DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Contará de catro sesións que se desenvolverán de xeito virtual

70 persoas participarán no Club de Lectura Feminista

Intervirán as escritoras Ana Requena, Amelia Tiganus, Rocío Vidal, Pilar Mármol e Belén Navarro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Igualdade
  • Académica
DUVI Ourense 27/09/2022

Baixo o lema Lendo con feministas, o día 30 de setembro arranca na Universidade de Vigo un Club de Lectura Feminista no que están inscritas 70 persoas. O que diferencia este club doutros é que serán as propias autoras dos libros protagonistas as que reflexionarán, debaterán e compartirán ideas sobre a súa obras cas e cos participantes. Así, as catro sesións on-line coas que contará a iniciativa contarán coa participación das autoras Ana Requena, Amelia Tiganus, Rocío Vidal, Pilar Mármol e Belén Navarro.

O club de lectura é unha proposta de Almudena Otegui, que está a cursar o Programa de Doutoramento en Turismo da UVigo, e para a súa realización conta con financiamento da Unidade de Igualdade e a colaboración da biblioteca central da institución académica. As súas sesións celebraranse os días 30 de setembro, 14 e 28 de outubro e 11 de novembro, ás 19.00 horas a través do Campus Remoto da UVigo, estando as sesións (que terán unha duración aproximada dunha hora e media) abertas ás persoas interesadas. A idea de pór en marcha esta actividade, indica a súa responsable, xurdiu como “un pequeno homenaxe á miña avoa; ela faleceu o inverno pasado e atopamos escondido no seu armario un libro do ano 1961 que se titula Vida íntima de la mujer, de Pilar Bueno e Antonio Ureta (un tocoxinecólogo) e que debeu ser o libro de cabeceira de miña avoa no que respecta á sexualidade”. Ante este feito, engade, “deume moita pena pensar que a miña avoa, como outras tantas avoas, tiveron que vivir a súa sexualidade e a súa vida íntima en segredo, sen formación, con falta de información, con dúbidas e con medos, nunha sociedade patriarcal onde a sexualidade da muller, o desexo e o control sobre os seus corpos non se consideraba importante”.

Coa posta en marcha deste club de lectura feminista, a súa responsable sinala que “preténdese achegar ás mulleres lecturas feministas e crear unha contorna de lectura e diálogo dinámica e aberta na que poidan expresarse e aprender de forma libre, sen medos e sen esconderse”. Non hai mellor “arma”, explica Otegui, “que a educación” e “aínda que se ten avanzado moito na loita pola igualdade, grazas en parte ao que fixeron as nosas avoa con moitas máis dificultades das que temos nós agora”, comenta que “non podemos pensar que está todo feito porque, por desgracia, queda moito por facer”. Ao finalizar o club, as e os participantes, afirman desde a súa organización, terán maior coñecemento sobre temas relacionados coa igualdade e, probablemente, quererán seguir aprendendo e lendo sobre o tema.

Catro lecturas

Son catro os libros que se lerán ao longo destas semanas. O primeiro é o de Ana Requena Feminisimo vibrante. Si no hay placer, no es nuestra revolución, “unha apoloxía do pracer das mulleres, situándonos, fronte ao terror sexual, no lado activo do desexo e non no de meros suxeitos pasivos cuxa máxima aspiración é a do consentimento”. O segundo libro é La revuelta de las putas, de Amelia Tiganus, “un libro escrito en primeira persoa contando a súa experiencia no mundo da prostitución, facendo un alegato contra ela e a favor da abolición”. Seguiralle a lectura de Machistadas, de Rocío Vidal (Rocío Rainvart), e Ni michismi ni fiminismi, de Pilar Mármol e Belén Navarro. Estes últimos títulos, comenta a promotora da iniciativa, “inclúen conceptos básicos sobre machismo e feminismo e teñen a peculiaridade de que o fan apoiándose en viñetas debuxadas polas propias autoras”. Son, subliña Almudena Otegui, “catro libros de mulleres sen medo a expresar o que senten e pensan, nos que, cada unha á súa maneira e en base a diferentes dimensións do feminismo, perseguen o mesmo obxectivo de acabar coas desigualdades”. Todos os libros estarán dispoñibles para préstamo nas bibliotecas da UVigo.

Os libros propostos, comenta Almudena Otegui, non son “moi técnicos nin requiren unha formación previa sobre igualdade”, apostando por “libros de fácil lectura que acheguen o feminismo dunha forma sinxela, directa e clara”. A dinámica de cada sesión do club, sinala, “vai a ser completamente libre, espontánea”, e as autoras poderán manexar o tempo como elas crean convinte: lendo partes do libro, comentando anécdotas sobre o proceso de creación, etc. Igualmente, engade, “ás asistentes ao club, daráselle total liberdade para falar, expresarse, preguntar…”.

En total, inscribíronse 70 persoas ao club, habendo só tres homes. Sobre esta falta de participación masculina, Almudena Otegui fai fincapé en que “a igualdade efectiva non se vai a conseguir nunca sen a implicación e o compromiso dos homes; se eles non se forman, non leen, non se interesan por este tipo de actividades, dificilmente poderemos conseguir esa igualdade”. As mulleres inscritas abranguen dos 19 aos 58 anos e son maioritariamente procedentes de distintas partes de España pero tamén de Países Baixos, Brasil, México, Chile, Austria e Italia.