DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo un novo informe do Observatorio Stop Machitroles impulsado pola Cátedra de Feminismos 4.0

O 63% das situacións de acoso dixital son exercidas por homes coñecidos da vítima

O estudo analiza a violencia machista dixital a través de novas da prensa galega

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Igualdade
  • Institucional
M. Del Río DUVI 14/11/2022

O 63% das situacións de acoso que se producen na contorna dixital son exercidas por homes coñecidos pola vítima. Esta é unha da principais conclusións do estudo A violencia machista dixital a través da prensa galega presentado este luns na sede da Deputación de Pontevedra na cidade de Vigo pola deputada de Turismo e Xuventude, Ana Laura Iglesias, e pola directora da Unidade de Igualdade, Águeda Gómez. O documento presentado hoxe constitúe o segundo informe do Observatorio Stop Machitroles, un órgano que ten como obxectivo “medir a incidencia da violencia machista no ámbito dixital” e que se creo ao abeiro da Cátedra de Feminismos 4.0 impulsada pola Deputación de Pontevedra e a UVigo. 

Este segundo estudo centrouse na análise das novas relacionadas coa prevalencia e a tipoloxía do acoso machista dixital, a través das novas publicadas na prensa escrita. Deste xeito, o informe convértese nun “indicador da importancia deste fenómeno para os medios, e amosa en que grao o acoso dixital machista é susceptible de converterse en noticia”, explicaba na presentación a directora da Unidade de Igualdade. Para a súa realización, detallaba, “empregáronse como fonte publicacións do período que vai entre xaneiro e setembro de 2022”, centrándose en medios dixitais da prensa galega e contrastando e confrontando co medio estatal máis lido, El País, que ademais, conta cunha correspondencia de xénero. Para acoutar a información, buscáronse termos claves como «acoso», «dixital», «muller» e «violencia», e recolléronse todas as noticias nas que aparecían estes tópicos. Así, en total, foron 245 novas as que se analizaron, das cales 151 foron publicadas en medios galegos (61,6 % do total).  O documento non inclúe, como sublimaba Gómez, “o tratamento xornalístico dos feitos relatados (sensacionalismo, perspectiva de xénero no enfoque, visión sexista, sección na que aparece a noticia, contido e datos que achega etc.), senón que utiliza as novas como indicios dun feito de violencia machista dixital”. 

A deputada de Turismo e Xuventude da Deputación de Pontevedra, Ana Laura Iglesias, que participou na presentación da investigación, asegurou que esta análise de prensa “amosa que as violencias machistas dixitais constitúen un problema socioestrutural que non se pode enmarcar en conflitos interpersoais”. Salientou tamén a necesidade de elaborar estudos coma este, sobre todo nunha sociedade na que “unha porcentaxe elevadísima de rapazas non perciben como violencia machista que as súas parellas lles revisen o teléfono” ou que sexan negacionistas da violencia machista.

Só o 10% dos acosadores son descoñecidos

O estudo delimita tres formas de violencia dixital misóxena: a que exercen parellas, ex-parellas ou persoas próximas; a que dirixe conta mulleres con presenza pública e, en terceiro lugar, a violencia da manosfera, unha rede dixital organizada para difundir os discursos de odio contra as mulleres. 

Os datos obtidos nesta investigación permiten afirmar que máis da metade dos acosadores forman parte do ámbito afectivo (parellas ou ex-parellas) ou ben do eido educativo, deportivo, veciñal ou laboral da vítima. Nestes casos, o acosador dirixe a súa violencia, vixilancia e fustrigación dixital a unha muller concreta. Segundo os casos que aparecen na prensa, só un 10,3 % son acosadores descoñecidos para as vítimas e, nestes casos, o acosador tamén dirixe a súa violencia cara a unha única muller.

En relación coas tipoloxías do acoso, o informe identifica tres grandes grupos: o ambiental (que se produce en ambientes educativos, deportivos e lúdicos); o da manosfera ou o que denomina o 'efecto Johnny', é dicir, as denuncias do suposto acosador ou maltratador á súa vítima por difamación, “como no caso do xuízo entre Johnny Depp e Amber Heard ou o do xogador de fútbol Santi Mina”. 

Alarmante número de nenas e adolescentes vítimas

Ademais das conclusións xa citadas, outro dos resultados destaca o continuo da violencia machista, que salta da vida material ao espazo dixital onde se multiplica utilizando os dispositivos tecnolóxicos e as redes sociais. No que recollen estes medios, en moi poucos casos se describen violencias machistas exclusivamente dixitais.

En canto ás vítimas, son todas mulleres. A análise sinala que “resulta alarmante” o número de nenas e de adolescentes que sofren este tipo de violencias machistas. Entre as técnicas máis utilizadas están a sextorsión, os nus (nudes) non solicitados, o cyberflashing, a chamada pornovinganza, a ciberfustrigación, a ciberespreita, a ciberintimidación, o ciberacoso, o phubbing, o flaming, o cracking de contas, o uso de aplicacións (spyware) para controlar os seus movementos e a súa localización física e en liña ou as mensaxes compulsivas e reiteradas.

Por outra banda, advírtese que moitas noticias son publicadas por estar implicadas persoas famosas, como vítimas ou como acosadores. Este tipo de novas actúa como "modelo paradigmático da frecuencia, intensidade e transversalidade das violencias machistas" en todos os estratos sociais, ideoloxías, idades ou profesións.

En definitiva, destacaba Gómez, a violencia machista dixital é un fenómeno socioestrutural cada vez máis frecuenten e existe un continuo entre violencia en liña e fóra de internet e é un fenómeno xeralizado no que acosan homes e as vítimas son mulleres, moita veces menores e gran parte dos acosadores son coñecidos das vítimas”. Ademais, recalcou que existen espazos de machismo ambiental onde a hostilidade se dirixe ás mulleres solo polo feito de ser mulleres e hai un incremento da chamada violencia de xénero por poderes”. Por todo isto, remarcaba a responsable da Igualdade da UVigo, “non se debe banalizar a importancia da violencias machistas dixitais, é violencia real e sempre ten consecuencias  nas vida das vítimas”.

A xornada de presentación do estudo completouse cun relatorio da man da profesora da Universidad de Deusto Estíbaliz Linares, no que abordou o seu traballo Ante as (Ciber)violencias machistas, estratexias e mecanismos resistentes. A experta destacou que, a pesar das moitas sombras que hai no que se refire á violencia dixital que sofren as e os adolescentes, “tamén hai moitas luces. Temos tratar de non banalizar, de xerar resistencias e colectividades e seguir falando e visibilizando esta problemática”.