DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ao abeiro de diferentes programas de mobilidade internacional

65 estudantes de 15 países escolleron este curso académico o campus de Ourense

A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo é a que máis alumnado estranxeiro recibe

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Internacional
  • Estudantes
DUVI Ourense 03/03/2020

65 estudantes de 15 países escolleron este curso académico o campus de Ourense para continuar os seus estudos universitarios ao abeiro dos diferentes programas de mobilidade internacional. Deles e delas, 13 están todo o curso académico, 23 estiveron no primeiro cuadrimestre e 29 incorpóranse neste segundo cuadrimestre.

Por centros de destino, este curso académico 2019/2020 a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo é a que máis alumnado estranxeiro recibe, 26. Séguelle Ciencias, con once; Dereito, con oito; Ciencias da Educación, con sete, e a Escola Universitaria de Enfermería, con catro.  A  Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e a Escola Superior de Enxeñaría Informática foron elixidas cada unha delas por tres estudantes, a Facultade de Historia por dous e a Área de Benestar, Saúde e Deporte por unha estudante. Por países de orixe, Francia é o que máis alumnado achega, dez estudantes. Séguelle Italia e México, con oito cada un deles, Alemaña, con sete; Turquía, con seis, e Portugal, con cinco. Bulgaria, República Checa, Bélxica, Polonia e Colombia achegan cada un deles tres estudantes; Chile e Brasil dous cada un deles e finalmente Estados Unidos e Arxentina, un cada un deles.

Aposta pola internacionalización

Este martes estaba prevista a celebración dun acto de benvida a este alumnado estranxeiro, dando continuidade aos xa organizados nos campus de Vigo e Pontevedra, pero suspendeuse pola escasa asistencia. En todo caso e a preguntas das xornalistas, María Isabel Doval, vicerreitora de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación, salientou como “para a Universidade de Vigo a internacionalización é un elemento clave de calidade”. A vicerreitora destacou como “queremos chegar a esa ratio que recomenda a Comisión Europea dun 30% de mobilidades”, apostando entre outras fórmulas, dixo, “polos programas de internacionalización na casa”, que, apuntou, consisten en que o alumnado poida participar en aulas virtuais e a tempo real con estudantes e profesorado de universidades estranxeiras.

Tamén a preguntas das xornalistas sobre o impacto do coronavirus na mobilidade estudantil, a vicerreitora fixo un chamamento á calma e indicou como “nós seguimos as instrucións das diferentes administracións sanitarias e do SEPIE”. Apuntando como non houbo cancelacións este cuadrimestre de alumnado estranxeiro destinado no campus de Ourense, María Isabel Doval tamén indicou como “as novas que temos dos nosos alumnos que están en Italia é que están vivindo nunha situación de bastante normalidade”.

Entre as e os estudantes estranxeiros que están este cuadrimestre no campus de Ourense está a polaca Anna Lubarka, alumna de doutoramento que está a realizar a súa tese sobre turismo inclusivo. Ela, indicou este martes, escolleu vir á Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo co desexo de colaborar durante dous meses con especialistas deste centro, concretamente coas profesoras Elisa Alén e Trinidad Domínguez. “Moi feliz” de estar na cidade e no campus de Ourense, destacou a “amabilidade de toda a xente” e o carácter "moderno" do campus e dos seus edificios.