo acolle este venres o último destes actos de benvida.