DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Recollidas nun libro branco presentado este venres na Facultade de Filoloxía e Tradución

61 propostas para mellorar a accesibilidade no desenvolvemento dos videoxogos

No marco das actividades do Máster en Tradución Multimedia

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Charlas e seminarios
  • Académica
M. Del Río DUVI 20/09/2024

Como en calquera outro eido da sociedade, a accesibilidade tense convertido nun tema de actualidade tamén no eido dos videoxogos co obxectivo de que calquera xogador ou xogadora, con independencia das súas capacidades, poida desfrutar da experiencia. Para axudar neste proceso, a Asociación Española de Videojuegos (Aevi) e a Fundación ONCE elaboraron un libro banco que recolle unha serie de medidas e propostas de referencia para guiar os desenvolvedores e os estudos de videoxogos no seu camiño para converter os seus títulos en produtos máis accesibles. O volume, editado en 2023, foi presentado este venres na Facultade de Filoloxía e Tradución polo vicepresidente da Aevi, Arturo Monedero, no marco dunha xornada organizada polo Máster en Tradución Multimedia.

Monedero, experto na industria dos videoxogos e fundador do estudio TLR Games, detallou medidas clave, que van desde o uso de tipografía alternativa de lectura fácil, a información con códigos de cor, o lector de pantalla, os sistemas de puntería asistida, entre outras. O obxectivo desta guía é, como relataba Monedero, axudar os deseñadores do mundo do videoxogo a conseguir a igualdade de oportunidades e o deseño universal nos seus produtos, para que todos poidan desfrutar do lecer que esta industria propón. Para a redacción do libro tivéronse en conta diferentes perfís de xogadores, que fan referencia a como se utiliza a tecnoloxía, e que fan referencia á visión limitada, percepción da cor, audición, manipulación ou forza limitada, e capacidade cognitiva.

61 medidas e cinco categorías

O libro recolle un total de 61 medidas de accesibilidade distribuídas en cinco categorías, en función do seu grao de dificultade de implementación: 28 catalogadas cunha estrela; 18 con dúas; 7 de tres; cinco de catro e, finalmente, tres de cinco estrelas. O que se buscan con estas 61 propostas é sensibilizar á sociedade sobre a accesibilidade e a discapacidade e poñer ao seu dispor unha guía de referencia sobre medidas de accesibilidade en videoxogos, relacionando os perfís de prestación funcional coas medidas de accesibilidade correspondentes e explicando como se poden desenvolver as distintas medidas de accesibilidade. Ademais, Aevi e ONCE tamén buscan determinar a dificultade que implica a inclusión de medidas de accesibilidade por parte dos estudos e ofrecer aos creadores ferramentas para avaliar a accesibilidade dos seus produtos, poñendo á súa disposición a información relativa á accesibilidade hardware e os periféricos, así como poñer en valor a importancia da impresión 3D no mundo hardware e os periféricos adaptados.

Unha traxectoria de éxito

Arturo Monedero é vicepresidente da Asociación Española de Videojuegos, a principal organización do videoxogo en España que representa máis de 85 empresas e centros académicos que xeran a maioría dos postos de traballo do sector e representan o 90% do consumo do mercado español. Pero ademais conta cunha ampla traxectoria profesional, incluíndo o deseño de obras recoñecidas como Los Ríos de Alice ou The Longest Road on Earth, premiadas nacional e internacionalmente. Sobre a súa experiencia laboral, retos e éxitos tamén reflexionou co alumnado do mestrado e as persoas asistentes.

Un mestrado 100% en liña

O acto contou tamén coa presenza do decano da Facultade de Filoloxía e Tradución, José Montero, e da coordinadora do mestrado, María Teresa Veiga Díaz, responsable dun título recentemente renovado que, como ela mesma explica, aposta pola accesibilidade como eixo fundamental da súa nova estrutura formativa que é 100% en liña. “Con disciplinas como o subtitulado para persoas xordas, a lectura fácil ou a audiodescrición, o máster sitúase na vangarda da tradución audiovisual, preparando profesionais nun sector en constante crecemento”.