DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Elas e eles conforman os grupos Rosaura, Cordelia, Maricastaña e Gepetto

60 persoas fórmanse este curso nas aulas de teatro do campus

Os froitos do seu traballo amosaranse ao público en diferentes mostras escénicas

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Cultura
  • Teatro
  • Cultura
DUVI Ourense 07/12/2018

Entre a oferta formativa complementaria dispoñible cada curso académico no campus de Ourense a través da súa programación de obradoiros, o teatro ten un protagonismo especial ano tras ano a través das catro aulas teatrais existentes. O pasado mes de outubro arrancaron a súa actividade e nelas actualmente fórmanse 60 persoas, membros da comunidade universitaria e persoas alleas a ela.   

As aulas de teatro do campus de Ourense, comenta Fernando Dacosta, o seu director, contan xa cunha dilatada traxectoria e unha dinámica consolidada ano tras ano. Trátase das aulas de teatro Rosaura, aberta ás e aos que se inician nas artes escénicas; Cordelia, destinada ás e aos que xa teñen algo de experiencia, e Maricastaña, para as e os máis avanzados. A estes tres niveis engádeselle a Aula de Teatro Infantil Gepetto. A docencia corre a cargo de membros de Sarabela Teatro e abrangue unha formación tanto teórica como práctica das e dos participantes en pequenos grupos en instalacións do campus de Ourense ao longo do curso académico. Como froito desa formación, cada grupo desenvolve unha peza teatral que é representada ante o público nalgunha mostra de teatro.

Catro opcións

O primeiro dos niveis que estruturan esta oferta formativa escénica é a Aula Rosaura. “Este obradoiro é un inicio ao mundo do teatro”, comentan desde a organización. De xeito ameno e creativo, indican, as e os participantes viven a experiencia da formación dun grupo, coñecen os conceptos de espazo, tempo teatral e xogo dramático e introdúcense no traballo de corpo, voz e interpretación necesario para a creación dun espectáculo. Froito do traballo realizado, o grupo prepara baixo a dirección de Sabela Gago unha representación de teatro na rúa coa que arranca cada ano a Miteu, a Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense.

Para as e os que xa fixeron o nivel 1, está a Aula Cordelia, o nivel 2. “Neste obradoiro, destinado aos que fixeron o primeiro nivel ou a quen teña experiencia teatral suficiente, trabállase no afondamento das técnicas físicas e vogais e na creación do personaxe, na dramaturxia e na preparación de todos os elementos que rodean unha obra”, comentan os seus responsables. Ao igual que nas demais aulas, este grupo tamén traballa unha peza, neste caso baixo a dirección de Fina Calleja, que logo se presenta na Miteu.

Por último nesta nivelación de aulas está o nivel 3, que leva por nome Maricastaña. Nel conflúe a aprendizaxe dos dous anteriores niveis para somerxer ás e aos participantes na montaxe dunha obra teatral propiamente dita. Neste obradoiro, os actores e actrices afeccionados “adéntranse no universo que supón unha posta en escena, coñecendo os elementos técnicos e interpretativos, sentindo a creación en grupo e plasmando todo isto nunha montaxe que xirará por diversas mostras universitarias de Galicia, España e Portugal”, explican desde a organización. Baixo a dirección de Fernando Dacosta, nesta edición esta aula traballará a obra Implosións, drogas, pasma e outras cousas das que preocuparse, con dramaturxia do propio Fernando Dacosta a partir das primeiras novelas de Daniel Pennac da saga Malaussène.

Por último, a formación teatral no campus de Ourense inclúe a Aula de Teatro Infantil Gepetto, na que as e os amantes da actuación terán “a oportunidade de facer teatro para nenas e nenos”. Ao longo dos meses de preparación, as e os inscritos “traballan, xogan e reflexionan sobre os temas que lles interesan aos cativos para presentalos de xeito lúdico e divertido a uns espectadores marabillosos”. O froito do seu traballo será unha peza que se estreará na Mostra de Teatro Infantil de Ourense Moti e que nesta ocasión levará por título Aprendiz de Bruxa, con dramaturxia de Elena Seijo a partir de Kika Súper Bruxa.