DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O reitor, Manuel Reigosa, e o secretario xeral, Antonio Rodríguez Miranda, déronlles a benvida

73 fillos e fillas da emigración reencóntranse con Galicia cursando un mestrado na UVigo

Son beneficiarios do programa de Bolsas de Excelencia Mocidade Exterior, que impulsa a Xunta

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Estudantado
  • Internacional
  • Reitor
  • Institucional
M. Del Río DUVI 06/10/2021

Que o talento galego espallado polo mundo poida retornar a Galicia. Este é o obxectivo do programa de Bolsas de Excelencia Mocidade Exterior (BEME) que impulsa a Xunta de Galicia e permite que mozas e mozos do exterior poidan cursar un mestrado nas universidades galegas. En total, neste curso 2021-2022 benefícianse desta iniciativa un total de 200 estudantes, tanto galegos residentes no estranxeiro como descendentes de galegos, que proceden de máis de 20 países, principalmente de Arxentina, Venezuela, Brasil, Cuba, Reino Unido, Alemaña ou Suíza. Destes 200, máis de 70 elixiron a Universidade de Vigo para completar os seus estudos e este mércores foron recibidos no campus de Vigo nun acto institucional polo reitor, Manuel Reigosa, e o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, acompañados por Begoña Solís, subdirectora xeral do Retorno. En total son 73 estudantes que elixiron mestrados centrados en áreas da comunicación e a publicidade, a economía e a administración de empresas, a industria 4.0 e as actividades deportivas. Deles, 57 estarán no campus de Vigo e 16 en Pontevedra. 

O reitor deulles a benvida e as grazas por ter elixido un mestrado da UVigo e valorou esta iniciativa “con entusiasmo” porque “vos ven moi ben a vós, porque fóra do voso país e da vos zona de confort ides aprender moito”, e á institución académica porque “sodes talento novo que entra nas nosas aulas”. Reigosa animounos a continuar en Galicia, unha vez rematado o mestrado, ben cursando un doutoramento ou ben comezando a súa carreira profesional, nun país coma Galicia “moi atractivo, tranquilo e no que se vive moi ben,  que se está movendo con parámetros europeos e no que sodes benvidos”.

Pola súa banda, Rodríguez Miranda, lembraba como desta ría “saíron barcos de galegos cara a outra beira do Atlántico e, agora, véndovos a vós aquí, a un alégraselle o corazón”. A todos e todas deulles as grazas “por elixir Galicia, por dar ese salto cualitativo, deixar a comidades das vosas familias, dos lugares nos que estabades establecidos para aceptar este reto; Galicia nos vos vai decepcionar”. Incidiu tamén en que este reencontro encherá de orgullo e felicidade á súas familias, que verán como “podedes estar hoxe novamente en Galicia, algo que igual eles non puideron conseguir”. Lembroulles tamén a necesidade de traballar e esforzarse porque “esta é unha bolsa que se vos concede porque sodes brillantes, porque tedes moi bos expedientes” e animounos, igual que o reitor, a que unha vez termine esta etapa formativa, “decidades quedar aquí entre nós comezando a vosa carreira laboral”. “Algúns xa vides a Galicia coa familia”, engadía, “incluso con fillos pequenos, nenos e nenas que estou seguro que van poder medrar moi felices en Galicia”.

Tamén o presidente da Xunta de Galicia se dirixiu a les a través dun vídeo no que os felicitou por formar parte deste grupo de 200 galegos e galegas do exterior que conseguiron unha destas bolsas para retornar “á vosa terra e á dos vosos antepasados”. Núñez Feijóo lembroulles que son “afortunados, non só polo voso currículo, senón porque isto vos permite retornar a Galicia, especialmente nun momento como este Ano Xacobeo bienal” e recalcou que  “o voso futuro e o futuro de Galicia converxen e todos debemos aproveitalo”. O presidente autonómico tamén recalcou a aposta da Xunta por este programa de Bolsas de Excelencia Mocidade Exterior, que pasou das 150 prazas do ano pasado ás 200 desta quinta edición. O Goberno galego destina para esta convocatoria 1,72 millóns de euros e as e os seleccionados reciben unha axuda económica que vai dos 7000€ aos 11.475€ para cubrir os gastos de matrícula, viaxe, aloxamento e manutención en Galicia.

Unha viaxe chea de recordos

Dúas das 73 estudantes que grazas a estas bolsas estarán este curso na Universidade de Vigo son Paula Vanoli e Isabel Gasso, ambas de Uruguai, que se matricularon no Mestrado en Investigación e Innovación en Didácticas Específicas para Educación Infantil e Primaria no campus de Pontevedra. Fillas de galegos emigrados a Uruguai dende Coruña e Pontevedra, naceron xa na outra beira do Atlántico. Lembran que xa tiveron a oportunidade de coñecer a terra da súa familia de ben pequenas e agora, pasados só uns días dende que regresaron, recoñecen que “son moitos os recordos” que lles veñen á mente. As futuras docentes valoran moi positivamente esta iniciativa da Xunta de Galicia e explican que cando coñeceron o programa de bolsas non o dubidaron, “é unha oportunidade de estudar un mestrado” no estranxeiro pero tamén “de estar en contacto coa terra, de reencontrarnos con Galicia”. Sobre o seu futuro, aínda non teñen claro se regresarán a Uruguai ou quedarán en Galicia, non descartan ningunha das opcións, pero aínda “é moi cedo para sabelo, agora temos por diante uns meses para coñecer esta terra”.

Programa da xornada

Para este día de recibimentos, a Secretaría Xeral de Emigración preparoulles un completo programa informativo, no un técnico da Consellería de Sanidade lles ofreceu unha charla sobre a normativa Covid-19 en Galicia mentres que persoal da Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Emigrante Retornado os informou sobre diferentes cuestións burocráticas e trámites administrativos relacionados co empadroamento, a xestión do DNI ou da tarxeta sanitaria. Os novos bolseiros BEME tamén puideron coñecer os membros da Asociación de Jóvenes Emigrantes Retornados en Galicia, formada por mozos e mozas que foron bolseiros desta convocatoria en edicións anteriores.