DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O informe do Observatorio de Persoas Tituladas analiza todas as promocións entre 1995 e 2020

O 70% das persoas que cursaron os seus estudos de doutoramento na UVigo traballan no sector público

A taxa de ocupación total acada o 95%, sen apenas diferencia entre xéneros

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Estudantado
  • Internacional
  • Reitor
  • Institucional
M. Del Río DUVI 08/11/2022


O  estudo Inserción laboral das persoas tituladas da UVigo en estudos de doutoramento (1995-2020) realizado polo Observatorio de Persoas Tituladas co apoio e colaboración do Consello Social da UVigo, é “único e pioneiro no Sistema Universitario Español” xa que aborda a inserción laboral e empregabilidade de todas as promocións de persoas tituladas en estudos de doutoramento desde a creación dunha universidade ata o momento actual. Entre os resultados deste informe, presentado hoxe martes no campus de Vigo polo director do observatorio Luis Espada, acompañado do reitor, Manuel Reigosa e o presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa, destaca que o 95% das persoas que cursaron os seus estudos de doutoramento na UVigo neste período están traballando, principalmente en Galicia (64%) e no sector público (70%) en labores relacionadas co ensino superior e coa I+D+i.

O estudo analiza a inserción laboral dunha mostra composta por 505 persoas (dun total de 2843) tituladas da UVigo en estudos de doutoramento e que cursaron algún dos 134 programas oficiais entre 1995 e 2020. Como explicaba na presentación Luis Espada, “este estudo realizouse por unha fusión de vontades” entre a dirección da Eido (Escola Internacional de Doutoramento da UVigo), a Área de Calidade e o Servizo de Xestión de Estudos de Posgrao, co apoio do Consello Social da UVigo. De feito, como relataba Reigosa, nace dunha demanda “dos propios servizos da UVigo, que precisaban coñecer cal é o desenvolvemento profesional dos nosos egresados, neste caso dos estudos de doutoramento”. O reitor agradeceu este traballo do observatorio realizado tanto por Luis Espada, como polo analista de datos Vítor Martínez Cacharrón e tamén o apoio do Consello Social, “porque moitas destas actividades son moi importantes para a institución e sen a súa axuda sería imposible levalas a cabo”. 

Pola súa banda, Ernesto Pedrosa, subliñou que traballos coma este teñen convertido o Observatorio de Persoas Tituladas e a comunidade alumni “nun referente en España”, xa que “ningunha outra universidade ten os seus ex-alumnos tan monitorizados e en tempo case real”, o que permite “abrir a Universidade de Vigo ao mundo e achegar argumentos e visións a quen se acerque a ela”. 

Situación do mercado de traballo

O 95% das persoas tituladas en estudos de doutoramento na UVigo entre 1995 e 2020 están traballando, sen apenas diferencia entre xéneros. A taxa de desemprego entre este colectivo é do 3,6% (4,2% de mulleres contra 2,7% de homes), mentres que un 1,4% (1,8% de homes contra 1,1% de mulleres) están en situación de inactividade, é dicir, non traballan por estar a opositar, estudando ou dedicadas ao coidado familiar, maternidade/paternidade, xubilados, pensionistas ou con invalidez... Como puntualizaba Espada na rolda de prensa, no caso do eido tecnolóxico, a inserción acada o 99% e no xurídico-social o 95,6%, sendo o desemprego nulo entre as e os doutores nas ramas de ciencias da saúde.

No que atinxe á perspectiva xeográfica, do total de persoas que participaron neste estudo, o 64,6% traballa en Galicia, mentres que o 23,4% faino en 30 países dos resto do mundo e só o 11,9% desenvolve a súa carreira noutra comunidade autónoma. “Observamos unha tendencia decrecente con respecto aos que traballan en Galicia, partindo dun máximo de 87,2% nos doutores das primeiras promocións ata o mínimo de 48% nas persoas tituladas ao abrigo da normativa actual”. Pola contra, o traballo no estranxeiro “mostra unha tendencia crecente nestes 25 anos, dende o 8% ata o 40% que se acada entre as persoas tituladas coa normativa vixente”.

Respecto á modalidade de contratación, o 93,8% traballa por conta allea e o 6,2% por conta propia e atendendo ao sector, o 51,% traballa no ensino superior, mentres que 18,1% faino en servizos de investigación, o 9,7% no ensino non universitario, o 3,1% en servizos e tecnoloxías da información e o 2,6% restante en servizos a empresas. Así, o sector público ocupa ao 70,1% de total de doutores da UVigo, mentres que na empresa privada traballa o 22,4% e en entidades non lucrativas o 7,5%. Neste caso si que existe unha diferenza por xénero, xa que o emprego público feminino (72,3%) supera ao masculino (67,3%).

Atendendo á categoría profesional, o 99,4% exerce funcións de nivel universitario (directivo/a, mando intermedio e/ou técnico/a cualificado/a) e o 76,7% faino en grandes empresas, mentres que o 9,5% traballa en empresas medianas, o 6,7% en empresas pequenas e o resto, 3,6%, en empresas individuais e microempresas. Se se analiza a valoración do emprego, o 92,5% desenvolve funcións específicas dos estudos realizados, sen diferenzas por xénero. Con todo, existe un nivel de sobrecualificación do 15,3% (21,6% de mulleres contra 7,9% de homes). Pola contra o nivel de infracualificación é do 4,2%.

Comparativa coas persoas agresadas de 1º e 2º ciclo

Unha vez obtidos estes datos, Espada e Martínez Cacharrón quixeron tamén elaborar unha comparativa coa situación das persoas tituladas pola UVigo en estudos de 1º e 2º grao, é dicir, licenciaturas, diplomaturas, graos, mestrados, enxeñarías, etc. Cruzando os datos, obsérvase, como explicaba Espada, que as e os doutores teñen unha taxa de ocupación (95%) moi superior ao resto de egresadas e egresados, excepto no caso das enxeñarías superiores, nas que o nivel é moi similar. Respecto do lugar de traballo, no caso das e dos egresados de 3º ciclo, un 24% que están no estranxeiro, fronte a un 10% ou 11% das persoas que completaron estudos de 1º ou 2º ciclo. Finalmente, atendendo á avaliación do traballo actual, “no caso dos doutores o 93% consideran que o seu posto de traballo se adecúa á súa formación” unha cifra moi superior ao titulados de 1º e 2º  ciclo.

Un punto de partida

Este estudo é o punto de partida dun proceso que vai permitir á UVigo cumprir coas exixencias de calidade e participar –con información actualizada sobre inserción laboral- nos ránkings universitarios nacionais e internacionais que avalían a situación dos estudos de doutoramento. Así, no 2023 o observatorio ten previsto, -co apoio do Consello Social e a colaboración das unidades do terceiro ciclo-, arrancar o seguimento da inserción laboral e da satisfacción cos programas de doutoramento realizados polas promocións máis recentes, comezando coas persoas tituladas en estudos de doutoramento no curso 2020/2021.