DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Unha exposición na sala O Abrigo permite coñecer a traxectoria de creadoras de diferentes épocas

59 retratos para reivindicar as mulleres artistas

As obras de Concha Mayordomo poderán verse ata o 21 de marzo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Igualdade
  • Cultura
DUVI Pontevedra 27/02/2025

Presidenta da asociación de mulleres artistas Blanco, negro y magenta, Concha Mayordomo puxo en marcha no ano 2011 o espazo web Mujeres en el arte, que reúne a día de hoxe máis de 1100 pequenas biografías de artistas de diferentes épocas. Boa parte delas acompañadas de retratos como os 59 que desde este xoves poden verse na sala O Abrigo da Facultade de Belas Artes, nunha exposición que a súa comisaria, a catedrática Yolanda Herranz, presenta como “un interesante encontro interxeracional no que se relacionan artistas mulleres de distintas épocas e contextos, que se irmandan transmitindo ideas e experiencias”. 

Retratos de mulleres artistas. Unha serie significativa sostida no tempo poderá visitarse neste espazo ata o 21 de marzo neste espazo expositivo de Belas Artes, xestionado polo colectivo artístico Lupercais. A mostra forma parte á súa vez da programación da vixésimo primeira edición de Ellas Crean, un festival multidisciplinar que desenvolve a súa programación en múltiples puntos de España. A mostra foi inaugurada este xoves por Mayordomo, Herranz e o vicedecano de Cultura, Ignacio Pérez-Jofre, e viuse precedida pola conferencia impartida este mércores na facultade por esta artista e comisaria, que tiña tamén por obxecto reivindicar as numerosas artistas “invisibilizadas” ao longo da historia.

Dando continuidade ao labor de divulgación que Mayordomo leva a cabo na súa web, estes retratos, "apuntamentos rápidos" realizados a lapis ou tinta, preséntanse acompañados por un código QR a modo de cartela, que permite acceder aos textos biográficos reunidos no espazo web Mujeres en el arte. A mostra permite nese senso achegarse a figuras como a pintora do século XVI Sofonisba Anguissola ou a artistas do século XIX como María Corredoira, María Blanchard e Georgia O´Keefffe. Entre os retratos seleccionados poden atoparse tamén os de artistas como Frida Kahlo, Maruja Mallo ou Leonora Carrington, xunto cos de creadoras galegas como María Antonia Dans, Soledad Penalta ou Menchu Lamas, á vez que figuras contemporáneas como Esther Ferrer, Concha Jérez, Eva Lootz, Mona Hatoum ou Ana Mendieta. Do mesmo xeito, a exposición formúlase tamén como unha homenaxe ás artistas docentes e ao seu papel de “transmisoras do coñecemento”, a través dos retratos das profesoras da facultade Natividad Bermejo, Marina Núñez, Mar Caldas e a propia Yolanda Herranz, así como da xa falecida Berta Cáccamo.

Artistas que “desapareceron” da historia

A inauguración desta exposición viuse precedida pola conferencia que Mayordomo impartía esta mércores na facultade e na que tratou de achegar algunhas respostas á pregunta de “por que non hai grandes mulleres artistas na historia da arte”. A conferenciante partiu das pinturas rupestres e das mans que se poden ver plasmadas nas covas, xa que “demostrouse morfoloxicamente que son mans de muller” e inciou a partir de aí un percorrido histórico dirixido a coñecer “por que se invisibilizaron e que circunstancias se deron para que as mulleres desaparezan da historia, cando estiveron presentes en todas as disciplinas, culturas e movementos artísticos”. Mayordomo detívose en casos de artistas ás que “se lles quitou a autoría” das súas obras, pasando a atribuírselle a un home, como os Judith Leyster, no século XVII, eTeresa Díez, no XIV. Neste punto, a artista incidiu na necesidade de seguir reivindicando ás mulleres artistas, á vez que destacou que a día de hoxe existen “moitas historiadoras de arte moi sensibilizadas con este tema, que están facendo un traballo extraordinario para sacar a relucir todas estas mulleres”.