DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O edificio, deseñado por Alfonso Penelas, supuxo un investimento de 12 millóns de euros

6700 m2 dedicados á innovación e á transferencia do coñecemento

9 entidades, públicas e privadas, teñen reservado espazo e tres delas xa están instaladas

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 18/07/2011
A nova Cidade Tecnolóxica de Vigo, Citexvi, nace co obxectivo de converterse nun polo de atracción de proxectos de I+D+i e nun socio estratéxico para as empresas da contorna favorecendo o emprendemento e a transferencia de coñecemento. En total, 6700 metros cadrados divididos en catro andares xestionados por unha entidade constituída por catro socios estratéxicos (Universidade de Vigo, Zona Franca, Novacaixagalicia e Xunta de Galicia). Cada un dos parceiros ten un 25% da participación sendo o presidente o reitor da Universidade, Salustiano Mato, e o xerente, Manuel Aranda.

Un edificio enerxeticamente respectuoso

Dos 6700 m2 da Cidade Tecnolóxica, 3600 m2 están destinados a aloxar iniciativas de I+D+i e proxectos empresariais, quedando o resto dedicado a servizos xerais e de apoio. As instalacións actuais levántanse sobre unha parcela de 20.370 m2, dispoñendo ademais dunha parcela adicional de 20.000 m2 para unha futura ampliación.

O edificio deseñado polo arquitecto Alfonso Penela supuxo un investimento de 12 millóns de euros e está dotado das máis avanzadas tecnoloxías. Dispón de espazos modulables e multifuncionais de 72 m2 como mínimo, dotados con control de accesos, climatización individual e equipados con tomas de acceso de voz e datos a través de tecnoloxías de última xeración. Ademais conta con amplas salas de reunións multifuncionais, tamén equipadas con medios audiovisuais e unha ampla zona para celebrar exposicións.

O compromiso co medio ambiente está sustentado na propia definición do proxecto construtivo, que comprende unha instalación fotovoltaica de conexión á rede que vai integrada na cuberta do edificio (480 paneis solares cunha potencia en investidor de 100 kW), o que converte a Citexvi nunha pequena central produtora de enerxía limpa. Conta tamén cun sistema de captación de enerxía xeotérmica que, cunha potencia de 500 kW achega unha fonte de enerxía a unha temperatura estable, co que a climatización permite alcanzar uns rendementos beneficiosos e un aforro no consumo eléctrico arredor do 30%.

Primeiros inquilinos

Citexvi bota a andar este luns con seus primeiros inquilinos xa instalados (Gradiant, IQUBE Research e EnergyLab) e espazos reservados para IMATIA; o Grupo de Química Coloidal; o Laboratorio de Biotoxinas Mariñas e as Empresas de Base Tecnolóxica da propia Universidade. No tocante aos sectores, as TIC supoñen case a metade do espazo dispoñible (47,14%), mentres que a Enerxía e Medio Ambiente representan o 31,59%, as Ciencias Mariñas o 10,76% e a Industria o 6,70%.

Na actualidade xa están a traballar nas entidades instaladas en Citexvi 80 profesionais (unha cuarta parte mulleres), dos que 46 son enxeñeiros de telecomunicacións, 10 enxeñeiros industriais, 5 químicos/físicos e os 19 restantes con titulacións universitarias diversas. A facturación agrupada das unidades de negocio de todas as entidades implantadas en Citexvi, en 2010, ascendeu a preto de 10 millóns de euros.

Criterios de aloxamento e servizos

As actividades prioritarias de investigación acollidas en Citexvi están vinculadas coa situación, perspectivas e necesidades das novas tecnoloxías en Galicia en xeral, e en Vigo, en particular. Neste sentido, establecéronse criterios para o acceso das entidades como o potencial científico, técnico e innovador da iniciativa, a súa viabilidade técnica e económica e a súa contribución á imaxe de Citexvi como nodo de tecnoloxía avanzada. Deste xeito, prima o contido científico e/ou tecnolóxico do proxecto e o potencial de colaboración en proxectos de I+D co sistema universitario galego e con entidades públicas, sobre todo nos sectores estratéxicos da Universidade de Vigo (Telecomunicacións, Tecnoloxías da Información, Enerxías e Medio, Ciencias Mariñas, Biomedicina, Tecnoloxías Agroalimentarias, etc)

Para as empresas, centros e grupos de investigación, a Cidade Tecnolóxica ofrece unha ampla gama de servizos de carácter inmobiliario e de infraestruturas, de intermediación, de acompañamento e de asesoramento por parte de profesionais de consultoría e/ou xestores.

Dossier Citexvi (519.99 Kb)