DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo unhas das investigacións presentadas na cuarta edición do workshop Hackeando o patriarcado

O 58% do estudantado da Universidade de Vigo sufriu acoso por Instagram pero só o 17% denunciou

Reitor e presidenta da Deputación alertaron dunha onda antifeminista e negacionista en redes sociais

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Igualdade
  • Reitor
  • Institucional
M. Del Río DUVI 02/11/2022

O 58% do estudantado da Universidade de Vigo sufriu acoso algunha vez a través de Instagram, pero apenas o 17% denunciou. Estas son algunhas das conclusións dunha investigación presentada no marco da cuarta edición do workshop Sociedade dixital e xénero. Hackeando o patriarcado, que impulsa a Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo e que se celebrou este mércores no edificio Redeiras.

A investigación destaca que a maioría das vítimas son mulleres, que experimentaron as consecuencias da violencia machista a través das accións de homes que actuaban sos (no 51% dos casos) ou en grupo. O informe tamén destaca que o 47% recibiu imaxes sexuais non desexadas. Porén, a reacción máis común á misoxinia dixital é ignorala (no 53% das situacións), en lugar de denunciala (17%) ou enfrontala (8%). Os autores deste estudo son o profesor da UVigo Xabier Martínez Rolán, as profesoras da Universidade da Coruña María Teresa Piñeiro Otero e Laura Castro-Souto e as profesoras e o profesor da Complutense de Madrid G. Padilla-Castillo, Almudena Barrientos-Báez e David Caldevilla.

Esta é unha das catro investigacións que se presentaron no transcurso deste workshop e que se desenvolveron ao abeiro da Cátedra de Feminismo 4.0 que impulsan a Deputación de Pontevedra e a UVigo. Ademais de avanzar os resultados destes estudos, no transcurso da xornada tiveron lugar conferencias e mesas redondas nas que interviñeron expertas dos ámbitos do xénero, a socioloxía ou a antropoloxía social e cultural, entre outros eidos. Este ano o lema do workshop é Novos aparatos ideolóxicos: o patriarcado de vixilancia e centrouse en reflexionar sobre as novas estratexias ideolóxicas patriarcais para perpetuarse a través da misoxinia dixital organizada, o que se coñece como manosfera, machoesfera ou manhood, que está a actuar como un novo aparato ideolóxico do patriarcado.

Preocupación pola onda antifeminista e negacionista nas redes sociais

Os encargados de inaugurar esta cuarta edición de Hackeando o patriarcado foron a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, que puxeron en valor o papel da  Cátedra de Feminismos 4.0 impulsada por ambas institucións para promover a igualdade, a non discriminación e a accesibilidade universal das mulleres no ámbito das actuais sociedades da información. Na súa intervención, o reitor recoñecíase como unha persoa “máis optimista que realista, porque eu pensaba que coa racionalidade e o respecto chegaría para construír unha sociedade máis xuta e feminista, pero o monstro ten moitas cabezas”, algunhas visibles, apuntaba, pero outras agochadas, “escondidas nas redes e nos discursos de odio”, o que obriga a “seguir loitando e pelexando cada día para conseguir esa sociedade máis xusta”. Reigosa agradeceu a Carmela Silva o compromiso da Deputación con actividades como este workshop “que son extraordinariamente relevantes porque, se ben o discurso xeral se vai pouco a pouco tinxindo de morado, si é certo que aínda hai moitos recunchos onde non chega o discurso da igualdade e onde se poden ler e escoitar mensaxes absolutamente denigrantes”. 

A presidenta da Deputación, pola súa banda, trasladou as súas felicitacións á Universidade de Vigo por traballar “a prol da igualdade, con rigor e con análise e promovendo estudos, poñendo datos á realidade e amosando a verdade do que denunciamos e tamén do que propoñemos para cambiar esa realidade”. Neste sentido, recalcou, a Cátedra de Feminismos 4.0 é unha “extraordinaria idea” nunha “era dixital” na que as mulleres “loitan por empoderarse” no mesmo espazo no que o machismo “busca seguir atacando e discriminando” as mulleres. 

Silva alertou de que estes ataques se realizan de xeito organizado e tratan de xerar un pensamento machista que chegue “especialmente á mocidade”. Amosouse “seriamente preocupada” e destacou que son as administracións públicas as que deben “establecer normas, instrumentos e medios para facer fronte ao que acontece nas redes sociais”, porque de igual xeito que existen normas para que no “mundo tradicional da comunicación non se poida atacar desta forma terrible ás mulleres”, cómpre poñer en marcha mecanismos para que isto tampouco suceda na contorna dixital. Silva tamén puxo o foco no que poida suceder en Twitter nesta nova etapa con Elon Musk á cabeza, “que aparte de ter un pensamento fascista, vai sobre todo contra as mulleres” e a plataforma corre o risco de converterse nun espazo “antidemocrático, porque todo o que ataca á metade do mundo é antidemocrático”. 

Relatoras protagonistas e investigación presentadas

A encargada de abrir esta cuarta edición do workshop da Cátedra Feminismos 4.0 foi Remedios Zafra, Premio Anagrama de Ensaio 2017 e Premio Internacional Ensaio Jovellanos 2022, que se abordou no patriarcado e capitalismo dixital. O seguinte relatorio, sobre pornografía en liña e o seu impacto na educación sexual das e dos menores, correu a cargo de Mónica Alario Gavilán, autora de Política sexual da pornografía. Sexo, desigualdade, violencia da Editorial Cátedra. Posteriormente desenvolveuse unha mesa redonda coa participación de Elisa García Mingo, profesora do Departamento de Socioloxía: Metodoloxía e Teoría da Universidad Complutense de Madrid; Elena Alfageme, historiadora e antropóloga feminista, responsable de xénero de InteRed; María Teresa Piñeiro Otero, profesora do Departamento de Socioloxía e Ciencias da Comunicación da Universidade da Coruña e autora de numerosos textos en publicacións académicas sobre comunicación radiofónica e sonora; e Alba Alonso Feijoo, autora do blog Realkiddys e diversos libros. As catro expertas abordaron temas como a manosfera española e a onda antifeminista; a loita fronte os discursos negacionistas machistas no mundo dixital; as violencias dixitais contra as mulleres xornalistas e as correntes machistas no eido dixital.

O workshop compleméntase, como vén sendo habitual en anteriores edicións, cun obradoiro de ciberactivismo feminista, que terá lugar na Facultade de Comercio de Comercio en modalidade presencial impartido por 7H Cooperativa Cultural. 

Investigacións da Cátedra

Xun co estudo sobre a toxicidade e as violencias machistas en Instagram, na web da Cátedra Feminismo 4.0 poden consultarse outras catro investigacións apoiadas pola Cátedra nesta edición, entre elas, As que están e as que marcharon: as mulleres e migracións na industria do videoxogo; Carapuchiña e a pantalla feroz: identidades de xénero nas redes sociais; Unha mirada feminista á alborada da ciencia climática: Pescuda, interpretación, valoración e réplica dos experimentos e achegas de Eunice Newton Foote en 1856 e Identificación automatizada de comentarios sexistas en las redes sociales, mediante técnicas de IA. Taller demostrativo en institutos de secundaria del área de Pontevedra.