DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este xoves presentouse un estudo sobre as mensaxes recollidas nesta iniciativa

O 76% das mulleres que participaron na campaña #primacoso sitúa na infancia o primeiro recordo de acoso e violencia sexual vivida

O traballo foi realizado polo Grupo de Investigación Saúde, Sexualidade e Xénero da Universidade

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Democracia
  • Igualdade
  • Investigación
DUVI 29/11/2018

“A violencia contra as mulleres é un fenómeno xeneralizado e vai a ter impacto na súa vida. Trátase dunha violencia interiorizada na sociedade e polas propias nenas e mulleres que en moitos casos fronte a agresión senten culpa e vergoña. Unha violencia arroupada pola impunidade”. Estas son algunhas das conclusións presentadas este xoves no Concello de Pontevedra do estudo Campaña #primacoso. O relato das primeiras experiencias de violencia na vida das mulleres”, feito polo Grupo de Investigación Saúde, Sexualidade e Xénero da Universidade de Vigo. Nel destácanse datos como que o 76% das mulleres que participaron na campaña sitúa na infancia o primeiro recordo de acoso e violencia sexual vivida.

María Lameiras, autora do traballo xunto a Yolanda Rodríguez e María Victoria Carreira, foi a encargada de presentar o estudo xunto a Carme Fouces, concelleira de Igualdade, e Rosa Campos, directora do CIM de Pontevedra. Segundo indican en nota de prensa desde o Concello de Pontevedra, na súa intervención, Carme Fouces lembrou que a campaña #primacoso estivo guiada por tres obxectivos, como son “visibilizar a base da pirámide da violencia de xénero; os micromachismos e as violencias contra as nenas e mulleres, normalizadas pola sociedade”; “amosar que todas as mulleres, sen importar a idade, clase, profesión ou calquera outra circunstancia, estamos no mesmo barco, somos potenciais dianas da violencia machista” e “coñecer cal era a reacción da sociedade fronte ao acto de valentía das mulleres dispostas a contar o que foi e sentiron como primeiro acoso. Saber se a sociedade apoia ou culpabiliza a vítima e como son tratadas as mulleres nas redes”. Pola súa banda, a directora do CIM de Pontevedra puxo a énfase na visibilización das violencias que sofren as mulleres que, apuntou, quedou á vista na campaña #primacoso e “que reflicte unha maneira de estar no mundo, como te sitúas, como estás na desigualdade”.

De nenas a mulleres

O estudo ten como base as case 3000 mensaxes recollidas nas redes (twitter e facebok) durante a campaña #primacoso de novembro de 2016, lanzada pola Concellaría de Igualdade do Concello de Pontevedra co gallo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero. As autoras da investigación analizaron os relatos recollidos en 2924 tweets e 326 comentarios de facebook e o impacto nas redes das mensaxes: 1,5 millóns de contas alcanzadas e máis de 4 millóns de impactos nas redes, segundo indican en nota de prensa desde o Concello de Pontevedra.
Segundo os datos obtidos, o 76% das mulleres que compartiron a súa experiencia situaron o seu #primacoso (primeiro recordo de acoso e violencia sexual vivida) na infancia e o 24% na idade adulta. Ademais, o 94% das mulleres que valoraron a campaña fíxoo positivamente e un 6% criticou a iniciativa ao entender que era excesiva e rompía os marcos de convivencia. No caso dos homes que valoraron a campaña o 58% fixo comentarios negativos e o 42% positivos.

María Lameiras apuntou como o estudo #primacoso estivo dividido en tres grandes categorías, como son as violencias múltiples que sofren as nenas (abusos e agresións sexuais, bullying e violencia nas relacións de parella adolescentes); as violencias múltiples que sofren as mulleres (acoso sexual, acoso por razón de sexo, abuso e agresións sexuais e violencia nas relacións de parella) e a acollida dos micro-relatos compartidos nas redes (por parte das mulleres e por parte dos homes). O 76% dos casos denunciados a través de twitter, indican no estudo, son violencias múltiples contra menores. As situacións de abusos e agresións sexuais a menores aglutina o 65% dos casos; o bullying de tipo sexual o 10% das situacións denunciadas e o 1% correspondese coa violencia nas relacións de parella de adolescentes.

Estas situacións, recolle o estudo, prodúcense en espazos privados e os agresores son da contorna próxima (familia ou achegados) e teñen unha duración de 2 a 5 anos. Fronte a estas situacións, conclúe o estudo, “as rapazas desenvolven sentimentos de incomprensión, noxos, medo e bloqueo. Esta realidade contribúe á impunidade dos acosadores que constatan que as súas accións non teñen consecuencias”.

Segundo o estudo, o 24% das violencias contra as mulleres denunciadas na rede ao abeiro da campaña #primacoso teñen como vítima a unha muller. Nesta categoría as situacións de acoso sexual fan referencia a un 21.3% dos casos; un 1.6% dos tweets sinalan situacións de acoso en función do sexo; un 1% son de agresións sexuais e un 0.2% correspóndese coas situacións de violencia nas relacións de parella.

“Ao igual que ocorre coas nenas, as mulleres son acosadas e violentadas sexualmente en espazos privados e como elas tamén desenvolven sentimentos de medo, culpa, vergoña e mesmo interiorizan que son responsables do que pasa”, comentan as responsables do traballo. Neste caso, engaden, “tamén os acosadores actúan con impunidade, subestimando o alcance das súas accións, ao tempo que os espectadores quedan no terreo da pasividade”. Neste escenario, María Lameiras conclúe que “non podemos permitir que sigan este tipo de comportamentos e tampouco a impunidade dos seus autores”.