DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tras recibir as bandas que os acreditan como titulados no seu acto de graduación

72 novos egresados da Facultade de Ciencias comezan a súa andaina profesional

Os alumnos pertencen ás promocións de tres titulacións diferentes e dous másteres

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Marta Casanova DUVI 13/06/2008

Despois de moitas horas de estudo, longos días de clase, centos de prácticas e numerosos exames, chegou o agardado día da súa graduación para os 72 alumnos da Facultade de Ciencias que a partir de agora comezarán a súa andaina profesional. Pero aínda que os nervios e a emoción foron os protagonistas de tan sinalada data, tamén fixeron a súa aparición a nostalxia do que se deixa atrás e o medo ao futuro que lles agarda. Os alumnos, pertencentes á décimo terceira promoción da licenciatura en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, á onceava en Enxeñaría Técnica Agrícola, á oitava en Física e ás primeira e segunda promocións do máster oficial en Ciencia e Tecnoloxía Agroalimentaria e ao máster en Viticultura e Enoloxía, respectivamente, recibiron como axuda os consellos do vicerreitor de Planificación, José Cidrás e do decano da súa Facultade, Juan Carlos Mejuto, para afrontar a nova etapa da súa vida que agora comezan.
As cinco promocións estiveron arroupadas pola presenza do vicerreitor do campus, Juan Francisco Gálvez, o alcalde de Ourense, Francisco Rodríguez, a concelleira de Educación, Ana Garrido e o subdelegado do goberno na provincia, Camilo Ocampo, ademais dos numerosos profesores da Universidade de Vigo que encheron o salón de graos do Edificio Politécnico. Ademais, o emotivo acto foi amenizado polo coro do campus, dirixido por Xavier Álvarez, que entoou un variado repertorio no que por suposto, non faltou o himno universitario Gaudeamus Igitur en honor dos novos egresados.

Sólida formación para afrontar o futuro

Cidrás foi o encargado de conducir o acto e aproveitou para pedirlle aos graduados que cando boten a vista atrás lembren as alegrías destes anos e esquezan as tristezas pero sobre todo “que volvades á Universidade para cursar algún master oficial na vosa facultade, unha das máis activas na adaptación ao EEES” dixo, “grazas á súa aposta decidida por dotar ao alumnado das habilidades e competencias que necesitarán no seu futuro”. Ademais desexoulles unha integración de éxito no mercado laboral, abalada pola “estupenda formación que tedes. Confiade nela e veredes que con paciencia e traballo case todo se consegue” concluíu.
Pola súa banda, o decano incidiu tamén na importancia da súa educación para afrontar os cambios que lles agardan. “É a vontade o que nos permite ser seres racionais, reprimir os nosos instintos e a nosa natureza, o que nos impulsa a superarnos e mellorar, é o punto de apoio de Arquímedes co que podía mover o mundo” explicou, “e con vontade e esforzo vos chegastes aquí e obtivestes ese punto de apoio para as vosas carreiras e as vosas vidas”. Ademais, expresou, en nome de todo o claustro de profesores “o noso orgullo agora que sabedes pensar, analizar, dudar e discutir” e agardou “que os nosos fracasos se convertan nos vosos éxitos e que a través de vos, as nosas ilusións se fagan realidade. O mundo é voso, pero tede coidado aí fóra” finalizou.