Entregáronse este venres coincidindo coa presentación das IV Teleco Games
6000 euros para os tres mellores expedientes de novo ingreso en Enxeñaría de Telecomunicación
Patrocinados por tres empresas de conexionTeleco: BorgWarner, Indra e Technica Engineering
Buscar canteira entre o alumnado preuniversitario, sementar nelas e neles o interese pola enxeñaría, e premiar o novo talento que acaba de arrancar a súa traxectoria na escola. Este non foi un venres calquera na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, foi unha data especial, unha cita que xa comeza a consolidarse no calendario do centro e no que coincide a entrega de premios aos tres mellores expedientes de entrada na escola co acto de presentación das olimpíadas de Teleco, neste caso as IV Teleco Games, un evento que cada ano trae ao centro a arredor de 250 estudantes preuniversitarios de toda Galicia.
Tres novos talentos con moito futuro no mundo das TIC
Os premios aos tres mellores expedientes recaeron este curso en Hugo Alonso Taboada, Diego Gómez Fernández e Martiño Rivo Bugallo, tres alumnos con traxectorias brillantes aos que o centro, apoiado polas empresas da rede conexionTeleco, quixo facerlles “un pequeno agarimo por todo o esforzo que levan realizado”, tal e como salientou na entrega do premio a directora da escola, Rebeca P. Díaz, quen explicou que cada premio está dotado con 2.000 euros, contías achegadas polas empresas BorgWarner, Indra e Technica Engineering.
Satisfeitos polo recoñecemento, os tres alumnos premiados valoraron moi positivamente esta iniciativa. Ningún dos tres tiña claro cando arrancaron os seus estudos de bacharelato que titulación universitaria elixirían, pero a día de hoxe, logo de varios meses na escola e a piques de rematar os exames do primeiro cuadrimestre, están moi satisfeitos, coa elección feita.
Hugo Alonso, recibiu o premio Cátedra BorgWarner, de mans de Telmo Calle, director do Centro Técnico Español para Electrónica de BorgWarner; Diego Gómez, da man de Ruth Escarda, directora do Centro de Excelencia de Defensa e Aeroespacial de Indra Vigo, e Martiño Rivo, de David Román, office manager en Technica Engineering Spain. Todos lles desexaron “boa sorte” nas súas traxectorias e os felicitaron por ter elixido unha profesión “apaixonante”.
Martiño Rivo, de Santiago, admite que empezou bacharelato con intención de estudar Física, e non foi ata ben empezado segundo, cando “decidín cambiar por Teleco”. No caso de Hugo Alonso, de Vigo, tiña claro que quería estudar algo relacionado “coas novas tecnoloxías, que son o futuro”, polo que dubidou entre diferentes titulacións case ata o último segundo. Pola súa banda, Diego Gómez, do Carballiño, foi facendo bacharelato cando se decatou de que as materias que máis lle gustaban eran matemáticas e física, “polo que decidín aproveitar as miñas oportunidades e, nese senso, penso que Enxeñaría de Telecomunicación aproveita moi ben as miñas competencias”.
244 estudantes de 22 centros nas IV TelecoGames
Antes da entrega destas distincións, o salón de actos da escola acolleu a recepción ao alumnado e profesorado que vai participar na IV Olimpíada Nacional de Teleco, Teleco Games, unha competición que se celebra de maneira simultánea en máis de 20 escolas de enxeñaría de toda España coa colaboración do Colegio Oficial de Ingenieros Técnicos de Telecomunicación.
Nesta ocasión hai matriculadas na fase galega da olimpíada, con sede na escola viguesa, 244 estudantes de 22 centros de toda Galicia, sendo a representación maioritaria da provincia de Pontevedra, se ben, tal e como explicou a directora da escola, nesta ocasión, “é notable o incremento de estudantado das provincias da Coruña e Ourense, sendo Lugo a provincia con menor representación”.
Este ano a competición conta con dúas novidades principais. En primeiro lugar lanzouse unha categoría nova para alumnado de 1º e 2º de ESO, que son os máis novos. “Queremos que se acheguen ás tecnoloxías de comunicación e información o antes posible e esta categoría, única nas Olimpíadas a nivel nacional, permítenos poder inculcar este interese a idades temperás”, explica Rebeca Díaz. En segundo lugar, este ano pediuse que todos os equipos teñan en conta dalgunha forma a ciberseguridade no proceso de desenvolvemento e/ou no deseño do prototipo. “A idea é que se familiaricen con medidas sinxelas, pero efectivas, para defender a súa seguridade e privacidade”, apunta a directora.
Chegada xa a 4ª edición da competición, Díaz saca peito polos bos resultados que están a acadar os equipos galegos nas finais nacionais. “En todas as edicións temos equipos que están no podio”. Na edición de 2025 gañaron o 1º premio (IES Rosais 2 de Vigo) e o 4º premio (IES Isaac Díaz Pardo de Sada) na categoría de Bacharelato e na categoría de FP gañou o 1º premio o equipo do CIFP A Farixa de Ourense.
A presentación das olimpíadas vén tamén acompañada dunha visita guiada deste alumnado preuniversitario ás principais instalacións singulares da EET para que coñezan que se estuda no Grao de Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación, así como un pequeno encontro con dúas das asociacións de estudantes patrocinadas pola escola (CES UVigo e UVigo SpaceLab)
